“I´d like to be under the sea
In an octopus´s garden in the shade
H´d let us in knows where we´ve been
In his octopus´s garden in the shade
(The Beatles, Octopus´s Garden. Abbey
Road, 1969)
Confeso que eu sempre fun máis de Beatles que de Rolling. Esta disxuntiva acendía discusións entre roqueiros e roqueiras coruñesas nos anos 70, por cal grupo era máis pop ou máis duro. Cinquenta anos despois o fascinante é que moitas e moitos seguimos correndo a vida con música hoxe en día, todos os días. Está tumorizada no noso cerebro.
1969, Octopus´s Garden, The Beatles, Abbey Road. O xardín do polbo. Ringo Starr compuxo a canción co seu colega George Harrison. Seique polo ano 69 Ringo andaba por Cerdeña nun barco con Peter Sellers. Estaban rodando una película, The Magic Christian, O Cristiano Máxico. A película está ambientada nunha suposta viaxe nun cruceiro chamado The Magic Christian. Digo suposta, porque en realidade o barco era unha estructura colocada nun almacén e os pasaxeiros nunca sairían de Londres. E que pasada o elenco de actores! Roman Polanski, Yul Brynner, Christopher Lee, Raquel Welch, entre outras xoias. Quen me dera! Talvez podería ter estado alí, no cruceiro, talvez. Se cadra estivemos noutro cruceiro semellante, se cadra. De todos os xeitos acumulamos tantas vivencias que se amorean como nunha milfollas de merengue das que lle gustan a Xulio, da mítica pastelaría Hildita, e desoriéntome ás veces.
Volvendo ó Cristiano Máxico, o capitán do barco, interpretado por Richard Attenborough, contaba que os polbos viaxan polo fondo do mar e recollen pedras e obxectos brillantes para construiren xardíns. Esta lenda parece que inspiraría ós Beatles para compoñer o tema. Prendo a canción no xiradiscos e mergúllome nun océano cósmico. Nado e nado para atrás, nunha viaxe fantástica ó pasado. Regreso á universidade, ós colegas, ás lecturas, ás pelis, a estar sen un can, á música. Viviamos acelerados, rápido, rápido, moi rápido, entre explosións de guitarras eléctricas dos nosos colegas músicos, vómitos e conversas delirantes. Cando escapabamos da casa, a 45 revolucións por minuto, gorentabamos a liberdade e aloucados na rúa cantabamos inventando que viamos saír televisores disparados polas fiestras e cousas polo estilo!
Nós, cas nosas “chupas” de coiro, nadando destemidas e nerviosas entre as ondas urbanas. Os cintos e muñequeiras de pinchos brillando altivas e as nosas cabeleiras guerreiras como bandeiras bailando en brazos do vento mareiro. Nas nosas cabezas estouraban letras de cancións, surrealistas, desquiciadas e ritmos frenéticos, convertiamos en himnos as cancións dos grupos favoritos, The Who, The Doors, Clash, Death Kennedys, Ramones… Eramos adict@s ó rock and roll, a agulla do xiradiscos mollada na pura vea. O Xardín do Polbo na sombra era o lugar de culto onde compartir a felicidade, o alcohol, o fume, as cabradas, a incoherencia, a inocencia. Alí, supostamente a salvo do futuro no noso Cruceiro Máxico. Ademais o lugar era tan intrigante! Pero tamén acolledor e chusqueiro, fermoso, cálido e brillante con sabor a xin tonic salgado, nun ambiente totalmente kitsch.
E O ROCK NUNCA PARA!
Continuará!
Ningún comentario:
Publicar un comentario