#conNomedeMuller: María Cardarelly

 

                        Cando se cumplen case dous séculos de que Luis Daguerre presentase o seu daguerrotipo na Academia das Ciencias de Francia, lembramos a María Cecilia Cardarelly Bousquet, nada en Zaragoza en 1845 e falecida nos primeiros anos do s.XX. Seguramente en máis dunha ocasión nos teñamos preguntado pola autoría das fotografías nas que aparece retratada Rosalía de Castro e que tantas veces temos visto publicadas en diferentes medios, nomeadamente nos libros de texto de Lingua e Literatura galegas para secundaria e bacharelato. A autoría corresponde a unha muller chamada María Cecilia Cardarelly, A familia Cardarelly-Bousquet chegou a Santiago de Compostela no ano 1864, e fixaron o seu domicilio na compostelá rúa do Hórreo. María, que contaba entón con tan só 19 anos, montou na casa familiar un estudio fotográfico, convertíndose así na primeira muller que se dedicaba á fotografía profesionalmente en Galicia. Sorprende o feito de que ninguén da súa familia tiña que ver con esta profesión. As mulleres que realizaban fotografías nesa época soían ser mulleres dun fotógrafo, ou ter o pai ou un irmán no gremio. Nada máis lonxe, os seus pais eran tintureiros de oficio e a fotografía era un mundo de homes. María foi unha pioneira neste eido. Tan só estivo activa tres anos e cunha produción tan escasa como valiosa, pois pasou á historia da fotografía galega como a autora dos retratos da nosa grande Rosalía na súa etapa de xuventude. “María retrata a Rosalía con asombrosa dignidade”  en palabras do fotohistoriador Carlos Castelao no seu traballo publicado pola Fundación Rosalía de Castro, “María Cardarelly, un lóstrego na fotografía galega” e no mesmo estudo, Castelao afirma que “as fotografías de Cardarelly son pedra fundacional da imaxe física do mito rosaliano”.

Nas imaxes, o retrato de María Cardarelly é da autoría de Eliseo Segond, realizado en Santiago cara 1867.

Actualmente o retrato no que ela mira de fronte está depositado na RAG e o de perfil, pertence ó arquivo da Fundación Rosalía de Castro.

 

 

 



Ningún comentario: