#conNomedeMuller
Con Avelina Valladares Núñez (A Estrada,
1825-1902) ponse de manifesto unha vez máis a situación tan difícil que
viviron as mulleres escritoras na Galicia do s.XIX. Enfrontábanse a grandes
obstáculos moitas veces insuperábeis para desenvolver a actividade literaria e
ó esquecimento no que caían os seus esforzos e logros. Avelina
é un caso máis entre as autoras esquecidas. Irmá do gramático e novelista
Marcial Valladares, autor da que se di a primeira novela escrita en
galego: Máxina ou a filla espúrea, que cumple neste 2020 150 anos da
súa redacción. A nosa autora posuía unha grande formación cultural nun
momento en que as mulleres galegas eran prácticamente analfabetas. Tivo a sorte
de ter nacido nunha familia con recursos económicos e o máis importante:
interesada pola cultura. Ten escrito en galego e en castelán e os seus textos
están espallados por revistas como o Almanaque gallego de Bos Aires, El Heraldo
Gallego, El Compostelano, entre outros. A importancia de Avelina débese ó feito
de ter sido unha das primeiras mulleres, senón a primeira, que publicou artigos
de opinión na prensa escrita. Unha mostra é “El ochavo milagroso”, sobre
supersticións galegas, publicado en El Eco de Galicia na Habana. Por desgraza,
Avelina, como moitas outras escritoras decimonónicas, non tiña interese pola
publicación (asumindo en carne propia o contexto histórico no que a muller non
xogaba ningún papel de relevo na sociedade e na cultura) e
restáballe calquera importancia á súa faceta literaria, de feito a
principal dedicación durante a súa vida foi a beneficencia. Avelina
deixounos un feixe de poemas en galego que foron publicados en revistas e
xornais da época e finalmente recompilados no libro de Xosé Luna Sanmartín
Ond´o sol facheaba ò amañecer, sobre a vida e obra da
autora. Deixounos tamén o "Diálogo entre un
peregrino que se dirige a Compostela y un labriego", na que o labrego fala
galego e o romeiro castelán. Hoxe existe unha versión para o teatro preparada
por Xosé Lueiro Lemos.
Entre os
poemas de Avelina transcribimos un fragmento do titulado
Ôs qu´emigran:
Ôs qu´emigran:
“…Adios;
¡ai! anaquiños d' a vida
Pobres nàis qu' angustiadas de morte,
Qu'ôs fillíños de vós aleijou
¡Quèn poidera enjugà-l-os regueiros
Que de bàgoas teredes botado!
¡Quèn poidera correr! ¡Dios amado!
Ôs braciños que tanto bicou!
¡Quèn poidera, naiciñas d' a alma,
Despaciño contarvos á solas
O que pasa d' o mar entr'as olas,
O que pasa d'o mar màis alá!...
¡Canto triste mortal desengaño!
¡Canta doce ilusion po-l-o vento!
¡Cantos dias d' amargo tormento!
¡Cantas noites de negra suidà!...”
Ningún comentario:
Publicar un comentario