#conNomedeMuller: A Nosa Terra

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                 O primeiro número do xornal a Nosa Terra ve a luz o 4 de agosto de 1907 na Coruña. Fundado por iniciativa de Manuel Murguía, Manuel Lugrís Freire e Florencio Vaamonde Lores, entre outros, e co editor e libreiro Eugenio Carré Aldao como director. Todos eles pertencentes á Cova Céltica e a Solidaridad Gallega. O obxectivo é potenciar os valores da terra e reivindicar a  lingua e cultura.  Nun principio é unha publicación bilingüe, con predominio do castelán, o galego queda para a creación literaria. O xornal vai ter unha longa vida, pero chea de mundanzas e altibaixos pasando por diferentes etapas durante a súa historia.  A do inicio culmina en 1912 e a partir de 1916 convírtese no órgano de expresión das Irmandades da Fala. Durante os anos 1933-36 pasa a ser o voceiro do Partido Galeguista, editado xa íntegramente en galego.  A partir de 1936 o semanario cerra as súas portas e sobrevive no exilio,  en Arxentina, entre os anos 1938 e 1972. En 1977 xorde un novo proxecto que recupera o xornal e que terá por vez primeira  a unha muller como directora, a escritora e profesora Margarita Ledo Andión. En 1980 Margarita Ledo foi substituída por Xosefina López Corral.  Ó ano seguinte a publicación foi clausurada durante uns meses acusada de atentar contra a Constitución.  Finalmente a redacción trasládase a Vigo ata que no ano 2011 a publicación deixa de existir.


As mulleres tamén participaron activamente en A Nosa Terra aínda que o seu papel non fose tan relevante, sobre todo nos primeiros tempos.  A partir da fundación das Irmandades da Fala, a mulleres van colaborar activamente coa publicación. Actividades como a iniciativa dun grupo de mulleres das Irmandades da Coruña, que promoveron a confección dunha bandeira galega para a asociación, son unha boa proba diso. Para levar a cabo este proxecto abriron unha colecta a través da revista a Nosa Terra en abril de 1917, facendo un chamamento  aberto a todas as señoras que quixesen participar. Entre as impulsoras da idea estaban Micaela Chao Maciñeira e as súas irmás, Tereixa e Carme; as fillas de Francisco Tettamancy, Amalia e Ramona; Clementina Ponte, tía dos Vilar Ponte e María Miramontes entre outras. Ademais recibiron a colaboración de traballadoras anónimas, obreiras que fixeron doazóns importantes como a das cigarreiras da coruñesa Fábrica de Tabacos ou a dun grupo de importante de mulleres de Sada, que na súa maioría estaban vinculadas co mundo mariñeiro, traballaban na lonxa ou vendendo peixe en Sada ou Betanzos.

Este poema de Eduardo Pondal aparece publicado no primeiro número do xornal:

 Qu´os bardos anunciaran;

D´as gandras largazias

As brétomas escuras s´alongaran.

Ven a maturidade;

Vosa miés verdecente;

Gallegos, despertade,

Baruda e forte xente;

Vosa fouce afiade

Como agudo crecente,

Vosa fouce faosa

Vosa fouce robusta e fulxente.

Diante de vos ondea

A barda d´ouro ardente…

Segade a vosa herdade,,

¡ay d´aquel que non sea Valente!

Segade, gallegos, con forza, segade.

 

 

Ningún comentario: