-
MARIA
MARIÑO CAROU (Noia, 8 de xuño de 1907-Folgoso do Courel, 19 de maio de 1967)
-
Linme hoxe toda por dentro.
¡Linme!
¡Como me está chegando!
¡Como me apaña!
Eu non sei,
non sei si me chega ou vou por ela.
Non o sei.
¿Ouh, pra que me trouxeches si hoxe me levas?
Hoxe,
hoxe, día de todos en un.
Infindá do tempo. ¡Hoxe!
Hoxe de quen todos somos na marea sin ondas,
sin velas,
sin barcos en coor vello.
Hoxe, ¿de quen?
Hoxe: dirán uns.
Hoxe: dirán outros mentras...
mentras reparan no que non hai.
En hoxe todos,
todos damos do fin o paso
del. (de “Verba que comeza". Obra completa, Xerais)
María Mariño a “dinamitera da fala” como a cualificou Uxío Novoneyra, porque en palabras do poeta:
"preme, rompe, combate, bate a sintaxe convencional, destrivializando a expresión, quizabes sabedora de que a esencia do noso idioma é a libertade"
A nosa lembranza para María, cando se cumplen 24 anos do falecimento da autora de Palabra no Tempo e Verba que comeza. En 1953 coñeceu a Novoneyra cando foi vivir ca súa familia ó Courel, á aldea de Parada. Foi precisamente o poeta do Courel, quen promoveu a publicación do primeiro poemario de María, e el mesmo pediulle a Ramón Otero Pedrayo que lle fixese o prólogo, algo que Otero aceptou. O segundo libro publicado 27 anos despois, foi escrito nos derradeiros meses de vida da autora e promovido tamén por Novoneyra e mais o poeta noiés Antón Avilés de Taramancos. María Mariño foi a terceira muller escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas, no ano en que se cumplía o centenario do seu nacemento en 2007.
“Onde queda o meu camiño?
Meu camiño aquil de sol enteiro,
de auga de chuvia,
de vento e loita.
Dónde queda?
Derruboume e non sei del”
(de Verba que comenza. Antoloxía poética. Edición de Patricia Arias. Editorial Galaxia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario