#conNomedeMuller- Jacinta Landa Vaz


  JACINTA LANDA

Jacinta Landa Vaz (3 de novembro de 1894-13 de xullo de 1993) é unha galega de adopción cunha vida apaixonante. Nace en Badajoz,  filla dun extremeño e dunha portuguesa. Jacinta estudia  secundaria en Madrid na Institución libre de Enseñanza, onde debeu coñecer a Vicente Viqueira con quen casa e vén para Galiza. Jacinta xa rematara os sus estudos na Escola Normal na que se especializara no ensino de nenos xordos e cegos. Jacinta e Vicente instálanse na Coruña onde seu home imparte clases no instituto e  onde vivirá durante sete anos. O casal Landa-Viqueira estaba moi vinculado coas Irmandades da fala coruñesa e pénsase que Jacinta colabora coas Irmandiñas de Coruña e de Sada. A parella pasa moitas temporadas en Bergondo  (perto de Sada), onde estaba a casa familiar de Viqueira. Deste xeito entra en contacto coa lingua e cultura galegas. Cabe destacar que Viqueira foi o primeiro impulsor de métodos para a aprendizaxe da lectura na lingua da terra. De feito un dos tres fillos de Jacinta, Luísa, nace na Coruña (os outros dous naceran en Badajoz) e aprende a ler e escribir en galego cos materiais para a aprendizaxe da lingua que o seu propio pai elabora. Tras a morte do seu home  en 1924  trasládase a Madrid onde seguindo as directrices da Institución Libre de Enseñanza, funda con outras persoas os centros pioneiros como a Escuela Internacional Española e  posteriormente a Escuela Plurilingüe. Cando sucedeu o golpe de estado de 1936 estaba en Galicia, no pazo familiar de Vixoi en Bergondo, onde viña nos veráns e onde permace oculta durante nove meses. Consegue  fuxir,  pasando  por Madrid e Francia e continúa co seu compromiso coa República, realizando labores solidarias de axuda a persoas que sufriran as consecuencias da guerra como cativos que quedaran orfos ou persoas que tiñan que fuxir ó exilio. Alén diso, Jacinta durante a súa estadía en Madrid, forma parte do Liceum, colectivo feminista composto na súa maioría polas mulleres máis relevantes da república que querían ser escritoras e ocupar un espazo na literatura en igualdade cos homes. Posteriormente instálase en México tamén como exiliada, ca súa familia. Alí casa por segunda vez e realiza unha intensa actividade colaborando cun centro de ensino fundado por exiliados españois, co Padroado da Cultura Galega e coa revista Vieiros, entre outras. Desta traxectoria vital tan rica, talvez o máis salientable pola súa orixinalidade sexa o legado sonoro que Jacinta nos deixou. Entusiasmada pola literatura oral decidiu gravar un repertorio musical cantando “a capella” no que evocaba melodías populares autóctonas aprendidas na súa infancia de Extremadura, Portugal e Galicia. Este legado pasou ós fillos e despois ós netos. As cancións  foron gravadas nun estudio en México  DF en 1958 e agora están recollido no libro-cd  titulado “O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz Galiza, Portugal e Extremadura”. A obra é froito da colaboración do rianxeiro José Luís do Pico Orjais, Domingos Morais de Lisboa e a extremeña Pilar Barrios. O libro contén ademáis un estudo biográfico feito por Pico Orjais e Jacinta Palerm, neta de Jacinta. Na parte do repertorio dedicado a Galicia, hai cancións de berce compostas por Vicente Viqueira, de Rosalía e un feixe de cantigas populares constituíndo un patrimono valiosísimo para a historia da música galega.




Ningún comentario: