#conNomedeMuller, María Vinyals

 

 María Vinyals e fillo (1906) do pintor José Garnelo y Alda. Museo de Garnelo-Montilla (Córdoba)


                     María da Asunción Vinyals e Ferrés, (Castelo de Soutomaior, Pontevedra, 14 de agosto de 1875) “a Marquesa Vermella”, así foi o alcume que recibiu a marquesa de Ayerbe, de Lierta e de Rubi, Condesa de San Clemente,  debido ás súas ideas progresistas. Pasa a súa infancia no Castelo onde nace e máis tarde reside en Madrid onde recibe a súa formación. Nos veráns regresa a Pontevedra, ó Castelo de Soutomaior. María Vinyals é unha muller dunha enorme cultura, afeizoada á lectura dos clásicos españois e extranxeiros,  toca o piano, pinta, escribe, é quen de expresarse en portugués, francés, inglés e alemán, e destaca nas tertulias da sociedade madrileña, nas que participa.  Parece ser que comeza a escreber sendo unha nena pero queima os seus primeiros textos antes de casar. A sociedade da época rexeitaba que as mulleres escribisen por ser considerada unha actividade “pouco feminina”e “contra natura”. Pese a este negativismo social, no ano 1904 publica o libro Castillo del Marqués de Mos en Soutomayor, dedicado á memoria da súa tía Zenobia Vinyals. Nesta época publica artigos en revistas españolas e americanas, artigos nos que analiza a situación das mulleres na sociedade da época, coincidindo coas teses de Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Casa dúas veces, primeiro co marqués de Ayerbe en 1896, con quen ten un fillo e do que enviúva en 1908. O seu segundo home, tamén viuvo e con tres fillos, é o médico cubano Enrique Lluria,  con quen comparte ideais políticos e sociais. Esta etapa da súa vida vai ser de intensa actividade intelectual e de claro posicionamento feminista, publicando artigos, impartindo conferencias e mesmo chegando a ser presidenta do Centro Ibero-Americano de Cultura Feminino de Madrid. A partir deste momento, vai estar centrada na defensa dos dereitos da muller, nomeadamente o dereito ó voto feminino. En 1906 publica o seu artigo “El voto de la mujer” na Revista Galicia de Madrid. Neste mesmo ano María Vinyals é nomeada académica correspondente pola recén fundada Real Academia Galega.  En 1910 María establece o seu fogar no Castelo de Soutomaior, no que vivirá en compañía do seu home Enrique e dos  fillos, e xuntos fundan alí mesmo o que será o primeiro sanatorio de Galicia, moderno e ben equipado. Posteriormente e debido á súa ideoloxía socialista terán que abandoar o Castelo. Perden clientes, ás débedas van en aumento e ó clima político orixinado pola primeira guerra mundial tampouco axuda. Inclusive houbo rumores de que foron detidos por acoller no castelo a líderes políticos, como o propio Pablo Iglesias, fundador do PSOE, ou a Giner de los Ríos. En 1917 o castelo é subastado e a parella vai primeiro para Madrid e finalmente para Cuba, en 1919. Da etapa cubana temos información grazas a escritora Anisia Miranda. Non se sabe con certeza o lugar e data do falecemento de María pero hai testemuños que apuntan que sería en París entre os anos 1940 e 1944.

No retrato, Dona María Vinyals e fillo (1906) do pintor José Garnelo y Alda, no museo de Garnelo-Montilla (Córdoba)

 

 

No retrato, Dona María Vinyals e fillo (1906) do pintor José Garnelo y Alda, no museo de Garnelo-Montilla (Córdoba)

 

 


Fontes empregadas:

As Precursoras. Aurora Marco (Biblioteca Gallega. Ed. La Voz de Galicia, 1993)
María Vinyals a muller do porvir. Diego Piay Augusto (ed. Alvarellos, 2019) 
María Vinyals, Álbum de mulleres, culturagalega.org
María Vinyals en www.traveler.es
Exposición sobre María Vinyals no castelo de Soutomaior: Un sueño llamado Soutomaior: María vinyal 1910-1917 (decembro de 2019)

Ningún comentario: