#conNomedeMuller, Xulia Minguillón e as escolas de ferrado

 


E volveremos ás escolas de ferrado?

         Os días corren coma lóstregos, finaliza agosto e o panorama de inicio do curso escolar que contemplamos aparece cuberto cunha mesta néboa metálica e cinsenta que non deixa ver nin cousa a tres pés. Nestes intres de incertidume e inseguranza recuperamos a lembranza de “A escola de Doloriñas”, monumental obra pictórica que lle valeu hai xa 70 anos a unha artista galega para obter a primeira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, outorgada a unha muller por primeira vez na historia da pintura, nun mundo que tradicionalmente era dos homes. Xulia Carmen Minguillón Iglesias (Lugo, 17 de xullo de 1906- Madrid, 20 agosto de 1965) é a única pintora galega que obtén a medalla con esta obra que se fixo internacional, sendo exposta en cidades europeas como Berlín, Venecia, Lisboa e tamén en Bos Aires. A súa obra é de carácter figurativo con protagonismo feminino e nela está presente un anaco da historia da nosa pintura e do noso patrimonio etnográfico e antropolóxico. Retratos, bodegóns, escenas costumistas, a paisaxe urbana e rural. Xulia Minguillón ten recibido outros premios moi importantes ó longo da súa traxectoria, como o Primeiro do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1948 coa obra Xuventude, entre outros. Talvez A escola de Doloriñas sexa o máis coñecido. O enorme cadro  de case cinco metros cadrados,  representa unha escola de ferrado en Lourenzá (Lugo), lugar da residencia familiar da pintora e onde tiña o seu estudio. A escola era rexentada por unha muller, a mestra Dolores Chaves Vizoso, quen impartía aulas ós seus discípulos nunha estancia da súa propia casa. Grazas ós testemuños dun pequeno grupo de alumnas e alumnos que asistiron á escola e que serviron de modelos para  a pintora, temos información de como funcionaba. Eles mesmos contan que lles daban tres galletas por cada sesión na que posaban para Xulia.  A mestra vivía cunha filla costureira que a substituía cando esta enfermaba. A paga que recibía era dunha peseta ó mes,  ademais de leña e alimentos como patacas ou pan.  As escolas de ferrado chamábanse así porque na súa orixe pagábase un ferrado de trigo, centeo ou millo ó ano por cada neno que asistía á escola. O ensino impartido era moi elemental, as primeiras letras, os números, o catecismo, normas de conduta e pouco máis.  A mestra Dolores Chaves impartía as clases na cociña da casa na que o chan era de terra, os alumnos e alumnas de diferentes edades estaban nun espacio reducido non que tan só vemos unha ventá a través da que se poden ver a paisaxe que rodea á escola. Nos recreos practicaban xogos tradicionais, como a billarda, os nenos,  ou saltar á corda, ás nenas, pero na escola estaban mesturados. A  obra de Xulia Minguillón está depositada en diferentes museos, principalmente no Museo Provincial de Lugo, tamén  no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid entre outros. Ademais foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega. Temos información académica sobre esta artista, grazas nomeadamente ós estudos da Catedrática de historia da arte galega Mª Victoria Carballo Calero, da que destacamos a súa tese de doutoramento : “Julia Minguillón”, alén de outros estudos sobre Minguillón e outras autoras da mesma xeración como Maruxa Mallo.

Na Coruña existe unha rúa dedicada á pintora, a “Rúa de Julia Minguillón” perto da Ronda de Outeiro.



 

Ningún comentario: