Nicolasa Añón, unha muller precursora da literatura galega contemporánea
Nicolasa Añón nace o 28 de febreiro de 1810
na aldea de Boel na comarca coruñesa de Outes, e morre o 1 de novembro de1887,
en Boel. Era a irmá maior do poeta Francisco Añón. O propio Añón dicía dela:
“Ai, se ela estudase algo,
se mesmo poidera ler catro versos, os seus farían que os meus se esqueceran!”
Esta muller labrega, filla de labregos non tivo a
oportunidade de realizar estudos como o seu irmán e apenas sabía escribir o seu
nome. Ser analfabeta era algo habitual entre as mulleres campesiñas da época.
Pese a iso, Nicolasa era quen de compoñer versos que gardaba na súa memoria. As
súas composicións, pertencen ó corpus da literatura oral e son de carácter
memorístico e temática relixiosa. Os poemas levan estrofas con versos oitosilábicos, que
son os propios do cancioneiro popular. En 1885, o mestre Jacobo Lema recolle unha
mostra dos seus versos nun pequeno manuscrito. Naquel intre Nicolasa tiña 75
anos. O libriño consta de catro composicións en castelán e dúas en
galego . Ó ano seguinte o xornalista e escritor Lisardo Rodríguez Barreiro de
Noia, acudiu a Boel a coñecer a Nicolasa e froito dese encontro nace a
reportaxe titulada “La hermana de Añón”. Nesta entrevista, o xornalista
consegue anotar varias composicións que Nicolasa recita de memoria, pedindo
disculpas previamente debido ó suposto pouco valor das mesmas.
"–Señor, non lle valen nada, porqu’eu maxinos
así coma quen non quer a cousa, mentras debullo n’o millo ou acomerando as
vacas"
O recurso confírelle naturalidade e espontaneidade á
composición
«Estos versos mal compostos / son de Nicolasa Añon / que non tuvo mais
prencipios / que os que tubo o legon».
A autora pide disculpas por facer versos e desanteder o seu
traballo, recurso de humildade que era empregado polas mulleres da
época que escribían ou compoñían versos.
«deixa os
versos Nicolasa / mira que verra o becerro / e tamen che verra a baca»,
En Rosalía de Castro, por exemplo atopamos o mesmo recurso en Cantares
Gallegos tanto no prólogo como no derradeiro cantar.
Unha das composicións é un romance dedicado a Alfonso
XII na súa visita a Santiago de Compostela e unha elexía dedicada a seu irmán
«¡Quén me dera ir á Madril
á chorar n’o campo santo
á rezar por meu hirmán
n’a cova ond’o guindaron!».
Posteriormente Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da literatura galega
contemporánea, inclúe un apartado dentro do capítulo dedicado a Francisco Añón
“Ao agarimo da sombra do seu irmán, imos dar cobexo na historia da literatura
galega a Nicolasa Añón
Carvalho baséase no traballo realizado polo cronista da autora, Lisardo
Barreiro. Para Carvalho Nicolasa foi unha xenuína creadora popular e
non unha imitadora. Moitos autores do século XIX quixeron imitar a arte popular
pero segundo di o propio Carvalho estes “disfrazábanse de
labregos”. A poesía de Nicolasa era auténtica, ela era quen de
reproducir o verdadeiro espírito do pobo nas súas composicións orais.
Desde o ano 2007
Nicolasa Añón figura no Diccionario de mulleres galegas de Aurora Marco, no que
Nicolasa ten unha entrada propia. Para finalizar mencionaremos o importantísimo achado do profesor Ramón
Blanco, quen atopou o manuscrito orixinal cos versos da poeta. El mesmo
encargouse da publicación do libro Poesías de Nicolasa Añón
catro anos despois (Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes, 2014). A RAG
faise eco da noticia e mostra unha adaptación dun poema completo da autora.
Velaquí un fragmento
Tamén vos hai
outra cousa
que vola vou contar
tamén dan unha medalla
ao que a queira tomar.
que vola vou contar
tamén dan unha medalla
ao que a queira tomar.
Algúns din
que non a queren
meu Deus que tolos son
e atrévense a dicir
que a teñen no corazón
meu Deus que tolos son
e atrévense a dicir
que a teñen no corazón
Nicolasa Añón
unha poeta labrega que merece figurar entre as mulleres precursoras da
literatura galega contemporánea e nos libros de texto de literatura galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario