Cal é a predición do tempo para hoxe? Din por aí que cando nós non sabemos de que falar falamos do tempo, de se vai frío ou calor, se está nubrado, se abrirá. Se cadra isto do tempo vale tamén cando queremos escribir e non sabemos de que.
Consulto a páxina da Axencia Estatal de meteoroloxía. Madia leva! anuncian mal tempo. Chuvia e vento. Vento travesío. Na páxina de Aemet vén expresada a localización exacta do lugar en coordenadas xeográficas. As coordenadas xeográficas de latitude e lonxitude. Non hai dúbida de que se trata da Coruña, A (altitude: 7 m); latitude 43º 22´ 43´´-lonxitude 8º 23´ 43´´. Son as chamadas liñas imaxinarias. Canta aventura poètica hai nelas! A lonxitude sitúanos moi perto do meridiano 0 ou meridiano de Greenwich. O ex-alcalde coruñés Paco Vázquez mandara colocar unha barra de aceiro inoxidábel diante do Palacio Municipal, para marcar a situación da Coruña no planeta! Pero parece ser que o meridiano non pasa exactamente por María Pita. O Pai Sarmiento defendía que a liña pasa por Fisterra. O Fin da Terra. Sorprendente lugar para pasar. Será isto un sinal?
Outra viaxe,
a do explorador irlandés Ernest Shackleton durante máis de 638 días a bordo do Endurance para atravesar
o Polo Sur. Soldo baixo, frío extremo, longos meses de completa escuridadade, un
perigo constante e o peor, que non había garantías de regresar con vida. Isto era
o que Shackleton oferecía no anuncio publicado no xornal británico The Times para reclutar ós
tripulantes que o acompañarían na súa expedición á Antártida. E houbo quórum e
partiron. No libro As viaxes de Shakelton isto foi o que lin. E despois de 21 meses de inferno naquel páramo
xeado, regresaron con vida todos. TODOS!!
Pero por sorte houbo
máis Endurance, Resistencia, de Scott Kelly. O libro do astronauta alentou as
miñas fantasías viaxeiras, nesta ocasión espaciais. Un ano no espazo na Estación Espacial
Internacional. Tres meses no meu apartamento en San Xián de Serantes, Oleiros, sen
saír apenas do habitáculo, máis que para comprar o pan na tenda do lado da casa e botar o lixo. Como todo o
mundo no país. Lía unha e outra vez a descrición do compartimento do astronauta na
Estación Espacial. Seique a terminal ten moitos cuartos, pero no seu
compartimento collía xusto o seu saco de durmir, dúas computadoras persoais e
un saco ca súa roupa e algún obxecto persoal. 365 días, sen poder ir a ningures
fóra do recinto espacial, pero non estaba só, outros eran rusos e europeos. Algunha
muller. Creo que teñen sido ben poucas. Por exemplo, a astronauta italiana
Samantha Cristoforetti, a do Nespresso. Cristoforetti foi a primeira italiana
en viaxar a bordo da nave rusa Soyuz e quedarse na estación espacial durante
200 días. Samantha levou con ela unhas cápsulas do café Nespresso para tomar
alí, e saíu nos medios por este motivo, máis que pola súa fazaña. O astronauta Scott e os demais, Shackleton e Phileas
Fogg seguro que se mantiveron no tempo de Greenwich durante os seus periplos
para non perderse, para non perder a cabeza.
Agora soñamos con Marte, nun futuro non moi lonxano. Os científicos apuntan que en 2033 a Terra e o planeta vermello estarán aliñados favorablemente para realizar a viaxe. Xa me vexo, en avión desde Coruña a Madrid, de Madrid a Florida, de Florida a Melbourne e despois nun bus a Cabo Cañaveral, ou talvez o percorrido sexa desde Coruña a Madrid, de Madrid a Pekin e rematar nun barco que nos leve á illa de Hainan? E unha vez na lanzadeira espacial saltaremos ó espazo exterior, en voo directo a Marte? Case 9000 horas de viaxe segundo os meridianos, 365 días!?
Se Scott vai espero que escriba outra crónica. E Verne, se o puidese ver, outra novela. E que vaian mulleres. E que escriban. Moitas. Que narren aventuras ambientadas no universo como a Saga de Chanur de Caroline Janice Cherry, de Misuri, e as súas transgresoras interestelares “as hani”. Será emocionante.
Eu… quen sabe!
Mentres hei de continuar co meu entrenamento na miña lanzadeira persoal de
odiseas espaciais. E Greenwich seguirá mantendo a todo o mundo no horario
preciso, sen dúbida!
Ningún comentario:
Publicar un comentario