#conNomedeMuller: Avelina Valladares


#conNomedeMuller

                      Con Avelina Valladares Núñez (A Estrada, 1825-1902) ponse de manifesto unha vez máis a situación tan difícil que viviron as mulleres escritoras na Galicia do s.XIX. Enfrontábanse a grandes obstáculos moitas veces insuperábeis para desenvolver a actividade literaria e ó esquecimento no que caían os seus esforzos e logros.  Avelina é un caso máis entre as autoras esquecidas. Irmá do gramático e novelista Marcial Valladares, autor da que se di a primeira novela  escrita en galego:  Máxina ou a filla espúrea, que cumple neste 2020 150 anos da súa redacción. A nosa autora posuía unha grande formación cultural nun momento en que as mulleres galegas eran prácticamente analfabetas. Tivo a sorte de ter nacido nunha familia con recursos económicos e o máis importante: interesada pola cultura. Ten escrito en galego e en castelán e os seus textos están espallados por revistas como o Almanaque gallego de Bos Aires, El Heraldo Gallego, El Compostelano, entre outros. A importancia de Avelina débese ó feito de ter sido unha das primeiras mulleres, senón a primeira, que publicou artigos de opinión na prensa escrita. Unha mostra é “El ochavo milagroso”, sobre supersticións galegas, publicado en El Eco de Galicia na Habana. Por desgraza, Avelina, como moitas outras escritoras decimonónicas, non tiña interese pola publicación (asumindo en carne propia o contexto histórico no que a muller non xogaba ningún papel de relevo na sociedade e na cultura) e restáballe  calquera importancia á súa faceta literaria, de feito a principal dedicación durante a súa vida foi a beneficencia. Avelina deixounos un feixe de poemas en galego que foron publicados en revistas e xornais da época e finalmente recompilados no libro de Xosé Luna Sanmartín Ond´o sol facheaba ò amañecer, sobre a vida e obra da autora.  Deixounos  tamén o "Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego", na que o labrego fala galego e o romeiro castelán. Hoxe existe unha versión para o teatro preparada por Xosé Lueiro Lemos. 

Entre os poemas de Avelina transcribimos un fragmento do titulado
 Ôs qu´emigran:


“…Adios; ¡ai! anaquiños d' a vida

Pobres nàis qu' angustiadas de morte,
Maldecís a fatídica sòrte
Qu'ôs fillíños de vós aleijou
¡Quèn poidera enjugà-l-os regueiros
Que de bàgoas teredes botado!
¡Quèn poidera correr! ¡Dios amado!
Ôs braciños que tanto bicou!

¡Quèn poidera, naiciñas d' a alma,
Despaciño contarvos á solas
 O que pasa d' o mar entr'as olas,
 O que pasa d'o mar màis alá!...
 ¡Canto triste mortal desengaño!
 ¡Canta doce ilusion po-l-o vento!
 ¡Cantos dias d' amargo tormento!
¡Cantas noites de negra suidà!...”


OS XOGOS FLORAIS

159 ANIVERSARIO DOS XOGOS FLORAIS DA CORUÑA




Estamos no 159 aniversario da celebración dos primeiros  Xogos Florais, que tiveron lugar na Coruña, o 2 de Xullo de 1861 no Teatro Principal ou de San Xurxo (hoxe Teatro Rosalía Castro). Os escritores Benito Vicetto e Antonio de la Iglesia impulsaron os Xogos, seguindo a idea de José Pascual López Cortón, o mecenas que correu cos gastos da celebración. Posteriormente publicouse o Álbum de la Caridad cos traballos premiados e con textos de poetas do s.XIX.  Esta publicación tamén foi costeada por López Cortón. A participación das mulleres nos Xogos foi escasa, e as que tiveron algún papel ficaron esquecidas, salvo algunha excepción coma a de Rosalía de Castro.  O propio López Cortón decrarou que concebira os Xogos Florais “como medio de alentar á mocedade estudosa  no cultivo da poesía e da historia de Galicia, do que agardaba unha rexeneración xeral do país”. Para facer xustiza merece destacarse a figura de Xoana de Vega, (se ben ela non quería que figurase o seu nome), que exerceu de mecenas cultural e patrocinadora dos Xogos, xuntos cos autores antes mencionados. Na portada do  Álbum de la Caridad figura  que a obra está dedicada á presidenta da Asociación de Beneficencia da Coruña, que era a propia Xoana, así como a doazón da edición. Os beneficios obtidos da venta do Álbum foron para dita asociación. Este libro, publicado ó ano seguinte da celebración dos Xogos, denominado "Mosaico poético de nuestros vates gallegos  contemporáneos”, é unhas das antoloxías máis antigas do Rexurdimento. Por desgraza poucas foron as mulleres afortunadas que viron publicadas as súas composicións nesta obra. Había sete premios e cada un deles tiña dous accésits. O primeiro premio consistía nunha “flor natural” que quedou deserto. Francisco Añón, obtivo un accésit ó primeiro premio ca súa composición en galego  titulada A Galicia. O de Añón foi o único traballo premiado escrito en galego. Entre as mulleres que figuran no Mosáico están Concepción Arenal, Emilia Calé, Manuela Cambronero, Elisa Lestache,  Juaquina  López de la Vega, Elvira Luna del Castillo,  Narcisa Perez Reoyo y Soto,  Amadora Tapia e unha Rosalía Castro moi nova, con poesías que logo incluiría en Cantares Gallegos como Romaría da Barca ou máis tarde en Follas Novas como a titulada ¡Terra a nosa!. Os Xogos Florais da Coruña serviron de exemplo e motivación, espallándose por toda Galicia. En Pontevedra celebráronse ó mes seguinte e en anos posteriores tiveron lugar os de Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Tui e Betanzos. A participación de mulleres escritoras seguía a ser escasa e menos aínda as galardonadas. Cabe destacar “A Rosa de Ouro” obtida por Emilia Pardo Bazán nos Xogos de Ourense, en 1876, pola súa "Oda a Feijóo", en castelán. Como anécdota, contar que neste mesmo certame presentáronse ó apartado de ensaio Pardo Bazán e Concepción Arenal, quedando empatadas en número de votos. O desempate sería a favor de Emilia. Nos Xogos Florais de Tuí, celebrados en xuño de 1891 figura entre os autores premiados a ourensá Filomena Dato Muruais, quen gañou o “clavillo” coa composición O gaiteiro de Xixón. Precisamente foi esta muller, Filomena, a mantedora dos Xogos florais lucenses que sucederon na década dos anos 70 do s. XIX, chegando a ser a súa presidenta no ano 1900. Filomena Dato escribiu o poema Defensa d´as mulleres co que conseguiu diferentes galardóns.  Para finalizar un fragmento de Defensa d´as mulleres incluído na súa obra Follatos

”Os que negan â muller

 intelixencia e talento,

a millor contestaceon

cicais que fose o disprecio.

¿D' ónde sacaron qu' as almas
teñen com' os corpos seuso?
Porqu' as probes d' as mulleres
nunca tiveron enseño
como os homes, qu' eran tontas,
os homes tontos dixeron…”

Fontes consultadas:  As Precursoras de A. Marco; Revista dixital Galiciana; Follatos, Filomena Dato; Historia da literatura galega contemporánea de Carvalho Calero; Literatura Galega da muller de Carmen Blanco; RAG, arquivos.

O SOLSTICIO DE VERÁN


  Na tradición do solsticio de verán as augas e as herbas teñen un culto moi importante, non só na nosa terra, senón tamén noutros lugares da península e de Europa. Especialmente na Europa atlántica. Esta tradición pagá foi combatida durante a Idade Media e chegaron ata hoxe reconvertidas polo cristianismo en noite de San Xoán. Na mitoloxía popular existe a crenza de que as augas nesta noite teñen poderes máxicos e curativos. As augas das fontes, dos lagos, ríos, do mar e mesmo o orballo dos campos posúen virtudes excepcionais na noite e no abrente deste día. O orballo dos campos poderían curar doenzas da pel. Tamén a auga collida en sete fontes  para facer o cacho, que é a auga á que se lle botan as herbas de San Xoán e que se deixan toda a noite ó relento, servirá para esconxurar e afastar ás meigas e quitar o mal de ollo. As herbas de San Xoán penduradas nas portas e fiestras impiden que entren as bruxas na casa. 
Outra das tradicións máis significativas nesta noite meiga é a da flor da auga. A flor da auga “É un dos misterios máis estraños e poéticos da noite de San Xoán” di Vicente Risco, e é  a que se collería ó sair a raia do sol na tona das augas das fontes,  lagos, ríos…  Hai quen dí que é unha pinga do orballo que na amañecida un paxaro trae no seu peteiro para deitala nunha flor.
Irás ao abrente do día

a auga fresca catar

da auga do paxariño
que saúde che ha de dar.

Corre, meniña,

vaite lavar

alá na fonte
te has de lavar,
e a fresca auga
desta amañecida
cor da cereixa
che ten que dar.

Se arraiar,

se arraiará

tódalas meigas levará,
se arraiou,
xa arraiou,
tódalas meigas levou.

Peladas eran

peladas serán

tódalas meigas
que andan polo chan.


O lexicólogo Eladio Rodríguez no seu dicionario apunta que esta flor é a que buscan as mozas casadeiras. Estas terían que bañarse na noite de San Xoán e mollarse cas nove ondas, como podemos ler nun romance popular que recolle Manuel Murguía:

Cal será a meniña cal, que collerá a auga fría
Non será dama, nin deuda, que será a princesa Aldina,

a princesa namorada, filla do rei de Galicia.
Non hai outra coma ela, tan feitiña e tan bonita.
c'aqueles seus ollos craros, da color d'auga da ría.
Só ti Aldina serás, quen leve a fror d'auga fría:
                                                           Érguete do teu leito nena, ven cara á banda do mar
                                                  qu'anque ti soiña veñas tornarás en compañía.


#conNomedeMuller: Nicolasa Añón

Nicolasa Añón, unha muller precursora da literatura galega contemporánea

 


Nicolasa Añón  nace o 28 de febreiro de 1810 na aldea de Boel na comarca coruñesa de Outes, e morre o 1 de novembro de1887, en Boel. Era a irmá maior do poeta Francisco Añón. O propio Añón dicía dela:
 “Ai, se ela estudase algo, se mesmo poidera ler catro versos, os seus farían que os meus se esqueceran!”
Esta muller labrega, filla de labregos non tivo a oportunidade de realizar estudos como o seu irmán e apenas sabía escribir o seu nome. Ser analfabeta era algo habitual entre as mulleres campesiñas da época. Pese a iso, Nicolasa era quen de compoñer versos que gardaba na súa memoria. As súas composicións, pertencen ó corpus da literatura oral e son de carácter memorístico e temática relixiosa. Os poemas levan estrofas con versos oitosilábicos, que son os propios do cancioneiro popular. En 1885, o mestre Jacobo Lema recolle unha mostra dos seus versos nun pequeno manuscrito. Naquel intre Nicolasa tiña 75 anos.  O libriño consta de catro composicións en castelán e dúas en galego . Ó ano seguinte o xornalista e escritor Lisardo Rodríguez Barreiro de Noia, acudiu a Boel a coñecer a Nicolasa e froito dese encontro nace a reportaxe titulada “La hermana de Añón”. Nesta entrevista, o xornalista consegue anotar varias composicións que Nicolasa recita de memoria, pedindo disculpas previamente debido ó suposto pouco valor das mesmas.

"–Señor, non lle valen nada, porqu’eu maxinos así coma quen non quer a cousa, mentras debullo n’o millo ou acomerando as vacas"

O recurso confírelle naturalidade e espontaneidade á composición


«Estos versos mal compostos / son de Nicolasa Añon / que non tuvo mais prencipios / que os que tubo o legon».
 A autora pide disculpas por facer versos e desanteder o seu traballo,  recurso de humildade que era empregado polas mulleres da época que escribían ou compoñían versos.

 «deixa os versos Nicolasa / mira que verra o becerro / e tamen che verra a baca»,

En Rosalía de Castro, por exemplo atopamos o mesmo recurso en Cantares Gallegos tanto no prólogo como no derradeiro cantar.
Unha das composicións é un romance dedicado a Alfonso XII na súa visita a Santiago de Compostela e unha elexía dedicada a seu irmán
«¡Quén me dera ir á Madril
 á chorar n’o campo santo
 á rezar por meu hirmán
 n’a cova ond’o guindaron!».

Posteriormente Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea, inclúe un apartado dentro do capítulo dedicado a Francisco Añón
“Ao agarimo da sombra do seu irmán, imos dar cobexo na historia da literatura galega a Nicolasa Añón
Carvalho baséase no traballo realizado polo cronista da autora, Lisardo Barreiro. Para Carvalho  Nicolasa foi unha xenuína creadora popular e non unha imitadora. Moitos autores do século XIX quixeron imitar a arte popular pero segundo di o propio Carvalho estes “disfrazábanse de labregos”.  A poesía de Nicolasa era auténtica, ela era quen de reproducir o verdadeiro espírito do pobo nas súas composicións orais.
Desde o ano 2007 Nicolasa Añón figura no Diccionario de mulleres galegas de Aurora Marco, no que Nicolasa ten unha entrada propia. Para finalizar mencionaremos o importantísimo achado do profesor Ramón Blanco, quen atopou o manuscrito orixinal cos versos da poeta. El mesmo encargouse da publicación  do  libro Poesías de Nicolasa Añón catro anos despois (Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes, 2014). A RAG faise eco da noticia e mostra unha adaptación dun poema completo da autora. Velaquí un fragmento
Tamén vos hai outra cousa
que vola vou contar
tamén dan unha medalla
ao que a queira tomar.
Algúns din que non a queren
meu Deus que tolos son
e atrévense a dicir
que a teñen no corazón
Nicolasa Añón unha poeta labrega que merece figurar entre as mulleres precursoras da literatura galega contemporánea e nos libros de texto de literatura galega.


AS TRECE ROSAS


As Trece rosas é xa o nome oficial do parque público de Bastiagueiriño en Oleiros. O pasado sábado día 13 tivo lugar a inauguración. Olga Manzanero, o alcalde de Oleiros e o presidente da Deputación, leron uns textos de homenaxe. O protagonismo do acto foi para Olga Manzanero, sobriña de Dionisia Manzanero Salas, unha das trece rosas. O parque incorpora tamén unha escultura de bronce realizada por Miguel Couto. A peza representa un corpo vencido, caendo derrubado polos disparos, un corpo xoven, case infantil, co mar e Coruña como telón de fondo. Olga emocionou ós presentes coa lectura dun comunicado da Asociación Trece rosas de Asturias e un escrito da súa autoría para honrar a memoria das Trece rosas e especialmente a da súa tía Dionisia e da familia. Vinte anos, vinte, tiña Dionisia cando foi fusilada, varios meses despois de rematada a guerra. Ningunha das Rosas cumplira aínda os trinta anos. Uns días antes de ser fusilada escribiu unha carta a seus pais. A carta de Dionisia é unha das tres que se conservan das escritas polas Rosas. E conmove a fortaleza e valentía dun corazón tan grande
"Estoy serena y firme hasta el último momento. Pero tened en cuenta que no muero por criminal ni ladrona, sino por una idea."

Dionisia foi unha das mulleres fusiladas o 5 de agosto de 1939 en Madrid polo réxime franquista

(Xulio Correa, fotógrafo, é o autor das imaxes)

CLARA CORRAL AYER

             
 Clara Corral Ayer figura na Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, como unha das mulleres escritoras do s.XIX que poetizaron en galego, foi a segunda en facelo despois de Rosalía . Clara Corral naceu en Ourense o 8 de xuño de 1847, e escribiu en castelán e galego. Pertencía a unha familia de escritores. O seu pai, o médico Dimas Corral, foi un dos cantores mindonienses do Nadal. Na nosa lingua atopamos algúns poemas de carácter amoroso como “O ben da terra” ou “O día de San Antón” na liña dos poemas rosalianos de Cantares Gallegos.  Estas composicións foron editadas por vez primeira en La Ilustración Gallega y Asturiana e posteriormente reproducidas en diversas publicacións como O Tío Marcos da Portela de Ourense , primeiro xornal escrito íntegramente en galego. A súa produción espallouse por revistas e xornais, como sucedeu cos textos do resto das mulleres que escribían nesta época. En 1980 saiu so prelo o volume Poesías en Gallego  y castellano que recompila unha parte importante da súa obra.  En 1884 trasladouse a vivir a Coruña, e en 1906 foi nomeada correspondente pola R.A.G. Morreu dous anos máis tarde na nosa cidade.

De “O ben da terra” (fragmento)

“Era unha leda mañán
que día de San Xan era,
cando pola corredoira
que mira cara a igrexia,
vestido el de pano novo,
ela de dengue e mantela,
viñan collidos das mans
como quen vai dunha festa
 bicándose coas meniñas
      dos ollos, Xan e Sabela.”

imaxe: es.wikipedia.org
 Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero

MICAELA CHAO MACIÑEIRA


O 18 de maio de 1916 fundábanse na Coruña as Irmandades da Fala. O seu obxectivo era potenciar o uso do galego e promocionar a nosa cultura. O acto tivo lugar no local social da Academia Galega. Micaela Chao Maciñeira (Viveiro, 1892-27 novembro, 1928), foi a única muller que asistiu ó acto fundacional e foi decrarada "irmá" dos Amigos da Fala, foi a primeira "irmá". Ó ano seguinte Micaela encabezaba unha colecta para financiar unha bandeira galega bordada para a Irmandade coruñesa. En 1918 promoveu a constitución dunha parte feminina dentro das Irmandades. O proceso culminou en agosto dese ano. Contaban nese momento con máis de duascentas mulleres afiliadas e Micaela Chao Maciñeira foi a súa Conselleira Primeira.


Retrato: gl.wikipedia.org

LETRAS GALEGAS 2020

            17 de Maio, un dos nosos días máis importantes. Comecemos polo principio, 1963, Cantares Gallegos. En Rosalía principia todo. Despois de cincuenta e sete anos de Letras Galegas e só catro mulleres festexadas, por fin Carvalho Calero. Veñan todas as homenaxes, todas as  loanzas, todos os recoñecimentos pra Don Ricardo, o Grande mestre; desexando que florezan lilas, malvas e violetas para futuras Letras.

ADIÓS, RÍOS; ADIÓS FONTES

"Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
Miña casiña!, meu lar!"


Foto Xulio Correa, publicada en Proxecto Galicia, reprodución 
              Con estes versos remata Rosalía de Castro o "Adiós, ríos; adiós fontes" o primeiro poema que escribiu para Cantares Gallegos.
           A palabra "lar" poder ter varios significados pero sempre en relación coa casa que habitas. Precisamente é sinónimo de casa familiar, fogar. Tamén nas cociñas rústicas é o lugar da casa onde se acende o lume, como sinónimo "lareira". Por último a palabra lar en plural,  lares, fai referencia ós deuses da mitoloxía romana. Na antiga Roma o lar estaba asociado ó fogo sagrado e os lares, manes e penates eran os deuses domésticos. Os deuses lares representaban os espiritos dos antepasados e protexían a familia. 
  Na casa labrega a cociña é a dependencia máis importante. Nela está a lareira na que se fai o lume para cociñar e tamén para quentarse, por iso nela hai escanos, que son bancos con respaldo e tallos, (bancos pequenos para unha persoa e sen respaldo) para sentar arredor do lume. Pola parte interior da lareira colócabase un canizo, que é unha estructura feita con paus de madeira, no que se penduraban chourizos e carne de porco para afumalos. Tamén do canizo pode ir pendurada unha cadea -a gramalleira- que sostén o caldeiro de facer o caldo ou o xantar.

ROSALÍA E O CABALEIRO DAS BOTAS AZUIS

El caballero de las botas azules é unha novela de Rosalía de Castro escrita en castelán. Subtitulada pola propia autora Cuento extraño, é unha fantasía satírica aínda que pertence xa ó realismo. Protagonizada por un cabaleiro singular que se fai chamar Duque de la Gloria e que sorprende pola súa vestimenta, unhas botas de cor azul, un grande lazo branco con feitura de aguiacho e unha especie de bastón con cascabel. A obra comeza cun diálogo teatral a modo de introdución entre o Cabaleiro e a Musa. Esta personaxe, que acepta a misión que lle encomenda a musa de criticar a clase literaria madrileña, representa ó artista da época que ten o don da Novidade. O Duque vaise convertir nun revulsivo social, o parasitismo, a hipocrisía, as falsas apariencias. A crítica vai dirixida ó sistema establecido no mundo literario, ironizando e burlándose dos escritores e artistas ou críticos literarios todos eles mediocres e con ínfulas de grandeza. Por outra parte louva  o traballo como o medio que dignifica ó ser humano, sobre todo  ás mulleres e especialmente ás de clase social alta. Precisamente as personaxes femininas ocupan un plano central na novela. Rosalía nesta obra, como nas demais, realiza unha crítica esclarecedora do papel asignado á muller da época, totalmente absurdo. A escritora rexeita que estas teñan que estar  subordinadas ó home, sendo esclavas da moda e dos convencionalismos sociais. Podemos deducir da lectura a necesidade da igualdade da muller, a necesidade de traballar, de cultura, independentemente da clase social á que se pertenza. A muller debe aspirar a realizarse con independencia dos homes:
 
                "-Pues bien, te diré todavía, porque te quiero, que si el matrimonio es cruz vale más andar sin cruz que con ella, que el buey suelto bien se lame y que para una boca basta una sopa" (Cap. IV)

El caballero de las botas azules foi publicada no ano 1867 na imprenta de Soto Freire, en Lugo. No ano 2001 publicase O cabaleiro das botas azuis, a primeira  tradución á lingua galega por C.Castro Piñón, na editorial Toxosoutos. Posteriormente no ano 2009 publícase unha nova versión en galego por X.C. Morell González en Trymar

Dinche o corazón na man

           O profesor Ramón Torrado na revista Casa da Gramática que edita o IES Virxe do Mar de Noia, publicaba o pasado ano un poema descoñecido de Rosalía de Castro co título "Dinche o corazón na man". Actualmente a Real Academia Galega vén de publicar unha edición que contén manuscritos autógrafos da propia Rosalía. Entre eles atópase o manuscríto orixinal autógrafo do poema anteriormente citado xunto con outros manuscritos orixinais inéditos, descubertos pola profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lamas, Postrimerías, e que pertencerían a última obra poética da autora, En las orillas del Sar. O achádego é de grandísima importancia, xa que son moi poucos os textos autógrafos orixinais da autora, sendo copias unha grande parte deles.
        O poema "Dinche o corazón na man" presenta un diálogo entre dous mozos namorados e que está na liña dos poemas de Cantares Gallegos; é por tanto un texto de xuventude e probablemente iría pertencer a dita obra:

Dinche o corazón na man

Orixinal autógrafo
-Dinche o corazón na man
Dincho queridiño enteiro
Ca primeiriña esperanza
co pensamento primeiro.
Dincho cal neno que nase
De ilusións brancas cuberto
Caraveliño cerrado
ó teu calor dulce aberto.

-En solitarios herbales
Era rosiña escondida,
solo para ti prantada
Para ti solo nacida.
E coma frol sensitiva
Baixo outra man se pregaba,
E solo onda ti vivía
E de ti lonxe muchaba.

 Rosalía de Castro

Estudiando Rosalía

                 Rosalía de Castro ten publicada obra en galego e tamén en castelán, sendo esta última máis abundante. A seguir trazaremos unha guía dos seus libros desde unha perspectiva cronolóxica. Observaremos como desde a publicación da súa primeira obra, iranse sucedendo outras case cunha periodicidade anual, que só se verá interrumpida na década dos 70, na que só teremos a reedición da súa obra Cantares Gallegos.

A súa primeira obra é o poemario de carácter romántico La Flor publicado no ano 1857, en Madrid.
Lieders son textos publicados ó ano seguinte, en Vigo. Nestes textos a autora reflexiona sobre o papel da muller e o da muller escritora.
La hija del mar, en 1859, tamén en Vigo, aborda o tema da muller que non pode ser feliz.
En 1861 publica Flavio, en Madrid. Trátase dunha novela que afonda na psicoloxía dos personaxes. Flavio, o protagonista, é a encarnación do home romántico.
A mi madre é un longo poema dedicado á súa nai no ano 1862, ano da súa morte.
Cantares Gallegos, publicado no ano 1863, é o seu primeiro libro publicado integramente en galego. Trátase dunha obra de fondo contido social, que xira en torno a tres eixos centrais: primeiro a  reivindicación do idioma galego; en segundo lugar, denunciar a situación de marxinación social do pobo galego e a explotación que padece, especialmente as mulleres,  e en terceiro lugar, tratar de desmontar a mala imaxe que se tiña de Galiza na súa época.
En 1864, publica na prensa a obra en prosa Conto gallego, que se trata dun claro alegato a favor da muller.
Las literatas. Carta a Eduarda e El cadiceño, son composicións en prosa publicadas en Lugo en 1865. Ls literatas é un pequeno ensaio sobre as dificultades da muller escritora e dos prexuízos da sociedade decimonónica en contra desta. El cadiceño é unha denuncia das consecuencias de perda da identidade galega debidas á emigración.
En 1866, publica en Madrid Ruínas, novela de carácter realista.
El caballero de las botas azules é do ano seguinte (Lugo, 1867) e preséntanos a unha sociedade madrileña decadente, cando está a piques de suceder a Revolución de 1868. Moitos críticos teñen sinalado esta novela como a mellor das novelas rosalianas.
En 1872,  2ª edición de Cantares Gallegos
1880 é o ano da publicación de Follas Novas, coincidindo tamén coa publicación de Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez e Saudades Gallegas de  Valentín Lamas Carvajal
El primer loco, obra de 1881, presenta o tema da loucura á que conduce a frustración amorosa.
Neste mesmo ano publica artigos na prensa da época, como Costumbres gallegas.
Finalmente, un ano antes da súa morte, (1885)  a nosa autora publicará En las Orillas del Sar, en Madrid. Obra de carácter existencial e pesimista e na que segue presente o seu grande amor por Galicia.


Rosalía de Castro, 24 de febreiro, 1837

            177 anos pasaron xa desde o nacimento da nosa escritora, e desde entón a súa importancia dentro das nosas letras  non para de aumentar. O luns, 24 de febreiro, cumplirase un novo aniversario da autora e moitas e merecidas homenaxes terán lugar por toda Galicia, especialmente no ámbito académico. O obxectivo destas lembranzas de escritores é difundir as obras dos autores en particular e ademais potenciar  a literatura galega en xeral, e a propia lingua. A divulgación de autores sempre pode resultar motivador para que as persoas se acheguen ós nosos criadores. Rosalía merece todas as homenaxes por ter sido unha muller escritora nunha época en que ás mulleres estaban apartadas deste ámbito e ademais por  escribir e reivindicar unha lingua, a propia, que viña padecendo unha profunda marxinación e desprecio
desde séculos atrás. Ela venceu todas as barreiras e hoxe é a única escritora galega que ten proxección universal.

DECIMOS ROSALÍA
      Decimos Rosalía
i alcéndese un espello
na noite largacía

     Na noite ensimesmada
cai un orballo escuro
de auga lenta e calada.

    De auga lentade pranto:
os nosos ollos son fontes
de tanto chorar tanto

     De tanto vao láido,
polas serras e vales
pasa un vento ferido.

    Pasa un río entoldado,
que entoldou un tempo
de renuncia humildado.

    De renuncia está feito
o puñal que levamos
espetado no peito.

    Espetado en ringleiras
dos galegos que marchan
prás terras estranxeiras.

      Decimos rosalía
i o corazón da matria
sanra na noite fría.
                Celso Emilio Ferreiro

Martín Códax no 2014

O mar está presente na poesía de Martín Códax, o mar de Vigo. Pouco sabemos deste xograr do século XIII a quen os estudosos sitúan a Vigo como patria do autor. Vigo hai oito séculos era unha pequena aldea mariñeira. Na actualidade coñecemos de Códax sete poemas, sete cantigas, as únicas que se presentan tal e como foron compostas: co texto literario acompañado do texto musical. Afortunadamente o manuscrito que contiña as sete cantigas de Códax foi atopado hai cen anos  polo libreiro madrileño Pedro Vindel. quen en 1915, ó ano seguinte da súa descuberta,  publicou unha edición facsimil de só 10 exemplares. Actualmente o valiosísimo pergamiño está desde 1977 na biblioteca Morgan, en New York
Martín Códax é un dos poetas medievais que vai inspirar o movemento literario que coñecemos co nome de Neotravodorismo e que se inaugurou en 1933 co poemario Nao senlleira de Fermín Bouza-Brey.
Este xograr de Vigo é dos poetas galego-portugueses máis universalmente coñecidos. Hai traduccións das súas cantigas a diferentes linguas europeas como: inglés, francés, italiano, catalán, castelán, alemán, entre outras.

Ai ondas, que eu vin veer,            Ai ones, que a veure-us vinc,         Ai, ni ikustera nentorren ubinak       
se me saberedes dizer                  per cas em sabríeu dir                   esaten bazenegidaten
         porque tarda meu amigo          per què tarda el meu amic              zergatik tardatzen duen nire lagunak
         sen min?                                 sens mi?                                          ni gabe?


Hélas ondes, que je suis venue voir,       Ahi onde, che son venuta a vedere,     Ay waves, that I came to see,
si vous pouviez me dire                         se mi saprete dire                                might you say unto me
      pourquoi mon ami tarde                          perché tarda il mio amico                     Why my love lingers so
      sans moi?                                               senza di me?                                         away from me?

Felicitando o nadal


Haiku de inverno


O camiño branco da montaña

vaise
alongando
silencioso

e ninguén o alcanza.