#conNomedeMuller
Emilia Docet Ríos e Mercedes do
Campo no Día de Galicia de 1934
Santiago de
Compostela, 24 de xullo de 1934. Son as dez e media da noite e na Praza da
Quintana vai dar comezo o Mitin das Arengas organizado polo Partido
Galeguista. Para abrir o acto unha banda de música
interpreta o himno galego ante a multitude. No palco están presentes
destacadas personalidades do galeguismo. Despois de que deixe de soar o himno,
unha vintena de persoas intervirán por orde alfabética, dispondo cada un deles
de cinco minutos para dirixirse ó público. Entre os asistentes figuran Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Suárez
Picallo e Vilar Ponte. Nesta ocasión
dúas mulleres lanzarán tamén as súas arengas, elas son a viguesa Emilia
Docet Ríos e a ourensá Mercedes do Campo. Cerrará o acto o presidente
da Academia Galega, Manuel Lugrís Freire. Ó remate do mitin fórmase unha manifestación que leva na cabeceira tres bandeiras galegas e que desemboca diante da estatua de Rosalía de Castro no santiagués Paseo da Ferradura. Alí interprétase novamente o himno galego.
Parece ser que o acontecimento
espertou grande expectación na cidade, ademais o feito de que houbese intervención de mulleres nun acto deste tipo era algo excepcional e novedoso. O xornal El pueblo gallego escribe o
seguinte titular para anuncialo:
“El gran acto de la Plaza de la Quintana”
Emilia Docet- Faro de Vigo, 1933 |
e
cita expresamente ás dúas oradoras. Noutros xornais atopamos a referencia ás
mulleres pero sen os nomes:
“Hablarán
además dos señoritas. La Plaza de la Quintana estará iluminada y se la dotará
de altavoces”
Nunha entrevista publicada en el Pueblo Gallego no ano 1933 Emilia Docet declara :
“A maior alegría da miña vida será o día no que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”
Mercedes do Campo publica en A Nosa Terra, en Xullo de 1935, o artigo Día de Galicia, que remata así:
“Deus queira que chegue pronto o Día Grande, outro Vintecinco de Xulio en que todos en pé poidamos cantar co poeta: A NOSA TERRA E NOSA. ¡VIVA GALICIA CEIBE!”
Hoxe,
25 de xullo de 2020, cúmplense cen anos de que as Irmandades da Fala
organizaran o primeiro Día de Galiza, en 1920. En novembro de 1919, durante a
celebración en Santiago de Compostela da II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, acordan fixar como
Día de Galiza o 25 de xullo. A data escollida non era do agrado de todos por
coincidir cunha festa relixiosa. Antón Vilar Ponte propón celebralo o 17 de
decembro, data do aniversario da execución na praza da catedral de Mondoñedo do
Mariscal Pardo de Cela no s. XV, por orde dos Reis Católicos. O acordo foi
publicado no órgano oficial das Irmandades da Fala, a revista A Nosa Terra. Durante a ditadura franquista prohíbese a
celebración que non volverá a ser permitida ata mediados dos anos oitenta do
século XX. A celebración do Día de Galicia terá que irse ó exilio. Daniel Castelao exiliado en Arxentina, pronuncia o discurso de Alba de groria no Teatro Arxentino durante o festival
organizado polo Centro Gallego de Buenos Aires para celebrar en palabras do autor "a festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos", posteriormente publicado en A Nosa Terra. Castelao declarou que o
escribira o ano anterior durante a súa estancia en Marsella e está incluído no
libro IV de Sempre en Galiza, rematando o discurso con estas palabras:
"Que a fogueira do esprito siga quentando
as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos
fogares"
Ediciós Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires, 1948 |
Alicia Mariña @Sálvora mx, 2020 |
Ningún comentario:
Publicar un comentario