Lela, lela,
Leliña por quen eu morro
Quero mirarme
Nas meniñas dos teus ollos
Non me deixes
E ten compaixón de min.
Sen ti non podo,
Sen ti non podo vivir.
Lela,
Micaela, Pimpinela son as tres personaxes femininas de Os vellos non deben de
namorarse. Foron interpretadas polas actrices Maruxa Villanueva, Maruxa Iniesta
e Maruxa Boga hai 71 anos, o 14 de agosto de 1941 na estrea mundial da obra
dramática de Daniel Castelao en Bos Aires, no Teatro Mayo. Habería que esperar
xustamente 20 anos para vela representada en Galicia, en xullo do ano
1961 en Santiago de Compostela. A obra dramática componse de tres actos ou
lances, e que segundo di o propio autor, “é unha obra maxinada por un pintor e
non por un literato” porque a escenografía, decorados e iluminación son os
aspectos principais. Castelao válese de elementos do teatro clásico do s.XVII e
XVIII, e mais da tradición e do popular cunha proposta estética vangardista. No
que se refire á caracterización das personaxes, estas resultan esperpénticas e
representan vicios e baixezas, especialmente as mulleres que aparecen
caracterizadas dun xeito negativo, cunha moral moi cuestionábel con defectos
como a avaricia, a falsidade, a falta de escrúpulos, a traición, as rexoubas.
Previamente á confección da obra tal e como a coñecemos hoxe, Castelao tiña
escrito Pimpinela (1934), como peza única. El mesmo leuna a un grupo de xóvenes
intelectuais en Santiago. Entre eles atopábase Ramón Suárez Picallo, quen por
aqueles tempos exercía a dirección artística da Agrupación Artística Compostelá
coa intención de convertila nunha auténtica escola de declamación galega.
Castelao tiña a intención de representala posteriormente na mesma cidade
compostelá, mais o proxecto non se puido levar adiante. Cando o noso autor
chega a Arxentina nos anos corenta, leva con el o manuscrito cos tres lances
baixo o título de “Os vellos non deben de namorarse. Teatro de Caretas por
Castelao”. Faltaba aínda o epílogo que parece engade no último momento e que
segundo o catedrático Ricardo Carvalho Calero é o que realmente obedece ó
titulo da peza. Segundo o profesor ós tres lances da obra acáelles mellor o
título de “os vellos namóranse”. En Bos Aires existía a compañía de teatro
fundada por Varela Buxán que contaba con actores e dramaturgos galegos. Esta
compañía pasa a chamarse “Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva” a
partir de 1939. Precisamente é Maruxa Villanueva, cantante e actriz galega quen
vai interpretar o papel de Lela. Micaela será interpretada pola actriz Maruxa
Iniesta e Maruxa Boga foi a protagonista do terceiro acto, interpretando a
Pimpinela. As tres Maruxas. Desgrazadamente estas tres artistas veñen sendo
pouco coñecidas ou esquecidas, como acontece normalmente con todas as mulleres
importantes (ou non) ó longo da historia. As tres eran chamadas as tres Maruxas
por un programa de radio que facían en Arxentina, de nome Galicia, emitido
entre os anos 1945 e 1948. Alternaban tamén co teatro, representaban obras de
Varela Buján en Arxentina e Montevideo. María Iniesta era actriz, locutora de
radio, e sobre todo pianista e soprano. Ela foi quen fixo os arreglos musicais,
para a canción de Lela e para o coro de estudiantes, entre outros. A actriz e
cantante Maruxa Boga era filla de galegos, nacida en Bos Aires en 1915 e
falecida no mesmo lugar en 2010. Ademais de actriz, foi periodista e locutora
de radio en diferentes programas, nos que sempre introducía autores, poesías,
cantigas e temas galegos, mostrándose sempre defensora dos dereitos dos galegos
tanto na terra como na diáspora. Era coñecida como “a voz da emigración
galega”. En 1998 recibe o premio “Grelo de Ouro” xunto con Maruxa Villanueva e
o actor ourensán Tacholas (Fernando Iglesias), polo pulo dado por eles ó teatro
galego en Arxentina. Para rematarmos, Maruxa Villanueva (Isaura Vázquez Blanco)
naceu en Barrela, (Chantada, Lugo), en 1906. Xunto ó dramaturgo estradense
Daniel Varela Buxán forma a compañía teatral que leva o seu nome. No ano 1962
regresa a Galicia e instálase aquí definitivamente. Entra en contacto co
Padroado Rosalía Castro e traballa activamente para conseguir fondos co
obxectivo de restaurar a casa da Matanza, onde vivira Rosalía e convertila en
Museo. Instálase en Padrón e dedícase ata os últimos momentos da súa vida a
levar a Casa-Museo de Rosalía e a súa obra. En 1991 a Xunta de Galicia
concédelle a Medalla Castelao. Falece un 24 de novembro de 1998 en Compostela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario