#LetrasGalegas21: Xela Arias


 

A unidade componse.
          Da desorde.

Desordénome, amor,
e dou co punto
único
do centro dos abrazos.

Abrazo a desorde das ideas
e sei
que a unidade se compón.

    A unidade componse.

    Da desorde.                

  (“Intempériome”)


     
  Xela Arias, a poeta que quixo ser roqueira, gustáballe moito o rock and roll, grupos como The Rolling Stones, Lou Reed , AC/DC, Patti Smith(1) …Nalgunha ocasión ten dito que a influiran máis os grupos de rock que todas as autoras e autores galegos. Vestida ca súa casaca de coiro, escribía letras para o grupo vigués Desertores. En 1991 publicaron o disco “El desertor” que incluía nove cancións escritas por ela, posteriormente houbo un segundo disco con cancións de Xela. 



         Xela Arias Castaño nacía en Sarria, Lugo, o 4 de marzo de 1962 e falecía en Vigo, o  2 de novembro de 2003. Cando Xela tiña 7 anos, a familia trasladouse á cidade de porque seu pai, que era mestre, foi destinado a esta cidade, onde transcorrería a meirande parte da súa vida.   En 1979 interrompeu os seus estudios e comezou a traballar na recén creada Edicións Xerais de Galicia, nun principio como oficinista, chegando a realizar traballo literario como correctora de estilo e editora. Precisamente a faceta de editora en Edicións Xerais é unha das máis importantes da súa traxectoria. A partir de 1980 comeza a publicar en xornais como o principal diario da cidade O Faro de Vigo, ou revistas como A nosa Terra, Luzes de Galiza ou Festa da Palabra Silenciada, ao tempo que vai desenvolvendo un significativo labor como activista cultural e social, participando en recitais poéticos contra a entrada de España na Otan, interviñendo en actos en solidariedade cos afectados polo desastre do Prestige, con poemas como Cadáver de man,  ou colaborando na lectura dun comunicado contra a guerra de Iraq, xunto a outros poetas. Tanto a faceta literaria  como a de activista social insumisa e rebelde, van camiñar xuntas durante toda a súa vida.  En 1992 casou en Vigo co fotógrafo Xulio Gil e tivo con el o seu único fillo Darío a quen lle dedicou un libro de poemas Darío a diario; durante esa época retomara os seus estudos , licenciándose en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago no ano 1996. A partir deste momento iniciaba a súa carreira como profesora de lingua e literatura castelá en ensino secundario, impartindo aulas en diferentes institutos galegos. Outra das actividades desenvolvidas por Xela arias foi a de tradución de autores da literatura universal como Wenceslao Fernández Flórez, Roal Dahl, James Joyce ou mesmo Cervantes. En 1986 publica o seu primeiro libro de poesía Denuncia do equilibrio. Outro título Lili sen pistolas, co que foi finalista do Premio Esquío, aínda permanece inédito. En 1990 sae do prelo unha obra que é froito da colaboración co seu compañeiro Xulio Gil, Tigres coma cabalos que contén poesía e fotografía.  Intempériome é o título do último libro publicado en vida.  Ademais dos seus poemarios,  Xela, tiña publicadas numerosas colaboracións en obras colectivas como Daquelas que cantan ou Palabra de Muller. En canto á narrativa, neste ano vén de ser publicada unha obra de literatura infantil ilustrada Non te amola!, na que están presentes as súas vivencias dentro dunha familia numerosa e cos amigos do barrio no que vivía.

Volvendo ó rock and roll, o grupo musical A banda da Loba, liderada pola ferrolana Xiana Lastra, presentou o pasado 8 de marzo, Día da Muller, o seu vídeoclip titulado Intempériome, pertencente ó EP Hasme oír dedicado íntegramente a Xela, e con motivo do Día das Letras a banda estrea o vídeoclip da canción Darío a diario. Por unha vez, neste s.XXI, as Letras Galegas visten casaca de coiro para homenaxear a súa colega roqueira Xela Arias.



(1) Intempestiva, páx.:31 por Montse Pena Presas

(2)-www.farodevigo.es/comarcas/2021/05/15/desertores-recopila-temas-rock-xela-51845149.html

https://academia.gal/letras-galegas/2021/xela-arias-

-https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2021/05/14/xela-arias-era-canera/0003_202105G14P36991.htmhttps://

-El independiente.com



Ningún comentario: