#conNomedeMuller: Gloria Fuertes


Gloria Fuertes (Madrid, 28 de xullo de 1917- 27 de novembro de 1998)

"Escribo para niños para comer.
Escribo para mayores para vivir.
Escribo poesía porque no puedo evitarlo
y escribo testamentos por si me pasa algo."

Gloria Fuertes definíase deste xeito en Poemas más prácticos que teóricos




Mujer de verso en pecho


Marabillosa e máxica Gloria que nos fixeches pasar momentos ben felices e entretidos cando o mundo da infancia reinaba na casa, cos teus Versos fritos, Chupachups, Adivinanzas de Gloria, Me crece la barba... ( e cos versos para os adultos tamén, que non se diga...)
Ca definición de "guerra" do Diccionario estrafalario, poñiamos caras tristes, iso si!

"Los niños, los viejos y las mujeres
no hacen la guerra,
pero mueren en ella,
en los pueblos, en las ciudades,
mueren de sed, hambre o heridas
de metralla..."

Picasso e as caixas de farias das cigarreiras





Picasso e as caixas de farias das cigarreiras


             En 1891 a familia de Pablo Picasso instálase na Coruña debido a que seu pai ingresaba como profesor de debuxo na Escuela Provincial de Artes Oficios da nosa cidade. O neno Pablo cumpliría dez anos uns días despois de chegaren e vivirían na cidade durante catro anos, ata 1895. Picasso comeza a pintar as súas primeiras obras. O artista aproveitaba as caixas baleiras de farias que había por casa e que foran elaboradas na coruñesa Fábrica de Tabacos. Pintaba as tapas e vendíaas para gañarse unhas pesetas que moi probablemente gastaría máis tarde cos amigos.



 


Na imaxe, El Picador do neno Picasso

#conNomedeMuller-Teresa Herrera






                     Teresa Herrera e Pedrosa (A Coruña, 1712-1791) , coñecida na cidade como "a vella bruxa" ou a "muller dos demos", dedicou a súa vida, o seu traballo e humildes recursos, moitos obtidos de esmolas, en axudar ás mulleres pobres e desamparadas. Teresa utilizou a casa familiar que herdara como refuxio onde cobixaba e mantiña a mulleres enfermas e necesitadas, convertíndo así a súa vivenda no chamado "hospitalillo de Dios". Grazas ás súas aportacións, en 1971 iniciouse a construción do Hospital de la Caridad, (hoxe rúa Hospital-Zalaeta) que estaba destinado a Maternidad e Orfanato, coa finalidade de evitar o abandono dos recén nados de familias sen recursos.  Por desgraza Teresa Herrera morreu sen velo rematado. Posteriormente a expedición Balmis, que partiu da Coruña en 1803, nutriuse dun fato de rapaces deste hospicio, para levar a vacina da variola a outros lugares do mundo.
En 1862 publícase o Álbum de la Caridad, un volume no que se recollen todas as composicións poéticas presentadas nos primeiros Xogos Florais da Coruña o ano anterior. Os beneficios obtidos da venta desta obra irían destinados precisamente a este hospital que nese momento dirixía a ilustre coruñesa Xoana de Vega.


#conNomedeMuller: o Día de Galicia 2020


#conNomedeMuller

Emilia Docet Ríos e Mercedes do Campo no Día de Galicia de 1934

        Santiago de Compostela, 24 de xullo de 1934. Son as dez e media da noite e na Praza da Quintana vai dar comezo o Mitin das Arengas organizado polo Partido Galeguista.  Para abrir o acto unha banda de música interpreta o himno galego ante a multitude. No palco están presentes destacadas personalidades do galeguismo. Despois de que deixe de soar o himno, unha vintena de persoas intervirán por orde alfabética, dispondo cada un deles de cinco minutos para dirixirse ó público. Entre os asistentes figuran Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Suárez Picallo  e Vilar Ponte. Nesta ocasión dúas mulleres lanzarán tamén as súas arengas, elas son a viguesa Emilia Docet Ríos e a ourensá Mercedes do Campo. Cerrará o acto o presidente da Academia Galega, Manuel Lugrís Freire. Ó remate do mitin fórmase unha manifestación que leva na cabeceira tres bandeiras galegas e que desemboca diante da estatua de Rosalía de Castro no santiagués Paseo da Ferradura. Alí interprétase novamente o himno galego.
 Parece ser que o acontecimento espertou grande expectación na cidade, ademais o feito de que houbese intervención de mulleres nun acto deste tipo era algo excepcional e novedoso.  O xornal El pueblo gallego escribe o seguinte titular para anuncialo:
“El gran acto de la Plaza de la Quintana”
Emilia Docet- Faro de Vigo, 1933
 e cita expresamente ás dúas oradoras. Noutros xornais atopamos a referencia ás mulleres pero sen os nomes:
       “Hablarán además dos señoritas. La Plaza de la Quintana estará iluminada y se la dotará de altavoces”
Nunha entrevista publicada en el Pueblo Gallego no ano 1933 Emilia Docet declara :

“A maior alegría da miña vida será o día no que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”

Mercedes do Campo publica en A Nosa Terra, en Xullo de 1935, o artigo Día de Galicia, que remata así:
“Deus queira que chegue pronto o Día Grande, outro Vintecinco de Xulio en que todos en pé poidamos cantar co poeta: A NOSA TERRA E NOSA. ¡VIVA GALICIA CEIBE!”


               Hoxe, 25 de xullo de 2020, cúmplense cen anos de que as Irmandades da Fala organizaran o primeiro Día de Galiza, en 1920. En novembro de 1919, durante a celebración en Santiago de Compostela da II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, acordan fixar como Día de Galiza o 25 de xullo. A data escollida non era do agrado de todos por coincidir cunha festa relixiosa. Antón Vilar Ponte propón celebralo o 17 de decembro, data do aniversario da execución na praza da catedral de Mondoñedo do Mariscal Pardo de Cela no s. XV, por orde dos Reis Católicos. O acordo foi publicado no órgano oficial das Irmandades da Fala, a revista A Nosa Terra. Durante a ditadura franquista prohíbese a celebración que non volverá a ser permitida ata mediados dos anos oitenta do século XX. A celebración do Día de Galicia terá que irse ó exilio. Daniel Castelao exiliado en Arxentina, pronuncia o discurso de Alba de groria no Teatro Arxentino durante o  festival organizado polo Centro Gallego de Buenos Aires para celebrar en palabras do autor "a festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos",  posteriormente publicado en A Nosa Terra. Castelao declarou que o escribira o ano anterior durante a súa estancia en Marsella e está incluído no libro IV de Sempre en Galiza, rematando o discurso con estas palabras:

"Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares"


Ediciós Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires, 1948
Alicia Mariña @Sálvora mx, 2020






#conNomedeMuller: Luísa Villalta

Luísa Villalta:

"Non abonda a palabra recitada
para fechar o libro da memória,
no fundo sempre hai algo que se ignora
como lido só en páxina selada.

a palabra non é escrita, é soñada
entre o soño do sonido, incolora
entre as cores do sentido, acesória
como auséncia imprescindíbel e o nada.

procurando ese rosto que se corta
no vacio producio entre os versos,
ascendin pola escada até unha porta

dunha estáncia onde resoan, imersos,
os ecos da palabra, que está morta,
na orfa luz en que van boiar dispersos"   (Música reservada, Edicións do Castro, 1991, Sada)

   O 15 de xullo de 1957 nacía na Coruña Luísa Villata Gómez, escritora,  titulada superior en violino que formou parte da Xoven Orquestra de Galicia, profesora de Lingua Galega e Literatura en ensino secundario, conferenciante tamén, colaboradora de revistas e xornais e moito máis, pero sobre todo compañeira e amiga. Coñecín a Luísa polos tempos de COU na Coruña e máis tarde compartiriamos aulas na Facultade de Filoloxía e  departamento de Galego, como profesoras no IES Díaz Pardo de Sada, ata que faleceu no ano 2004, xusto cando feliz
acababa de recibir o XIII Premio Espiral Maior polo libro de poemas En concreto. O seu compromiso indiscutíbel coa nosa lingua e cultura, co noso pobo e a defensa dos dereitos das mulleres son o denominador común da súa intensa e fervente traxectoria vital. Parabéns para ti, Luísa, aí onde esteas!


Publicación monográfica dedicada a Luísa Villalta pola Fundación Suárez Picallo de Sada

#conNomedeMuller- Jacinta Landa Vaz


  JACINTA LANDA

Jacinta Landa Vaz (3 de novembro de 1894-13 de xullo de 1993) é unha galega de adopción cunha vida apaixonante. Nace en Badajoz,  filla dun extremeño e dunha portuguesa. Jacinta estudia  secundaria en Madrid na Institución libre de Enseñanza, onde debeu coñecer a Vicente Viqueira con quen casa e vén para Galiza. Jacinta xa rematara os sus estudos na Escola Normal na que se especializara no ensino de nenos xordos e cegos. Jacinta e Vicente instálanse na Coruña onde seu home imparte clases no instituto e  onde vivirá durante sete anos. O casal Landa-Viqueira estaba moi vinculado coas Irmandades da fala coruñesa e pénsase que Jacinta colabora coas Irmandiñas de Coruña e de Sada. A parella pasa moitas temporadas en Bergondo  (perto de Sada), onde estaba a casa familiar de Viqueira. Deste xeito entra en contacto coa lingua e cultura galegas. Cabe destacar que Viqueira foi o primeiro impulsor de métodos para a aprendizaxe da lectura na lingua da terra. De feito un dos tres fillos de Jacinta, Luísa, nace na Coruña (os outros dous naceran en Badajoz) e aprende a ler e escribir en galego cos materiais para a aprendizaxe da lingua que o seu propio pai elabora. Tras a morte do seu home  en 1924  trasládase a Madrid onde seguindo as directrices da Institución Libre de Enseñanza, funda con outras persoas os centros pioneiros como a Escuela Internacional Española e  posteriormente a Escuela Plurilingüe. Cando sucedeu o golpe de estado de 1936 estaba en Galicia, no pazo familiar de Vixoi en Bergondo, onde viña nos veráns e onde permace oculta durante nove meses. Consegue  fuxir,  pasando  por Madrid e Francia e continúa co seu compromiso coa República, realizando labores solidarias de axuda a persoas que sufriran as consecuencias da guerra como cativos que quedaran orfos ou persoas que tiñan que fuxir ó exilio. Alén diso, Jacinta durante a súa estadía en Madrid, forma parte do Liceum, colectivo feminista composto na súa maioría polas mulleres máis relevantes da república que querían ser escritoras e ocupar un espazo na literatura en igualdade cos homes. Posteriormente instálase en México tamén como exiliada, ca súa familia. Alí casa por segunda vez e realiza unha intensa actividade colaborando cun centro de ensino fundado por exiliados españois, co Padroado da Cultura Galega e coa revista Vieiros, entre outras. Desta traxectoria vital tan rica, talvez o máis salientable pola súa orixinalidade sexa o legado sonoro que Jacinta nos deixou. Entusiasmada pola literatura oral decidiu gravar un repertorio musical cantando “a capella” no que evocaba melodías populares autóctonas aprendidas na súa infancia de Extremadura, Portugal e Galicia. Este legado pasou ós fillos e despois ós netos. As cancións  foron gravadas nun estudio en México  DF en 1958 e agora están recollido no libro-cd  titulado “O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz Galiza, Portugal e Extremadura”. A obra é froito da colaboración do rianxeiro José Luís do Pico Orjais, Domingos Morais de Lisboa e a extremeña Pilar Barrios. O libro contén ademáis un estudo biográfico feito por Pico Orjais e Jacinta Palerm, neta de Jacinta. Na parte do repertorio dedicado a Galicia, hai cancións de berce compostas por Vicente Viqueira, de Rosalía e un feixe de cantigas populares constituíndo un patrimono valiosísimo para a historia da música galega.




#conNomedeMuller: Avelina Valladares


#conNomedeMuller

                      Con Avelina Valladares Núñez (A Estrada, 1825-1902) ponse de manifesto unha vez máis a situación tan difícil que viviron as mulleres escritoras na Galicia do s.XIX. Enfrontábanse a grandes obstáculos moitas veces insuperábeis para desenvolver a actividade literaria e ó esquecimento no que caían os seus esforzos e logros.  Avelina é un caso máis entre as autoras esquecidas. Irmá do gramático e novelista Marcial Valladares, autor da que se di a primeira novela  escrita en galego:  Máxina ou a filla espúrea, que cumple neste 2020 150 anos da súa redacción. A nosa autora posuía unha grande formación cultural nun momento en que as mulleres galegas eran prácticamente analfabetas. Tivo a sorte de ter nacido nunha familia con recursos económicos e o máis importante: interesada pola cultura. Ten escrito en galego e en castelán e os seus textos están espallados por revistas como o Almanaque gallego de Bos Aires, El Heraldo Gallego, El Compostelano, entre outros. A importancia de Avelina débese ó feito de ter sido unha das primeiras mulleres, senón a primeira, que publicou artigos de opinión na prensa escrita. Unha mostra é “El ochavo milagroso”, sobre supersticións galegas, publicado en El Eco de Galicia na Habana. Por desgraza, Avelina, como moitas outras escritoras decimonónicas, non tiña interese pola publicación (asumindo en carne propia o contexto histórico no que a muller non xogaba ningún papel de relevo na sociedade e na cultura) e restáballe  calquera importancia á súa faceta literaria, de feito a principal dedicación durante a súa vida foi a beneficencia. Avelina deixounos un feixe de poemas en galego que foron publicados en revistas e xornais da época e finalmente recompilados no libro de Xosé Luna Sanmartín Ond´o sol facheaba ò amañecer, sobre a vida e obra da autora.  Deixounos  tamén o "Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego", na que o labrego fala galego e o romeiro castelán. Hoxe existe unha versión para o teatro preparada por Xosé Lueiro Lemos. 

Entre os poemas de Avelina transcribimos un fragmento do titulado
 Ôs qu´emigran:


“…Adios; ¡ai! anaquiños d' a vida

Pobres nàis qu' angustiadas de morte,
Maldecís a fatídica sòrte
Qu'ôs fillíños de vós aleijou
¡Quèn poidera enjugà-l-os regueiros
Que de bàgoas teredes botado!
¡Quèn poidera correr! ¡Dios amado!
Ôs braciños que tanto bicou!

¡Quèn poidera, naiciñas d' a alma,
Despaciño contarvos á solas
 O que pasa d' o mar entr'as olas,
 O que pasa d'o mar màis alá!...
 ¡Canto triste mortal desengaño!
 ¡Canta doce ilusion po-l-o vento!
 ¡Cantos dias d' amargo tormento!
¡Cantas noites de negra suidà!...”


OS XOGOS FLORAIS

159 ANIVERSARIO DOS XOGOS FLORAIS DA CORUÑA




Estamos no 159 aniversario da celebración dos primeiros  Xogos Florais, que tiveron lugar na Coruña, o 2 de Xullo de 1861 no Teatro Principal ou de San Xurxo (hoxe Teatro Rosalía Castro). Os escritores Benito Vicetto e Antonio de la Iglesia impulsaron os Xogos, seguindo a idea de José Pascual López Cortón, o mecenas que correu cos gastos da celebración. Posteriormente publicouse o Álbum de la Caridad cos traballos premiados e con textos de poetas do s.XIX.  Esta publicación tamén foi costeada por López Cortón. A participación das mulleres nos Xogos foi escasa, e as que tiveron algún papel ficaron esquecidas, salvo algunha excepción coma a de Rosalía de Castro.  O propio López Cortón decrarou que concebira os Xogos Florais “como medio de alentar á mocedade estudosa  no cultivo da poesía e da historia de Galicia, do que agardaba unha rexeneración xeral do país”. Para facer xustiza merece destacarse a figura de Xoana de Vega, (se ben ela non quería que figurase o seu nome), que exerceu de mecenas cultural e patrocinadora dos Xogos, xuntos cos autores antes mencionados. Na portada do  Álbum de la Caridad figura  que a obra está dedicada á presidenta da Asociación de Beneficencia da Coruña, que era a propia Xoana, así como a doazón da edición. Os beneficios obtidos da venta do Álbum foron para dita asociación. Este libro, publicado ó ano seguinte da celebración dos Xogos, denominado "Mosaico poético de nuestros vates gallegos  contemporáneos”, é unhas das antoloxías máis antigas do Rexurdimento. Por desgraza poucas foron as mulleres afortunadas que viron publicadas as súas composicións nesta obra. Había sete premios e cada un deles tiña dous accésits. O primeiro premio consistía nunha “flor natural” que quedou deserto. Francisco Añón, obtivo un accésit ó primeiro premio ca súa composición en galego  titulada A Galicia. O de Añón foi o único traballo premiado escrito en galego. Entre as mulleres que figuran no Mosáico están Concepción Arenal, Emilia Calé, Manuela Cambronero, Elisa Lestache,  Juaquina  López de la Vega, Elvira Luna del Castillo,  Narcisa Perez Reoyo y Soto,  Amadora Tapia e unha Rosalía Castro moi nova, con poesías que logo incluiría en Cantares Gallegos como Romaría da Barca ou máis tarde en Follas Novas como a titulada ¡Terra a nosa!. Os Xogos Florais da Coruña serviron de exemplo e motivación, espallándose por toda Galicia. En Pontevedra celebráronse ó mes seguinte e en anos posteriores tiveron lugar os de Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Tui e Betanzos. A participación de mulleres escritoras seguía a ser escasa e menos aínda as galardonadas. Cabe destacar “A Rosa de Ouro” obtida por Emilia Pardo Bazán nos Xogos de Ourense, en 1876, pola súa "Oda a Feijóo", en castelán. Como anécdota, contar que neste mesmo certame presentáronse ó apartado de ensaio Pardo Bazán e Concepción Arenal, quedando empatadas en número de votos. O desempate sería a favor de Emilia. Nos Xogos Florais de Tuí, celebrados en xuño de 1891 figura entre os autores premiados a ourensá Filomena Dato Muruais, quen gañou o “clavillo” coa composición O gaiteiro de Xixón. Precisamente foi esta muller, Filomena, a mantedora dos Xogos florais lucenses que sucederon na década dos anos 70 do s. XIX, chegando a ser a súa presidenta no ano 1900. Filomena Dato escribiu o poema Defensa d´as mulleres co que conseguiu diferentes galardóns.  Para finalizar un fragmento de Defensa d´as mulleres incluído na súa obra Follatos

”Os que negan â muller

 intelixencia e talento,

a millor contestaceon

cicais que fose o disprecio.

¿D' ónde sacaron qu' as almas
teñen com' os corpos seuso?
Porqu' as probes d' as mulleres
nunca tiveron enseño
como os homes, qu' eran tontas,
os homes tontos dixeron…”

Fontes consultadas:  As Precursoras de A. Marco; Revista dixital Galiciana; Follatos, Filomena Dato; Historia da literatura galega contemporánea de Carvalho Calero; Literatura Galega da muller de Carmen Blanco; RAG, arquivos.

O SOLSTICIO DE VERÁN


  Na tradición do solsticio de verán as augas e as herbas teñen un culto moi importante, non só na nosa terra, senón tamén noutros lugares da península e de Europa. Especialmente na Europa atlántica. Esta tradición pagá foi combatida durante a Idade Media e chegaron ata hoxe reconvertidas polo cristianismo en noite de San Xoán. Na mitoloxía popular existe a crenza de que as augas nesta noite teñen poderes máxicos e curativos. As augas das fontes, dos lagos, ríos, do mar e mesmo o orballo dos campos posúen virtudes excepcionais na noite e no abrente deste día. O orballo dos campos poderían curar doenzas da pel. Tamén a auga collida en sete fontes  para facer o cacho, que é a auga á que se lle botan as herbas de San Xoán e que se deixan toda a noite ó relento, servirá para esconxurar e afastar ás meigas e quitar o mal de ollo. As herbas de San Xoán penduradas nas portas e fiestras impiden que entren as bruxas na casa. 
Outra das tradicións máis significativas nesta noite meiga é a da flor da auga. A flor da auga “É un dos misterios máis estraños e poéticos da noite de San Xoán” di Vicente Risco, e é  a que se collería ó sair a raia do sol na tona das augas das fontes,  lagos, ríos…  Hai quen dí que é unha pinga do orballo que na amañecida un paxaro trae no seu peteiro para deitala nunha flor.
Irás ao abrente do día

a auga fresca catar

da auga do paxariño
que saúde che ha de dar.

Corre, meniña,

vaite lavar

alá na fonte
te has de lavar,
e a fresca auga
desta amañecida
cor da cereixa
che ten que dar.

Se arraiar,

se arraiará

tódalas meigas levará,
se arraiou,
xa arraiou,
tódalas meigas levou.

Peladas eran

peladas serán

tódalas meigas
que andan polo chan.


O lexicólogo Eladio Rodríguez no seu dicionario apunta que esta flor é a que buscan as mozas casadeiras. Estas terían que bañarse na noite de San Xoán e mollarse cas nove ondas, como podemos ler nun romance popular que recolle Manuel Murguía:

Cal será a meniña cal, que collerá a auga fría
Non será dama, nin deuda, que será a princesa Aldina,

a princesa namorada, filla do rei de Galicia.
Non hai outra coma ela, tan feitiña e tan bonita.
c'aqueles seus ollos craros, da color d'auga da ría.
Só ti Aldina serás, quen leve a fror d'auga fría:
                                                           Érguete do teu leito nena, ven cara á banda do mar
                                                  qu'anque ti soiña veñas tornarás en compañía.


#conNomedeMuller: Nicolasa Añón

Nicolasa Añón, unha muller precursora da literatura galega contemporánea

 


Nicolasa Añón  nace o 28 de febreiro de 1810 na aldea de Boel na comarca coruñesa de Outes, e morre o 1 de novembro de1887, en Boel. Era a irmá maior do poeta Francisco Añón. O propio Añón dicía dela:
 “Ai, se ela estudase algo, se mesmo poidera ler catro versos, os seus farían que os meus se esqueceran!”
Esta muller labrega, filla de labregos non tivo a oportunidade de realizar estudos como o seu irmán e apenas sabía escribir o seu nome. Ser analfabeta era algo habitual entre as mulleres campesiñas da época. Pese a iso, Nicolasa era quen de compoñer versos que gardaba na súa memoria. As súas composicións, pertencen ó corpus da literatura oral e son de carácter memorístico e temática relixiosa. Os poemas levan estrofas con versos oitosilábicos, que son os propios do cancioneiro popular. En 1885, o mestre Jacobo Lema recolle unha mostra dos seus versos nun pequeno manuscrito. Naquel intre Nicolasa tiña 75 anos.  O libriño consta de catro composicións en castelán e dúas en galego . Ó ano seguinte o xornalista e escritor Lisardo Rodríguez Barreiro de Noia, acudiu a Boel a coñecer a Nicolasa e froito dese encontro nace a reportaxe titulada “La hermana de Añón”. Nesta entrevista, o xornalista consegue anotar varias composicións que Nicolasa recita de memoria, pedindo disculpas previamente debido ó suposto pouco valor das mesmas.

"–Señor, non lle valen nada, porqu’eu maxinos así coma quen non quer a cousa, mentras debullo n’o millo ou acomerando as vacas"

O recurso confírelle naturalidade e espontaneidade á composición


«Estos versos mal compostos / son de Nicolasa Añon / que non tuvo mais prencipios / que os que tubo o legon».
 A autora pide disculpas por facer versos e desanteder o seu traballo,  recurso de humildade que era empregado polas mulleres da época que escribían ou compoñían versos.

 «deixa os versos Nicolasa / mira que verra o becerro / e tamen che verra a baca»,

En Rosalía de Castro, por exemplo atopamos o mesmo recurso en Cantares Gallegos tanto no prólogo como no derradeiro cantar.
Unha das composicións é un romance dedicado a Alfonso XII na súa visita a Santiago de Compostela e unha elexía dedicada a seu irmán
«¡Quén me dera ir á Madril
 á chorar n’o campo santo
 á rezar por meu hirmán
 n’a cova ond’o guindaron!».

Posteriormente Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea, inclúe un apartado dentro do capítulo dedicado a Francisco Añón
“Ao agarimo da sombra do seu irmán, imos dar cobexo na historia da literatura galega a Nicolasa Añón
Carvalho baséase no traballo realizado polo cronista da autora, Lisardo Barreiro. Para Carvalho  Nicolasa foi unha xenuína creadora popular e non unha imitadora. Moitos autores do século XIX quixeron imitar a arte popular pero segundo di o propio Carvalho estes “disfrazábanse de labregos”.  A poesía de Nicolasa era auténtica, ela era quen de reproducir o verdadeiro espírito do pobo nas súas composicións orais.
Desde o ano 2007 Nicolasa Añón figura no Diccionario de mulleres galegas de Aurora Marco, no que Nicolasa ten unha entrada propia. Para finalizar mencionaremos o importantísimo achado do profesor Ramón Blanco, quen atopou o manuscrito orixinal cos versos da poeta. El mesmo encargouse da publicación  do  libro Poesías de Nicolasa Añón catro anos despois (Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes, 2014). A RAG faise eco da noticia e mostra unha adaptación dun poema completo da autora. Velaquí un fragmento
Tamén vos hai outra cousa
que vola vou contar
tamén dan unha medalla
ao que a queira tomar.
Algúns din que non a queren
meu Deus que tolos son
e atrévense a dicir
que a teñen no corazón
Nicolasa Añón unha poeta labrega que merece figurar entre as mulleres precursoras da literatura galega contemporánea e nos libros de texto de literatura galega.


AS TRECE ROSAS


As Trece rosas é xa o nome oficial do parque público de Bastiagueiriño en Oleiros. O pasado sábado día 13 tivo lugar a inauguración. Olga Manzanero, o alcalde de Oleiros e o presidente da Deputación, leron uns textos de homenaxe. O protagonismo do acto foi para Olga Manzanero, sobriña de Dionisia Manzanero Salas, unha das trece rosas. O parque incorpora tamén unha escultura de bronce realizada por Miguel Couto. A peza representa un corpo vencido, caendo derrubado polos disparos, un corpo xoven, case infantil, co mar e Coruña como telón de fondo. Olga emocionou ós presentes coa lectura dun comunicado da Asociación Trece rosas de Asturias e un escrito da súa autoría para honrar a memoria das Trece rosas e especialmente a da súa tía Dionisia e da familia. Vinte anos, vinte, tiña Dionisia cando foi fusilada, varios meses despois de rematada a guerra. Ningunha das Rosas cumplira aínda os trinta anos. Uns días antes de ser fusilada escribiu unha carta a seus pais. A carta de Dionisia é unha das tres que se conservan das escritas polas Rosas. E conmove a fortaleza e valentía dun corazón tan grande
"Estoy serena y firme hasta el último momento. Pero tened en cuenta que no muero por criminal ni ladrona, sino por una idea."

Dionisia foi unha das mulleres fusiladas o 5 de agosto de 1939 en Madrid polo réxime franquista

(Xulio Correa, fotógrafo, é o autor das imaxes)

CLARA CORRAL AYER

             
 Clara Corral Ayer figura na Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, como unha das mulleres escritoras do s.XIX que poetizaron en galego, foi a segunda en facelo despois de Rosalía . Clara Corral naceu en Ourense o 8 de xuño de 1847, e escribiu en castelán e galego. Pertencía a unha familia de escritores. O seu pai, o médico Dimas Corral, foi un dos cantores mindonienses do Nadal. Na nosa lingua atopamos algúns poemas de carácter amoroso como “O ben da terra” ou “O día de San Antón” na liña dos poemas rosalianos de Cantares Gallegos.  Estas composicións foron editadas por vez primeira en La Ilustración Gallega y Asturiana e posteriormente reproducidas en diversas publicacións como O Tío Marcos da Portela de Ourense , primeiro xornal escrito íntegramente en galego. A súa produción espallouse por revistas e xornais, como sucedeu cos textos do resto das mulleres que escribían nesta época. En 1980 saiu so prelo o volume Poesías en Gallego  y castellano que recompila unha parte importante da súa obra.  En 1884 trasladouse a vivir a Coruña, e en 1906 foi nomeada correspondente pola R.A.G. Morreu dous anos máis tarde na nosa cidade.

De “O ben da terra” (fragmento)

“Era unha leda mañán
que día de San Xan era,
cando pola corredoira
que mira cara a igrexia,
vestido el de pano novo,
ela de dengue e mantela,
viñan collidos das mans
como quen vai dunha festa
 bicándose coas meniñas
      dos ollos, Xan e Sabela.”

imaxe: es.wikipedia.org
 Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero

MICAELA CHAO MACIÑEIRA


O 18 de maio de 1916 fundábanse na Coruña as Irmandades da Fala. O seu obxectivo era potenciar o uso do galego e promocionar a nosa cultura. O acto tivo lugar no local social da Academia Galega. Micaela Chao Maciñeira (Viveiro, 1892-27 novembro, 1928), foi a única muller que asistiu ó acto fundacional e foi decrarada "irmá" dos Amigos da Fala, foi a primeira "irmá". Ó ano seguinte Micaela encabezaba unha colecta para financiar unha bandeira galega bordada para a Irmandade coruñesa. En 1918 promoveu a constitución dunha parte feminina dentro das Irmandades. O proceso culminou en agosto dese ano. Contaban nese momento con máis de duascentas mulleres afiliadas e Micaela Chao Maciñeira foi a súa Conselleira Primeira.


Retrato: gl.wikipedia.org