#quedinosrumorosos

 

 

Publicación da RAG


HIMNO

"Composición musical destinada a ser cantada en honra e loanza de algo ou de alguén e que se converte en símbolo dunha comunidade de persoas, dun ideal …" (dicionario RAG)

 

              O século XIX é o século dos himnos. A meirande parte dos himnos en Europa son creados nese momento. En Galicia xa houbera varios intentos pero, talvez a historia do noso comezase un 22 de maio de 1890,  cando o músico Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842- Madrid 1906) convocaba un Certame Musical na Coruña que incluía un premio á mellor “composición rexional galega”. O músico Veiga xa lle tiña solicitado con anterioridade ó poeta Pondal un poema para tal fin; por tanto a composición gañadora tería que poñer música ó texto de Os Pinos de Eduardo Pondal Abente (Ponteceso, Coruña, 1835- Coruña 1917).  O músico militar catalán Gotós gañou o premio, pero a súa creación caeu no esquecemento. O mestre Pascual Veiga Iglesias tamén tiña preparada a súa propia música. Coñecedor disto,  o litógrafo ferrolán Xosé Fontenla Leal (Ferrol, 1864- La Habana, 1919) residente en Cuba e que tamén levaba tempo traballando na idea de que se crease un himno para Galicia , solicitoulle a Veiga unha copia da súa partitura. Ó cabo, o himno galego foi interpretado por vez primeira no Gran Teatro da Habana o 20 de decembro de 1907, para homenaxear a Veiga que tiña falecido o ano anterior. A partir deste momento, o Himno sería tocado en todos os actos oficiais  organizados pola comunidade galega en Cuba. En Galicia, o día 17 de setembro de 1912 co gallo do traslado dos restos mortais do músico mindoniense Pascual Veiga a Mondoñedo, o himno soaba en público por vez primeira na nosa terra. A partir de aí comezaría a súa utilización en celebracións e actos solemnes relacionados con personaxes da cultura galega, nomeadamente os relativos a Rosalía de Castro. En 1916, con motivo da inauguración do monumento na Coruña dedicado a Concepción Arenal (Ferrol, 1820- Vigo, 1893) promovido polo concello, o alcalde Manuel Casás Fernández pediu ó profesorado das escolas públicas coruñesas que ensaiasen o himno nas aulas para interpretalo ese día. Neste mesmo ano fundábanse na Coruña as Irmandades da Fala e inmediatamente adoptaron o himno de Veiga- Pondal como Himno nacional galego, comezando así a ser interpretado en calquera lugar e circunstancia, en celebracións de todo tipo, tanto políticas como festivas. O pulo dado polas Irmandades foi chave para a súa consolidación. Despois viñeron os anos escuros, a ditadura de Primo de Rivera primeiro, a ditadura franquista despois, sendo esta a etapa máis dura e negativa, a longa noite de pedra,  na que foi prohibida a súa interpretación. Haberá que agardar ata 1981, ano en que se aproba o Estatuto de Autonomía,  para que sexa recoñecido oficialmente como Himno de Galicia. No artículo 6 do Estatuto figura:

“Galicia ten himno e escudo de seu”

Quedando definitivamente institucionalizado como “Himno oficial” da nosa terra.


 

-Terra e Tempo, Axenda cultural AELG. Historia do Himno Galego por Manuel Ferreiro:

http://www.aelg.gal/resources/centrodoc/members/paratexts/pdfs/autor201/PT_paratext5285.pdf

http://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/download/209/210/1117-1?inline=1

 

 

 

 


 

Ningún comentario: