"Mui ben poidera amostrarche
D´afror´as muchadas follas
Que muchadas y-amarelas
Gardo inda com´unha xoya.
Poidera ben… mais non quero,
Por que d´amor´as hestorias
Cando morreron n´a yalma
Esquéncese n´a mamoria.
¡Ah! Tivo razón á sorte
D´as meigas feitizadoras.
D´aquel amoriño noso
Ti levache a parte boa;
A min quedoum´a cativa…
Que ti me deixaches rota! "
O día de San Antón é o título do poema de Clara Corral. Trátase dun poema divido en tres partes e aquí podemos ler a terceira. Hoxe lembramos a Clara Corral Aller que nacía o 8 de xuño de 1847 en Ourense. Pertencía a unha familia de escritores, as súas irmás tamén o eran. O seu pai, o médico Dimas Corral, foi un dos cantores mindonienses do Nadal. Clara escribiu en castelán e tamén en galego. Na nosa lingua atopamos algúns textos como “A nada de canto el dixo” ou “O día de San Antón”, “Lonxe vai a miña alegría, na liña dos poemas rosalianos de Cantares Gallegos, de ambientación enxebre e popular. Estas composicións foron editadas por vez primeira en La Ilustración Gallega y Asturiana e posteriormente noutras publicacións da época como en O Tío Marcos d´a Portela, xornal ourensán, o primeiro que se escribía en galego.
No ano 1906 foi nomeada correspondente pola recén inaugurada Real Academia Galega, morrendo dous anos máis tarde na nosa cidade. Clara Corral Aller figura na Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, como unha das mulleres escritoras do s.XIX que poetizaron en galego (foi a segunda despois de Rosalía) e en palabras do profesor:
“foi unha das mellores poetisas do s.XIX”
-Aurora Marco, As Precursoras, pax.:67
-Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, páx:459
-La Ilustración gallega y asturiana, tomo II: https://prensahistorica.mcu.es/es/consulta/registro.do...
-Imaxe de Clara Corral: Autor descoñecido-http://www.culturagalega.org/.../imaxes/ret_claracorral.jpg
Ningún comentario:
Publicar un comentario