Estamos no
159 aniversario da celebración dos primeiros
Xogos Florais, que tiveron lugar na Coruña, o 2 de Xullo de 1861 no
Teatro Principal ou de San Xurxo (hoxe Teatro Rosalía Castro). Os escritores Benito Vicetto
e Antonio de la Iglesia impulsaron os Xogos, seguindo a idea de José Pascual
López Cortón, o mecenas que correu cos gastos da celebración. Posteriormente publicouse o Álbum de la
Caridad cos traballos premiados e con textos de poetas do s.XIX. Esta publicación tamén foi costeada por López
Cortón. A participación das mulleres nos Xogos foi escasa, e as que tiveron
algún papel ficaron esquecidas, salvo algunha excepción coma a de Rosalía de
Castro. O propio López Cortón decrarou
que concebira os Xogos Florais “como medio de alentar á mocedade estudosa no cultivo da poesía e da historia de
Galicia, do que agardaba unha rexeneración xeral do país”. Para facer xustiza
merece destacarse a figura de Xoana de Vega, (se ben ela non quería que figurase
o seu nome), que exerceu de mecenas cultural e patrocinadora dos Xogos, xuntos cos autores antes mencionados. Na portada do Álbum de la Caridad figura que a obra está dedicada á presidenta da
Asociación de Beneficencia da Coruña, que era a propia Xoana, así como
a doazón da edición. Os beneficios obtidos da venta do Álbum foron para dita
asociación. Este libro, publicado ó ano seguinte da celebración dos Xogos, denominado "Mosaico poético de
nuestros vates gallegos contemporáneos”,
é unhas das antoloxías máis antigas do Rexurdimento. Por desgraza poucas foron as
mulleres afortunadas que viron publicadas as súas composicións nesta obra.
Había sete premios e cada un deles tiña dous accésits. O primeiro premio
consistía nunha “flor natural” que quedou deserto. Francisco Añón, obtivo un
accésit ó primeiro premio ca súa composición en galego titulada A Galicia. O de Añón foi o único
traballo premiado escrito en galego. Entre as mulleres que figuran no Mosáico están Concepción Arenal, Emilia Calé, Manuela Cambronero,
Elisa Lestache, Juaquina López de la Vega, Elvira Luna del
Castillo, Narcisa Perez Reoyo y Soto, Amadora Tapia e unha Rosalía Castro moi nova, con poesías
que logo incluiría en Cantares Gallegos como Romaría da Barca ou máis tarde en
Follas Novas como a titulada ¡Terra a nosa!. Os Xogos Florais da Coruña
serviron de exemplo e motivación, espallándose
por toda Galicia. En Pontevedra celebráronse ó mes seguinte e en anos
posteriores tiveron lugar os de Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Tui e Betanzos.
A participación de mulleres escritoras seguía a ser escasa e menos aínda as
galardonadas. Cabe destacar “A Rosa de Ouro” obtida por Emilia Pardo Bazán nos
Xogos de Ourense, en 1876, pola súa "Oda a Feijóo", en castelán. Como anécdota,
contar que neste mesmo certame presentáronse ó apartado de ensaio Pardo
Bazán e Concepción Arenal, quedando empatadas en número de votos. O
desempate sería a favor de Emilia. Nos Xogos Florais de Tuí, celebrados en xuño
de 1891 figura entre os autores premiados a ourensá Filomena Dato Muruais,
quen gañou o “clavillo” coa composición O gaiteiro de Xixón. Precisamente foi
esta muller, Filomena, a mantedora dos Xogos florais lucenses que sucederon na
década dos anos 70 do s. XIX, chegando a ser a súa presidenta no ano 1900. Filomena Dato escribiu o poema Defensa d´as mulleres co que conseguiu diferentes galardóns. Para finalizar un fragmento de Defensa d´as mulleres incluído na súa obra Follatos
”Os que negan â muller
intelixencia e talento,
a millor contestaceon
cicais que fose o disprecio.
¿D' ónde sacaron qu' as almas
teñen com' os corpos seuso?
Porqu' as probes d' as mulleres
nunca tiveron enseño
como os homes, qu' eran tontas,
os homes tontos dixeron…”
Fontes consultadas: As Precursoras de A. Marco; Revista dixital Galiciana; Follatos, Filomena Dato; Historia da literatura galega contemporánea de Carvalho Calero; Literatura Galega da muller de Carmen Blanco; RAG, arquivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario