#conNomedeMuller: Mary Wollstonecraft

 

  Mary por Mary Wollstonecraft      

Wollstonecraft por John Opie, 1790-91

              

                    “Ao escribir esta novela, preferín retratar paixóns antes que costumes. En moitos casos, podería ter dado ás escenas un carácter máis dramático se tivese sacrificado o meu obxectivo principal: o desexo de mostrar o sufrimento e a opresión, exclusivos de mulleres, que proceden dunhas leis e costumes sociais partidistas. Na invención desta historia, esta idea puxo freo á miña fantasía e por iso este relato debería ser considerado como a historia da muller, máis ca dun indiviudo concreto. Tratei de que os sentimentos se personificasen”       

                           (Maria or The Wrongs of woman)

 Cando aludimos a Mary Wollstonecraft, estámonos a referir a unha das musas do feminismo que viviu hai máis de dous séculos (Londres, 27 de abril de 1759-10 de setembro de 1797) e que foi  quen de ser escritora profesional, algo verdadeiramente insólito no século XVIII. A súa biografía e obra aparecen  hoxe en día recollidas e analizadas en numerosas páxinas, ensaios, e toda clase de publicacións académicas ou non. Pensamos que a súa breve e nada convencional vida (non chegou ós corenta),  daría para un denso guión dunha boa serie de televisión.  A súa obra Vindicación dos Dereitos da muller (1972) é amplamente reivindicada polos movimentos feministas desde os séculos XIX e XX ata a actualidade. Co seu ideario a favor de que a muller recibise unha instrucción en igualdade cos homes adiantouse cen anos a outras ilustres defensoras da educación da muller como Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán.

María ou os Agravios da Muller (traducida ó castelán como María o Los agravios de la mujer) é unha obra inacabada da escritora británica. Trátase dunha novela de estilo gótico no que se recolle a súa filosofía feminista desenvolvida en Vindicación dos Dereitos da Muller. O relato foi publicado  póstumamente polo seu home William Godwin. O propio Godwin incluiu textos da súa autoría para conectar as diferentes partes da obra. Na novela, que contén bastantes elementos autobiográficos, intercálanse as historias de mulleres pertencentes a diferentes clases sociais, con diferente educación,  pero que comparten o seu drama, problemáticas semellantes,  mesmos sufrimentos,  vítimas todas elas dunha sociedade patriarcal terriblemente inxusta e inhumana. Confiamos en que o poder didáctico dunha obra destas características, cunhas personaxes coas que calquera se pode sentir identificada ten un importantísimo valor didáctico e resulta máis que seguro que penetrará máis fondo nas lectoras e lectores que calquera ensaio por moi bo que este sexa.

Para finalizar, lembrarmos que Mary Wollstonecraft foi a nai de outra célebre muller:  Mary Shelley. Mary Wollstonecraft Shelley, a autora da mítica novela gótica Frankenstein; or, the Modern Prometheus (1818). Pero esta será outra historia…


Ningún comentario: