#conNomedeMuller, Antonina Moscoso

 


      O día abre solleiro e prepárome para botar unha carreiriña. Penso achegarme ata a estatua de Antonia Moscoso, tía Antonina, a que foi a comadroa de Mera. Detrás está a capela de Santa Ana. O lugar chámase San Cosme de Maianca. Cincocentos metros de paseo marítimo sepáranme do santuario. Gústame este percorrido. Alí está o monumento de Francisco Escudero en homenaxe a esta singular muller, que a mediados do século XX foi a matrona de Maianca, Serantes e Dexo. Antes foron outras. Imaxino a estas bravas féminas con saias e  botas altas de coiro, galopando por camiños e corredoiras  portando as súas bulsas de comadroas. Moitas persoas da vila lémbranse aínda de Antonina.

      Como é cedo  hai pouca xente pola rúa. Os coches que circulan, rodan amodo, traqueteando  paseniñamente pola calzada de tella.  Algunhas persoas fan o mesmo ca min. E ciclistas que pasan silandeiros a carón do mar.  No fondo vexo algún bote, na auga calma e azul. A verdade que hoxe vese ben limpiña. Camiño ata Santa Ana acompañada do intenso arrecendo do argazo e ó chegar fago a parada de costume. Aproxímome á varanda para esculcar a paisaxe. Unha escada moi empinada desce a unha pequena cala que a marea alta cobre por completo. Agora, marea baixa. As rochas ben lavadiñas emerxen á superficie. Nelas agóchanse as centolas. Fronte ó rochedo hai unha  illa pequeniña, a illa do Portelo.  Cando o mar está baixo, é doado ir ata alí saltando de pena en pena. Cando a marea sobe,  pásase moi ben por enriba delas na chalana. É moi fermoso ilas vendo aí debaixo a través do cristal da auga. Xusto do outro lado hai outra cala, máis grande e con mellor baño, chámase Praia do Portelo, igual có illote. Ó cabo, vou cara a estatua de Antonina a parteira, que segue no sitio de sempre, no centro do adro diante da capela. Toda rodeada de verdor. Tempos difíciles deberon ser nos que Antonina Moscoso montaba na súa besta para ir atender ás mulleres que estaban de parto. Disque ás que eran pobres non lles cobraba.

Hai un anaco de sombra nun dos laterais da estatua. Percorro os cinco metros que me separan dela e sitúome ó pé da matrona, no lugar sombrizo. Comezo a facer os exercicios de quentamento antes de seguir ca carreira. Hai que quecer ben os músculos para subir a empinada encosta que leva a Canide. Ergo a vista para mirar á comadroa. A figura é un busto de bronce que leva un recén nado deitado nas  mans, rodeado por unha silueta de pedra que traza no aire o corpo dunha embarazada. Nun lateral hai unha inscrición que di o seguinte:

“As túas mans, déronnos a vida”

Fico un intre pensando nesa lenda e digo en voz alta:

 -Bos días, señora Antonina, como lle vai nesa posición tan centrada? Non cansa de estar sempre cos brazos en alto, suxeitando  ese meniño de bronce?

Antonina, claro está,  non se digna a responderme, eu insisto:

 -Certo que vostede  é de metal pero non sentirá frío porque lle dá o sol todo o día. O seu monumento está moi ben situado, sobre todo en verán, nas festas de Maianca,  este é un lugar principal na vila. Nesas datas si que anda ben acompañada...

Por un segundo seméllame que escoito un ruído, un son rouco, un acento duro, unha voz metálica:

- E índa que non sexan festas tamén. Sempre pasa xente  por aquí.

-Ah, bos días, señora Antonina, como está vostede? 

-Bos días, muller, vexo que  vostede non é  nin de pedra nin de metal, pero di  bastantes  babecadas. A ver, non ten nada mellor que facer?

-Non se anoxe, Dona Antonina, que veño visitala de boa fé. Algunhas veciñas faláronme de vostede e sentía curiosidade. 

-Saberá  que eu son  personaxe ilustre desta localidade.

 -Seino  que ben mo contaron e tamén da homenaxe na súa honra o día da inauguración da estatua.  Unha auténtica festa, seique, con centos de veciños e veciñas, o alcalde, os da cofradía de Santa Ana e etcétera, etcétera, coa música das gaitas e a coral de Mera entoando cantigas. Debeulle de ser ben bonitiño. Doulle os meus parabéns!

-Imos ver, miña señora, antes de que remate a paciencia (en realidade as estatuas non temos ningunha), dígame quen é vostede e que veu facer aquí

-Pois... eu sonlle unha veciña de aí de Serantes, onde a casa do Arxentino. Quixera facerlle unhas preguntas porque...  como  axudou a nacer a tantos meniños! supoño que tamén tería fillos, E se me permite, quen é o cativiño que leva no colo? Gustarianme tamén unhas fotos para un pequeno artigo que estou escribindo sobre vostede.

 -Vaites, vaites, pois si que anda a tocar a gaita aquí e non sei quen lle mandou! E nada de fotos! pero, quen lle deu voz neste asunto? Ben vexo que é moi atrevida, abofé. Olla para ela e que trazas leva, con eses pantalóns tan apretados que lle marcan todo, desvergonzada!

-Desculpe, dona Antonina, por favor non se alporice. Eu,  non quería encabuxala.



-Veña, veña, remate xa con eses movementos raros que está a facer, que me vai espantar os paxaros. Ademais na herba que pisa hai moitas margaridas, e peonías, que alivian as dores de parto. Ande con xeito, non as machuque. Non me gustaría quedarme sen flores. Por certo, saiba  que está ocupando o lugar onde se pon o meu cabalo e está a piques de chegar.  Así que acabouse o conto! Lisque, faga o favor.


 Atordada e sen saber que máis dicir, saltei fóra da herba e corrín cara a encosta que subía ata Canide.

 

      Antonina Moscoso Meirama naceu en Xoez, na parroquia de San Xián de Serantes (Oleiros) o 15 de outubro de 1892 e morreu o 19 de marzo  de 1989 con 97 anos de idade. Nunca casou e non tivo fillos, disque que tiña moito carácter e que era moi devota. Asistiu a centos  de mulleres nos partos non só de Serantes e Maianca, senón tamén as de  Lorbé, Dexo, Cabreira eran atendidas por ela. Se era preciso camiñaba grandes distancias e mesmo usaba o cabalo ou inclusive a bici, senón ían na súa procura. Pero ademais de acorrer nos partos, axudaba ós enfermos tentando remediar os seu males, e mesmo auxiliaba a doentes no seu leito de morte.  No ano 2001 tivo lugar a inauguración do monumento no mirador de Santa Ana e a homenaxe a esta grande muller.

 

 

Ningún comentario: