As de
Camariñas, visten
cal rapaciñas gaiteiras,
saias de vivos colores
polo pescozo da perna,
lucindo o negro zapato
enriba de branca media.
Chambras feitas de mil raias
azuladas e bermellas,
con guarniciós que lles caen
sobr' á rumbosa cadeira.
Para tocar ó pandeiro,
non hai coma tales nenas,
que son as Camariñanas,
feitas de sal e canela.
(Rosalía
de Castro, do cantar V de Cantares
Gallegos)
A fotógrafa americana R. Matilda Anderson
era coñecedora da obra poética de Rosalía, a quen traduciu poemas, ademáis de
documentarse a través das lecturas de textos de Manuel Murguía ou Uxío Carré
Aldao nas súas viaxes por Galiza. Non hai dúbida de que a lectura dos versos de
Rosalía de Castro sería unha fonte de inspiración, proporcionando unha nova
visión, un novo xeito de ollar as nosas mulleres, os seus traxes, a paisaxe. A
fotógrafa implicouse no coñecimento da realidade galega.
Ruth Matilda Anderson nacía un 7 de setembro de 1893 en Cottonwoood State Farm, Nebraska. Ruth creceu no medio dun ambiente totalmente propicio para a que sería a súa vocación vital. O seu pai, Alfred Anderson, era un fotógrafo profesional que tiña un estudio na pequena vila de Kearney (Nebraska), especializado en retratos e panorámicas. No estudio participaban nas tarefas a súa muller, Alma Wickstrom Anderson e as súas fillas. Alma retocaba moitas das fotografías realizadas polo seu home e mesmo levaba a contabilidade do negocio familiar. Motivada pola profesión dos seus, decidiu ir a New Yok a estudiar na Escola de Fotografía co mestre Clarence Hudson White (Ohio, 1871- Cidade de Mexico 1925). Clarence era un activista na defensa da fotografía coma arte, como disciplina artística, asemade era defensor da valía da muller para cultivar a fotografía ou participar en calquera outra actividade cultural. Ruth obtivo o seu diploma dous anos máis tarde e posteriormente sería contratada pola Hispanic Society of America xunto a outras mulleres fotógrafas. A sociedade fora fundada en 1904 polo hispanista e poeta americano Archer Milton Huntington (N. York, 1870- Bethel, Conneticut, 1955), e el memo supervisaba a aprendizaxe do castelán por parte de Ruth. A fotógrafa recibe o encargo de viaxar a España para obter documentación gráfica, e 1923 vén por primeira vez xunto con outras fotógrafas. Nesta viaxe de varios meses de duración está por Galicia e por Asturias. Despois desta primeira toma de contacto, a nosa retratista vai regresara España en diferentes ocasións. Ao ano seguinte volta a Galicia para fotografar o país, as nosas xentes e diversos aspectos da nosa cultura, como o traxe rexional. Nesta ocasión viña acompañada do seu pai. A guía e o apoio de Alfred Anderson foi esencial para Ruth, tanto no plano técnico como no emocional. Viaxaron por Galiza e Asturias durante un ano, fotografando e improvisando cuartos escuros a xeito de pequenos laboratorios para ir revelando as fotos que facían, nas habitacións dos hoteis nas que se hospedaban. Ao ano seguinte volta de novo polas terras galegas, desta vez acompañada pola fotógrafa Frances Spalding. Despois destas viaxes por Galiza e por España, Ruth vai abandonando a fotografía e en 1954 foi nomeada conservadora de traxes da Hispanic Society, cargo que desenvolveu ata a súa xubilación. Ruth Matilda Anderson realiza a súa derradeira viaxe a Galiza en 1969, á idade de 76 anos. Faleceu en New York en 1983. As fotografías do seu proxecto galego foron publicadas como libro libro pola Hispanic Society co título “Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña” (N.York, 1939). O libro Ruth M Anderson, Fotografías de Galicia 1924-1926 foi publicado en 1998 (Centro Galego de Artes da Imaxe e Hispanic Society of America).
Ningún comentario:
Publicar un comentario