#conNomedeMuller: Luísa Villalta

Luísa Villalta:

"Non abonda a palabra recitada
para fechar o libro da memória,
no fundo sempre hai algo que se ignora
como lido só en páxina selada.

a palabra non é escrita, é soñada
entre o soño do sonido, incolora
entre as cores do sentido, acesória
como auséncia imprescindíbel e o nada.

procurando ese rosto que se corta
no vacio producio entre os versos,
ascendin pola escada até unha porta

dunha estáncia onde resoan, imersos,
os ecos da palabra, que está morta,
na orfa luz en que van boiar dispersos"   (Música reservada, Edicións do Castro, 1991, Sada)

   O 15 de xullo de 1957 nacía na Coruña Luísa Villata Gómez, escritora,  titulada superior en violino que formou parte da Xoven Orquestra de Galicia, profesora de Lingua Galega e Literatura en ensino secundario, conferenciante tamén, colaboradora de revistas e xornais e moito máis, pero sobre todo compañeira e amiga. Coñecín a Luísa polos tempos de COU na Coruña e máis tarde compartiriamos aulas na Facultade de Filoloxía e  departamento de Galego, como profesoras no IES Díaz Pardo de Sada, ata que faleceu no ano 2004, xusto cando feliz
acababa de recibir o XIII Premio Espiral Maior polo libro de poemas En concreto. O seu compromiso indiscutíbel coa nosa lingua e cultura, co noso pobo e a defensa dos dereitos das mulleres son o denominador común da súa intensa e fervente traxectoria vital. Parabéns para ti, Luísa, aí onde esteas!


Publicación monográfica dedicada a Luísa Villalta pola Fundación Suárez Picallo de Sada

Ningún comentario: