#QuedindosRumorosos

 Oficialización do noso Himno o 29 de maio de 1984


Que din os rumorosos,

na costa verdecente,

ó raio trasparente

do prácido luar...?

Que din as altas copas

de escuro arume harpado

co seu ben compasado,

monótono fungar...?

 

«Do teu verdor cinxido

e de benignos astros,

confín dos verdes castros

e valeroso clan,

non des a esquecemento

da inxuria o rudo encono;

desperta do teu sono, desperta do teu sono,

fogar de Breogán.

 

Os bos e xenerosos

a  nosa voz entenden;

e con arroubo atenden

o noso rouco son;

mas, só os ignorantes,

e férridos e duros,

imbéciles e escuros

non os entenden, non

 

Os tempos son chegados

dos bardos das edades,

que as vosas vaguedades

cumprido fin terán;

pois onde quer, xigante,

a nosa voz pregoa

a redenzón da boa

nazón de Breogán


       No Estatuto de Autonomía de Galicia, queda incluído na Lei de símbolos de Galicia con data de 29 de maio de 1984. Sabido era que a letra oficial do himno aprobado polo Parlamento de Galicia , non era a letra real que escribira o poeta Eduardo Pondal, xa que varíaban moitos termos, como “chan” en lugar de “clan”, “cinxido” substituído por “cinguido”, “féridos” en lugar de “férridos”, termos en definitiva alleos ó poeta… Polo que a día de hoxe, entoamos o verso “os tempos son chegados,” cando se cumplen 37 anos da súa oficialización. Chegou o tempo de cantar e celebrar o noso himno co auténtico texto creado polo bardo das nosas Letras Eduardo Pondal Abente e por suposto sen esquecermos a música do mestre Pascual Veiga Iglesias. Así pois, afinemos ben as gorxas e cantemos!

 

-Pilar García Negro: Himno galego, unha historia parlamentar (inconclusa) (2017)

-http://publicacions.academia.gal › rag

 

-

#conNomedeÁlvaroCebreiro

 


IV. Mocedade!

Agora compre-vos dicir, mozos d´a nosa Terra, si pensades seguir indo costa abaixo pol-o tempo ou encarados

 c´o porvir.

Si queredes libertar-vos d´o xerme d´a vellez e d´a morte. Si queredes adonar-vos d´a vosa mocedade ou siguir sacrificando-a n-un altar de Mitos e Fracasos.

Compre romper a marcha pol-a mesma estrada que fagamos c´os nosos pasos, e afrontar en ela unha peligrinaxe sin chegada, porque en cada relanzo d´o camiño agardanos unha voz que nos berra: Máis alá!

                          (Manifesto Máis alá por Álvaro Cebreiro e Manoel-Antonio, San Xoán- 1922)


 O 26 de maio de 1903 nacía na rúa coruñesa de Linares Rivas o debuxante Álvaro Cebreiro Martínez. Xa desde moi novo comeza a destacar como debuxante, con tan só 16 anos comeza a colaborar ca revista A Nosa Terra das Irmandades da Fala, facendo caricaturas de xentes do mundo da cultura. E durante eses anos de mocedade cando coñece a Manoel Antonio e mesmo a Ramón Cabanillas para quen ilustrou o seu poemario Vento Mareiro. A partir deste momento traballa en diferentes revistas e mesmo con editoriais como ilustrador.  No ano 1922 publica xunto a Manoel Antonio o manifesto Máis alá que marcará un fito dentro da cultura galega, posicionándoa dentro do vangardismo europeo. Ambos artístas postulan a ruptura cos vellos xeitos de crear xunto a unha auténtica renovación das artes. A partir deses anos  aumentan as publicacións e Cebreiro chega a ser director artístico da revista lucense Ronsel, colaborador habitual tamén da coruñesa revista Alfar. Os seus deseños  chegaron a periódicos como El Sol, un dos xornais máis importantes no Madríd da época. Cebreiro en 1928 viaxa a París, onde foi a completar a súa formación. Alí reside durante máis dun ano, traballando como debuxante.  Ó seu regreso, o ilustrador xa tiña un amplo currículo profesional e artístico. A obra de Álvaro, fortemente influenciado por Castelao e polas vangardas artísticas, baséabase fundamentalmente na creación de historias de banda deseñada, carteis e ilustracións, pero Cebreiro é sobre todo un caricaturista, técnica que dominaba con mestría, que mostraba á perfección ós personaxes que caricaturiza, collendo os rasgos que mellor definían a cada personaxe.


Durante a II República colabora cos republicáns da cidade e publica en distintos medios. A partir da guerra civil Cebreiro deixa de publicar os seus deseños. Moitos dos seus amigos foran asasinados, outros exiliáronse e el comezaría un exilio interior do que non sairía ata catorce anos despois.




 En 1949 inicia as súas colaboracións no xornal El Ideal Gallego con tiras humorísticas nas que reflexaba as carencias da vida rural e urbana dunha Galicia de posguerra. Neste xornal continuaría publicando ininterrumpidamente ata a súa morte. En 1953 é nomeado académico da Academia Provincial de Bellas Artes de A coruña. Álvaro Cebreiro morría na Coruña no ano 1956 a edade de 53 anos.



A Real Academia Galega homenaxeou ó artista en 2017 no Día da Ilustración (30 de xaneiro)

 A Marea Atlántica de A Coruña utiliza un cartel deseñado por Álvaro Cebreiro, suprimindo parte do texto e galeguizando o nome da cidade

Publicado en La Voz de Galicia

 Fontes: Museo de Bellas Artes de A Coruña e Real Academia Galega



 ..

#quedinosrumorosos

 

 

Publicación da RAG


HIMNO

"Composición musical destinada a ser cantada en honra e loanza de algo ou de alguén e que se converte en símbolo dunha comunidade de persoas, dun ideal …" (dicionario RAG)

 

              O século XIX é o século dos himnos. A meirande parte dos himnos en Europa son creados nese momento. En Galicia xa houbera varios intentos pero, talvez a historia do noso comezase un 22 de maio de 1890,  cando o músico Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842- Madrid 1906) convocaba un Certame Musical na Coruña que incluía un premio á mellor “composición rexional galega”. O músico Veiga xa lle tiña solicitado con anterioridade ó poeta Pondal un poema para tal fin; por tanto a composición gañadora tería que poñer música ó texto de Os Pinos de Eduardo Pondal Abente (Ponteceso, Coruña, 1835- Coruña 1917).  O músico militar catalán Gotós gañou o premio, pero a súa creación caeu no esquecemento. O mestre Pascual Veiga Iglesias tamén tiña preparada a súa propia música. Coñecedor disto,  o litógrafo ferrolán Xosé Fontenla Leal (Ferrol, 1864- La Habana, 1919) residente en Cuba e que tamén levaba tempo traballando na idea de que se crease un himno para Galicia , solicitoulle a Veiga unha copia da súa partitura. Ó cabo, o himno galego foi interpretado por vez primeira no Gran Teatro da Habana o 20 de decembro de 1907, para homenaxear a Veiga que tiña falecido o ano anterior. A partir deste momento, o Himno sería tocado en todos os actos oficiais  organizados pola comunidade galega en Cuba. En Galicia, o día 17 de setembro de 1912 co gallo do traslado dos restos mortais do músico mindoniense Pascual Veiga a Mondoñedo, o himno soaba en público por vez primeira na nosa terra. A partir de aí comezaría a súa utilización en celebracións e actos solemnes relacionados con personaxes da cultura galega, nomeadamente os relativos a Rosalía de Castro. En 1916, con motivo da inauguración do monumento na Coruña dedicado a Concepción Arenal (Ferrol, 1820- Vigo, 1893) promovido polo concello, o alcalde Manuel Casás Fernández pediu ó profesorado das escolas públicas coruñesas que ensaiasen o himno nas aulas para interpretalo ese día. Neste mesmo ano fundábanse na Coruña as Irmandades da Fala e inmediatamente adoptaron o himno de Veiga- Pondal como Himno nacional galego, comezando así a ser interpretado en calquera lugar e circunstancia, en celebracións de todo tipo, tanto políticas como festivas. O pulo dado polas Irmandades foi chave para a súa consolidación. Despois viñeron os anos escuros, a ditadura de Primo de Rivera primeiro, a ditadura franquista despois, sendo esta a etapa máis dura e negativa, a longa noite de pedra,  na que foi prohibida a súa interpretación. Haberá que agardar ata 1981, ano en que se aproba o Estatuto de Autonomía,  para que sexa recoñecido oficialmente como Himno de Galicia. No artículo 6 do Estatuto figura:

“Galicia ten himno e escudo de seu”

Quedando definitivamente institucionalizado como “Himno oficial” da nosa terra.


 

-Terra e Tempo, Axenda cultural AELG. Historia do Himno Galego por Manuel Ferreiro:

http://www.aelg.gal/resources/centrodoc/members/paratexts/pdfs/autor201/PT_paratext5285.pdf

http://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/download/209/210/1117-1?inline=1

 

 

 

 


 

#conNomedeMuller: María Mariño Carou


 

-          MARIA MARIÑO CAROU (Noia, 8 de xuño de 1907-Folgoso do Courel, 19 de maio de 1967)

-           Linme hoxe toda por dentro.
¡Linme!
¡Como me está chegando!
¡Como me apaña!
Eu non sei,
non sei si me chega ou vou por ela.
Non o sei.
¿Ouh, pra que me trouxeches si hoxe me levas?
Hoxe,
hoxe, día de todos en un.
Infindá do tempo. ¡Hoxe!
Hoxe de quen todos somos na marea sin ondas,
sin velas,
sin barcos en coor vello.
Hoxe, ¿de quen?
Hoxe: dirán uns.
Hoxe: dirán outros mentras...
mentras reparan no que non hai.
En hoxe todos,
todos damos do fin o paso del.   (de “Verba que comeza". Obra completa, Xerais)

         María Mariño a “dinamitera da fala” como a cualificou Uxío Novoneyra, porque en palabras do poeta:

"preme, rompe, combate, bate a sintaxe convencional, destrivializando a expresión, quizabes sabedora de que a esencia do noso idioma é a libertade"

A nosa lembranza para María, cando se cumplen 24 anos do falecimento da autora de Palabra no Tempo e Verba que comeza. En 1953 coñeceu a Novoneyra cando foi vivir ca súa familia ó Courel, á aldea de Parada. Foi precisamente o poeta do Courel, quen promoveu a publicación do primeiro poemario de María, e el mesmo pediulle a Ramón Otero Pedrayo que lle fixese o prólogo, algo que Otero aceptou. O segundo libro publicado 27 anos despois, foi escrito nos derradeiros meses de vida da autora e promovido tamén por Novoneyra e mais o poeta noiés Antón Avilés de Taramancos. María Mariño foi a terceira muller escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas, no ano en que se cumplía o centenario do seu nacemento en 2007.



“Onde queda o meu camiño?

Meu camiño aquil de sol enteiro,

de auga de chuvia,

de vento e loita.

Dónde queda?

Derruboume e non sei del”

   (de Verba que comenza. Antoloxía poética. Edición de Patricia Arias. Editorial Galaxia)



#LetrasGalegas21: Xela Arias


 

A unidade componse.
          Da desorde.

Desordénome, amor,
e dou co punto
único
do centro dos abrazos.

Abrazo a desorde das ideas
e sei
que a unidade se compón.

    A unidade componse.

    Da desorde.                

  (“Intempériome”)


     
  Xela Arias, a poeta que quixo ser roqueira, gustáballe moito o rock and roll, grupos como The Rolling Stones, Lou Reed , AC/DC, Patti Smith(1) …Nalgunha ocasión ten dito que a influiran máis os grupos de rock que todas as autoras e autores galegos. Vestida ca súa casaca de coiro, escribía letras para o grupo vigués Desertores. En 1991 publicaron o disco “El desertor” que incluía nove cancións escritas por ela, posteriormente houbo un segundo disco con cancións de Xela. 



         Xela Arias Castaño nacía en Sarria, Lugo, o 4 de marzo de 1962 e falecía en Vigo, o  2 de novembro de 2003. Cando Xela tiña 7 anos, a familia trasladouse á cidade de porque seu pai, que era mestre, foi destinado a esta cidade, onde transcorrería a meirande parte da súa vida.   En 1979 interrompeu os seus estudios e comezou a traballar na recén creada Edicións Xerais de Galicia, nun principio como oficinista, chegando a realizar traballo literario como correctora de estilo e editora. Precisamente a faceta de editora en Edicións Xerais é unha das máis importantes da súa traxectoria. A partir de 1980 comeza a publicar en xornais como o principal diario da cidade O Faro de Vigo, ou revistas como A nosa Terra, Luzes de Galiza ou Festa da Palabra Silenciada, ao tempo que vai desenvolvendo un significativo labor como activista cultural e social, participando en recitais poéticos contra a entrada de España na Otan, interviñendo en actos en solidariedade cos afectados polo desastre do Prestige, con poemas como Cadáver de man,  ou colaborando na lectura dun comunicado contra a guerra de Iraq, xunto a outros poetas. Tanto a faceta literaria  como a de activista social insumisa e rebelde, van camiñar xuntas durante toda a súa vida.  En 1992 casou en Vigo co fotógrafo Xulio Gil e tivo con el o seu único fillo Darío a quen lle dedicou un libro de poemas Darío a diario; durante esa época retomara os seus estudos , licenciándose en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago no ano 1996. A partir deste momento iniciaba a súa carreira como profesora de lingua e literatura castelá en ensino secundario, impartindo aulas en diferentes institutos galegos. Outra das actividades desenvolvidas por Xela arias foi a de tradución de autores da literatura universal como Wenceslao Fernández Flórez, Roal Dahl, James Joyce ou mesmo Cervantes. En 1986 publica o seu primeiro libro de poesía Denuncia do equilibrio. Outro título Lili sen pistolas, co que foi finalista do Premio Esquío, aínda permanece inédito. En 1990 sae do prelo unha obra que é froito da colaboración co seu compañeiro Xulio Gil, Tigres coma cabalos que contén poesía e fotografía.  Intempériome é o título do último libro publicado en vida.  Ademais dos seus poemarios,  Xela, tiña publicadas numerosas colaboracións en obras colectivas como Daquelas que cantan ou Palabra de Muller. En canto á narrativa, neste ano vén de ser publicada unha obra de literatura infantil ilustrada Non te amola!, na que están presentes as súas vivencias dentro dunha familia numerosa e cos amigos do barrio no que vivía.

Volvendo ó rock and roll, o grupo musical A banda da Loba, liderada pola ferrolana Xiana Lastra, presentou o pasado 8 de marzo, Día da Muller, o seu vídeoclip titulado Intempériome, pertencente ó EP Hasme oír dedicado íntegramente a Xela, e con motivo do Día das Letras a banda estrea o vídeoclip da canción Darío a diario. Por unha vez, neste s.XXI, as Letras Galegas visten casaca de coiro para homenaxear a súa colega roqueira Xela Arias.



(1) Intempestiva, páx.:31 por Montse Pena Presas

(2)-www.farodevigo.es/comarcas/2021/05/15/desertores-recopila-temas-rock-xela-51845149.html

https://academia.gal/letras-galegas/2021/xela-arias-

-https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2021/05/14/xela-arias-era-canera/0003_202105G14P36991.htmhttps://

-El independiente.com



#conNomedeMuller: Jeanne Barret

 


        Sucedeu mentres andabamos atarefados no cuidado das nosas buganvíleas; de súpeto, experimentei o efecto Proust. As fortes cores alegres e cálidas das miñas rubideiras fixeron que lembrase a historia de como chegaron a Europa estas fermosas prantas tropicais orixinarias do Brasil. Como soe pasar con frecuencia, lalmentablemente, unha muller esquecida aparece como protagonista.

 O seu nome Jeanne Barret,  ou Baret, é o dunha francesa que viviu entre os séculos XVIII e principios do XIX. Jeanne naceu na Borgoña o 27 de xullo de 1740 e morreu o 5 de agosto de 1807 en Saint-Aulaye. Baret foi a primeira muller en dar a volta ó mundo entre os anos 66 e 69 do século XVIII. Esta francesa era de formación autodidacta na botánica, traballaba para o médico e naturalista Philibert Commerson, quen a instruiría nesta ciencia. Commerson ía incorporarse á expedición do explorador Louis Antoine de Bougainville. Jeanne, con 26 anos, quixo facer o mesmo que o seu compañeiro, pero como non estaba permitida a presenza de mulleres a bordo de buques da Armada francesa, nos que viaxarían, para poder conseguilo cambiou o seu nome polo de seu pai, Jean Baré, e vestiu roupas de home. Jeanne alistouse como asistente de Commerson.  Durante a viaxe desembarcaron en lugares como Río de Janeiro, Tahití, Illas Mauricio, Madagascar e a parella conseguiu recoller máis de seis mil mostras de especies vexetais  dos sitios visitados. Entre elas estaban unhas prantas rubideiras descubertas no Brasil, que Commerson bautizou co nome de buganvíleas en homenaxe ó xefe da expedición. Á súa chegada a Tahití,  Jeanne foi descuberta pola tripulación e  violada. Finalmente Bouganville deciudiu que desembarcase na Illa Mauricio xunto co seu socio Commerson, quen morrería alí mesmo algún tempo despois. Posteriormente a muller conseguiría regresar a Francia levando con ela as mostras botánicas que recolectara xunto a Commerson e que agora están incorporadas ó Herbario do Museo Nacional de Historia Natural francés. Á súa chegada a París, Jeanne foi declarada a herdeira de Commerson, sendo ademais recoñecida polo descubrimento da pranta das buganvíleas. A muller conseguiu que o rei Luís XIV lle concedese unha renda vitalicia, pero a súa figura desgrazadamente caeu no esquecemento. Por fin actualmente existe xa unha especie natural que leva o seu nome, a Solanum baretia. Vou seguir este exemplo e a partir de hoxe as rubideiras da miña casa deixarán de ser bouganvíleas e serán baretias na honra da muller das herbas!




-https://historia.nationalgeographic.com.es/a/jeanne-baret-primera-mujer-que-circunnavego-mundo_16297 ----https://noticiasdelaciencia.com/art/3424/el_reconocimiento_cientifico_a_la_primera_mujer_que_dio_la_vuelta_al_mundo

#CentenarioEmiliaPardoBazán

Por Joaquín Vaamonde, 1896 (Xeración Doente)


 

     "Aspiro, señores, a que reconozcáis que la mujer tiene destino propio; que sus primeros deberes naturales son para consigo misma, no relativos y dependientes de la entidad moral de la familia que en su día podía constituir o no constituir; que su felicidad y dignidad personal tienen que ser el fin esencial de su cultura, y que por consecuencia de este modo de ser de la mujer, está investida del mismo derecho a la educación que el hombre, entendiéndose la palabra educación en el sentido más amplio de cuantos puedan atribuírsela."

 


"La educación del hombre y de la mujer. Su relación y diferencias “ (Memoria lida no  Congreso Pedagógico en outono de 1892)

 Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 16 de setembro 1851- 12 de maio de 1921)


O mural por Lidia Cao nunha vivenda de Santa Cruz, na avenida de Emilia Pardo Bazán é unha das iniciativas do Concello de Oleiros para conmemorar o centenario do pasamento da escritora coruñesa


#conNomedeMuller: Ann Jarvis

 

Desde Rea, a nai de Zeus, ou a súa equivalente romana chamada Hilaria, existe un día dedicado ás nais en diferentes culturas e sendo utilizada tamén pola igrexia católica en épocas posteriores. A americana Ann Jarvis no século XIX fixo que este día  tivese  un carácter diferente, de vindicación do traballo e dereitos da muller. Ann María Reeves Jarvis (EEUU, 30 de setembro de 1832-9 de maio 1905) figura como fundadora da celebración do Día da Nai na época contemporánea. Ann Jarvis durante a guerra civil americana (1861-1865) organizou grupos de mulleres para atender os feridos e traballou activamente neste labor social atendendo ás víctimas de ambas parte do conflicto. Ó remate da guerra promoveu entres outras cuestións a seguridade social das mulleres traballadoras e os temas relacionados coa saúde das familias, nomeadamente das máis necesitadas. Loitou tamén para que o traballo das mulleres e especialmente das nais traballadoras fose recoñecido e conmemorado. A súa filla,  tamén chamada Ann Jarvis (1864-1948), trala morte da nai  quixo que o labor realizado por esta fose lembrado cada ano no mes maio, no que falecera a súa nai, pero non só reivindicaba o esforzó da nai, senón tamén o de todas as nais que traballaban ó tempo cuidaban dos fillos e da familia. Ann promoveu unha campaña para conseguilo e esforzouse duramente para lograr que o Día da Nai fose unha festividade nacional. Finalmente  esta data fíxose oficial no ano 1914 en Estados Unidos e de aí espallouse a Europa. Posteriormente Ann Jarvis reaccionaría contra da comercialización e banalización deste día que ela mesma promovera, pois estaba apartándose da intención coa que fora creada. Ann e a súa irmá Elsinore loitarían  ata o final da vida contra a explotación comercial do Día da Nai.



Anna Jarvis, nai e filla

Imaxes tomadas da Wikipedia.org