#conNomedeMuller: Jeanne Barret

 


        Sucedeu mentres andabamos atarefados no cuidado das nosas buganvíleas; de súpeto, experimentei o efecto Proust. As fortes cores alegres e cálidas das miñas rubideiras fixeron que lembrase a historia de como chegaron a Europa estas fermosas prantas tropicais orixinarias do Brasil. Como soe pasar con frecuencia, lalmentablemente, unha muller esquecida aparece como protagonista.

 O seu nome Jeanne Barret,  ou Baret, é o dunha francesa que viviu entre os séculos XVIII e principios do XIX. Jeanne naceu na Borgoña o 27 de xullo de 1740 e morreu o 5 de agosto de 1807 en Saint-Aulaye. Baret foi a primeira muller en dar a volta ó mundo entre os anos 66 e 69 do século XVIII. Esta francesa era de formación autodidacta na botánica, traballaba para o médico e naturalista Philibert Commerson, quen a instruiría nesta ciencia. Commerson ía incorporarse á expedición do explorador Louis Antoine de Bougainville. Jeanne, con 26 anos, quixo facer o mesmo que o seu compañeiro, pero como non estaba permitida a presenza de mulleres a bordo de buques da Armada francesa, nos que viaxarían, para poder conseguilo cambiou o seu nome polo de seu pai, Jean Baré, e vestiu roupas de home. Jeanne alistouse como asistente de Commerson.  Durante a viaxe desembarcaron en lugares como Río de Janeiro, Tahití, Illas Mauricio, Madagascar e a parella conseguiu recoller máis de seis mil mostras de especies vexetais  dos sitios visitados. Entre elas estaban unhas prantas rubideiras descubertas no Brasil, que Commerson bautizou co nome de buganvíleas en homenaxe ó xefe da expedición. Á súa chegada a Tahití,  Jeanne foi descuberta pola tripulación e segundo parece violada. Finalmente Bouganville deciudiu que desembarcase na Illa Mauricio xunto co seu socio Commerson, quen morrería alí mesmo algún tempo despois. Posteriormente a muller conseguiría regresar a Francia levando con ela as mostras botánicas que recolectara xunto a Commerson e que agora están incorporadas ó Herbario do Museo Nacional de Historia Natural francés. Á súa chegada a París, Jeanne foi declarada a herdeira de Commerson, sendo ademais recoñecida polo descubrimento da pranta das buganvíleas. A muller conseguiu que o rei Luís XIV lle concedese unha renda vitalicia, pero a súa figura desgrazadamente caeu no esquecemento. Por fin actualmente existe xa unha especie natural que leva o seu nome, a Solanum baretia. Vou seguir este exemplo e a partir de hoxe as rubideiras da miña casa deixarán de ser bouganvíleas e serán baretias na honra da muller das herbas!




-https://historia.nationalgeographic.com.es/a/jeanne-baret-primera-mujer-que-circunnavego-mundo_16297 ----https://noticiasdelaciencia.com/art/3424/el_reconocimiento_cientifico_a_la_primera_mujer_que_dio_la_vuelta_al_mundo

Ningún comentario: