#conNomedeMuller: aniversario da fundación da RAG

 

           

Logo da Academia: RECOLLE, LIMPA E INNOVA

        “De cuantos actos públicos he tomado parte en mi ya larga vida, ninguno fue tan grato a mi corazón como lo es el presente, tanto por lo que representa como por lo que importa a nuestro país”

Con estas palabras Manuel Murguía comezaba o seu discurso como presidente da Academia Galega o 30 de setembro de 1906, no acto oficial de inauguración celebrado no salón de festas da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña. Murguía sería presidente desde ese ano ata 1923.  O obxectivo principal da Academia consistía dende entón en “darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e dun dicionario”.  A Academía crea ademáis nese mesmo ano o “Boletín” como ínstrumento oficial para publicar traballos científicos, artigos sobre diferentes materias de lingua, literatura, historia…, actividades, noticias, funcionamento… No Boletín  número 2 de 1906 publícase a relación de nomeamentos dos académicos. Entre os académicos de número, que son os que asumen as función de gobernó, non figuraba ningunha muller. Emilia Pardo Bazán foi designada presidenta honoraria da institución e entre os  académicos correspondentes aparecían nomeadas as seguintes autoras:

Emilia Calé Torres, Sofía Casanova, Clara Corra, Rita Corral, Filomena Dato, Fanny Garrido, Elisa Lestache, Sarah Lorenzana, Marquesa de Ayerba, Carolina Michaelis de Vasconcellos, Hipólita Muiño, Ramona Peña de Castro López Mercedes Tella e Mercedes Vieito Bouza (Habana)

Na hemeroteca da RAG atopamos a reprodución do artigo que a escritora Hipólita Muiño publicou baixo o pseudónimo de Valentina Lago-Valladares, sobre o acto de inauguración no semanario Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas, o 28 de outubro de 1906 (número 606). O artigo titulábase  “A inauguración da nosa Academia Gallega e estaba escrito integramente en galego:

"Encomenzou o acto, e n'aquel escenario onde se xuntaban un fato de académicos e escritores e de verdadeiros gallegos, parecíame un niño de paxariños que cantaban n-as arboredas e nos pinares n-as escuras tardes de outono”.

Na sesión de inauguración foi lida polo académico Lugrís Freire a poesía  “Amor d´a patria” dun dos fundadores da Academia Valentín Lamas Carvajal que falecera o día 4 de setembro.

Amor d' a terra, ben haxas sempre!
¡Ou sentemento subrime e dolce,
ti non nos deixas nin n-a desgracia;
n-as nosas almas, ti nunca morres!”

Na actualidade a Academia está composta por 30 membros plenarios dos que só oito son mulleres.

 


Fontes consultadas

RAG: Páxina Web, hemeroteca e BRAG.

#conNomedeMuller: Mary Wollstonecraft

 

  Mary por Mary Wollstonecraft      

Wollstonecraft por John Opie, 1790-91

              

                    “Ao escribir esta novela, preferín retratar paixóns antes que costumes. En moitos casos, podería ter dado ás escenas un carácter máis dramático se tivese sacrificado o meu obxectivo principal: o desexo de mostrar o sufrimento e a opresión, exclusivos de mulleres, que proceden dunhas leis e costumes sociais partidistas. Na invención desta historia, esta idea puxo freo á miña fantasía e por iso este relato debería ser considerado como a historia da muller, máis ca dun indiviudo concreto. Tratei de que os sentimentos se personificasen”       

                           (Maria or The Wrongs of woman)

 Cando aludimos a Mary Wollstonecraft, estámonos a referir a unha das musas do feminismo que viviu hai máis de dous séculos (Londres, 27 de abril de 1759-10 de setembro de 1797) e que foi  quen de ser escritora profesional, algo verdadeiramente insólito no século XVIII. A súa biografía e obra aparecen  hoxe en día recollidas e analizadas en numerosas páxinas, ensaios, e toda clase de publicacións académicas ou non. Pensamos que a súa breve e nada convencional vida (non chegou ós corenta),  daría para un denso guión dunha boa serie de televisión.  A súa obra Vindicación dos Dereitos da muller (1972) é amplamente reivindicada polos movimentos feministas desde os séculos XIX e XX ata a actualidade. Co seu ideario a favor de que a muller recibise unha instrucción en igualdade cos homes adiantouse cen anos a outras ilustres defensoras da educación da muller como Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán.

María ou os Agravios da Muller (traducida ó castelán como María o Los agravios de la mujer) é unha obra inacabada da escritora británica. Trátase dunha novela de estilo gótico no que se recolle a súa filosofía feminista desenvolvida en Vindicación dos Dereitos da Muller. O relato foi publicado  póstumamente polo seu home William Godwin. O propio Godwin incluiu textos da súa autoría para conectar as diferentes partes da obra. Na novela, que contén bastantes elementos autobiográficos, intercálanse as historias de mulleres pertencentes a diferentes clases sociais, con diferente educación,  pero que comparten o seu drama, problemáticas semellantes,  mesmos sufrimentos,  vítimas todas elas dunha sociedade patriarcal terriblemente inxusta e inhumana. Confiamos en que o poder didáctico dunha obra destas características, cunhas personaxes coas que calquera se pode sentir identificada ten un importantísimo valor didáctico e resulta máis que seguro que penetrará máis fondo nas lectoras e lectores que calquera ensaio por moi bo que este sexa.

Para finalizar, lembrarmos que Mary Wollstonecraft foi a nai de outra célebre muller:  Mary Shelley. Mary Wollstonecraft Shelley, a autora da mítica novela gótica Frankenstein; or, the Modern Prometheus (1818). Pero esta será outra historia…


#conNomedeMuller, Ruth Matilda Anderson



 

As de Camariñas, visten
cal rapaciñas gaiteiras,
saias de vivos colores
polo pescozo da perna,
lucindo o negro zapato
enriba de branca media.
Chambras feitas de mil raias
azuladas e bermellas,
con guarniciós que lles caen
sobr' á rumbosa cadeira.
Para tocar ó pandeiro,
                                                  non hai coma tales nenas,
                                                  que son as Camariñanas,
                                         feitas de sal e canela.

                                                                                                                                                                           (Rosalía de Castro, do  cantar V de Cantares Gallegos)

                                       A fotógrafa americana R. Matilda Anderson era coñecedora da obra poética de Rosalía, a quen traduciu poemas, ademáis de documentarse a través das lecturas de textos de Manuel Murguía ou Uxío Carré Aldao nas súas viaxes por Galiza. Non hai dúbida de que a lectura dos versos de Rosalía de Castro sería unha fonte de inspiración, proporcionando unha nova visión, un novo xeito de ollar as nosas mulleres, os seus traxes, a paisaxe. A fotógrafa implicouse no coñecimento da realidade galega.

Ruth Matilda Anderson nacía un 7 de setembro de 1893 en Cottonwoood State Farm, Nebraska.  Ruth creceu no medio dun  ambiente totalmente propicio para a que sería a súa vocación vital. O seu pai, Alfred Anderson, era un fotógrafo profesional que tiña un estudio na pequena vila  de Kearney (Nebraska), especializado en retratos e panorámicas. No estudio participaban nas tarefas a súa muller, Alma Wickstrom Anderson e as súas fillas. Alma retocaba moitas das fotografías realizadas polo seu home e mesmo levaba a contabilidade do negocio familiar. Motivada pola profesión dos seus, decidiu ir a New Yok a estudiar na Escola de Fotografía co mestre Clarence Hudson White (Ohio, 1871- Cidade de Mexico 1925). Clarence era un activista na defensa da fotografía coma arte, como disciplina artística, asemade era defensor da valía da muller para cultivar a fotografía ou participar en calquera outra actividade cultural. Ruth obtivo o seu diploma dous anos máis tarde e posteriormente sería contratada pola Hispanic Society of America xunto a outras mulleres fotógrafas. A sociedade fora fundada en 1904 polo hispanista e poeta  americano Archer Milton Huntington (N. York, 1870- Bethel, Conneticut, 1955), e el memo supervisaba a aprendizaxe do castelán por parte de Ruth. A fotógrafa recibe o encargo de viaxar a España para obter documentación gráfica, e 1923 vén por primeira vez xunto con outras fotógrafas. Nesta viaxe de varios meses de duración está por Galicia e por Asturias. Despois desta primeira toma de contacto, a nosa retratista vai regresara España en diferentes ocasións. Ao ano seguinte volta a Galicia para fotografar o país, as nosas xentes e diversos aspectos da nosa cultura, como o traxe rexional. Nesta ocasión viña acompañada do seu pai. A guía e o apoio de Alfred Anderson foi esencial para Ruth, tanto no plano técnico como no emocional. Viaxaron por Galiza e Asturias durante un ano, fotografando e improvisando cuartos escuros a xeito de pequenos laboratorios para ir revelando as fotos que facían, nas habitacións dos hoteis nas que se hospedaban. Ao ano seguinte volta de novo polas terras galegas, desta vez acompañada pola fotógrafa Frances Spalding.  Despois destas viaxes por Galiza e por España, Ruth vai abandonando a fotografía e en 1954 foi nomeada conservadora de traxes da Hispanic Society, cargo que desenvolveu ata a súa xubilación. Ruth Matilda Anderson realiza a súa derradeira viaxe a Galiza en 1969, á idade de 76 anos. Faleceu en New York en 1983. As fotografías do seu proxecto galego foron publicadas como libro libro pola Hispanic Society co título “Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña” (N.York, 1939). O libro Ruth M Anderson, Fotografías de Galicia 1924-1926 foi publicado en 1998 (Centro Galego de Artes da Imaxe e Hispanic Society of America).