@#conNomede Karel Capek, Nikola Tesla e Isaac Asimov

 


Robot: Mecanismo automático, em geral con aspeto semelhante ao de um homem, que realiza trabalhos e movimentos humanos (Dicionario Estraviz)

No centenario da palabra “robot”, non queremos despedir o mes de xaneiro sen antes lembrar a tres importantes persoas que exploraron os mundos da ciencia e da ficción científica. Para unha amadora da ciencia –ficción os nomes de Nikola Tesla, Karel Čapek e Isaac Asimov aparecen vencellados ó mundo da robótica, cada un na súa faceta, literaria ou científica como veremos.
Para comezar, o escritor Karel Čapek, nado en Praga o 9 de xaneiro de 1890. O autor checo autor de relatos, poemas contos de fadas, ensaios… é ben coñecido polas súas novelas satíricas de ciencia-ficcción A fábrica do absoluto (1922), que fora publicada por entregas e A guerra das píntegas (1936). Karel escribiu tamén varios textos teatrais. A súa primeira obra escrita en 1920, R.U.R (Robots Universais Rossum) pertence ó xénero da ficción científica e nela utilízase por vez primeira a palabra “robot”. O drama é unha distopía na que unha empresa de nome R.U.R, constrúe humanos artificiais para abastecer o mercado de traballo de man de obra barata para que realicen as máis duras tarefas da sociedade. A palabra “robot” procede do checo “robota”, que significa “traballo duro ou esclavo”. O irmán de Karel, o tamén escritor e pintor Josef Čapek, sería quen tivo a ocorrencia de usar a palabra significando “autómata”, termo que xa existía desde os gregos co significado de “espontáneo, con movemento propio”. Josef non sabía nese momento, que estaba acuñando un termo que daría a volta ó mundo para designar a enxeñería da robótica.

Pero, fagamos un alto no tema dos robots e comentemos outra das obras teatrais do autor checo, creo que paga a pena polo curioso do asunto. Trátase de A doenza branca. Este drama en tres actos do ano 1937, vén desde o pasado para falarnos da desgraza que o planeta terra sofre no presente ca pandemia do Covid. A enfermidade branca trata dun mal que se extende por todo o mundo e que resulta mortal para a xente de máis de 40 ou 50 anos. A doenza transmítese por contacto físico, ó doente sáenlle unhas manchas brancas na pel e morre ó cabo de non moito tempo. A obra ten un marcado carácter político, en tempos da nacenza do nazismo. A posición de Čapek é claramente antifascista e pacifista, por ese motivo foi perseguido pola Gestapo. O personaxe principal é un dictador, o mariscal, quen basea a súa economía na carreira armamentística e quere delarar a guerra ós países veciños. Un dos personaxes, o médico Galeno, (médico de ascendencia grega), descobre a cura que utiliza para curar ós pobres e ós ricos esíxelles que se queren o remedio teñen que parar a guerra. Pódese observar que calquera semellanza ca realidade é pura coincidencia. De todos xeitos Karel morreu dunha pulmonía. Volvendo ó tema dos robots, parece ser que os seus seguidores cando pasan por Praga e visitan o cemiterio onde está enterrado, depositan un pequeño robot na súa tumba, como homenaxe, entendo.


Continuando na senda dos robots atopamos ó chamado “pai da robótica”, o inventor e enxeñeiro eléctrico Nikola Tesla, nado na actual Croacia o 10 de xullo de 1856 e finado en New York, o 7 de xaneiro de 1943. En setembro do ano 1898, Tesla presenta un invento seu patentado que consistía nun barco-torperdo, o Teleautomaton, que funcionaba por radio control sen cable algún. A presentación tiña lugar na Feria da Electricidade en Madison Square Garden de New York City. Era un fenómeno totalmente novedoso, o buque movíase por si só, considerado maxia por moitos por aquel entón. O autor da patente presentaba o artefacto como útil para levar cartas, paquetes, alimentos… e tamén para conectar lugares do mundo de difícil acceso ou para outros propósitos comerciais e incluso bélicos. Tesla explicaba que a súa nave non era só un torpedo inalámbrico, senón tamén era o primeiro paso para que no futuro homes mecánicos, robots, controlados a distancia realizasen as tarefas máis duras para a humanidade; inclusive poderíase formar un exército de autómatas para que nun conflicto bélico non se perdesen vidas humanas.


Tesla pensaba que para construír o autómata perfecto habería que tomar ó ser humano como modelo. No seu ensaio My Inventions, Nikola Tesla afirmaba que:
“ O Teleautomata será finalmente producido, capaz de actuar como se tivese a súa propia intelixencia, e a súa chegada causará unha revolución”
(Telautomata will be ultimately produced, capable of acting as if possessed of their own intelligence, and their advent will create a revolution” My Inventions: The Autobiography of Nikola Tesla, 1919)






E neste percorrido robótico non podía faltar o autor de “I,robot”, Isaak Yúdovich Azímov reconvertido despois en Isaac Asimov. Isaac nacía un 2 de xaneiro de 1920 en Petróvichi, R.S.F.S. de Rusia, posteriormente nacionalizado como estadounidense. Sendo aínda ben cativo a súa familia trasladouse ós EEUU e alí pasou a súa nenez, no barrio neoyorkino de Brooklyn. Asimov entusiasmouse cos “pulps”, as revistas rústicas e populares que contiñan relatos de ficción e que se vendían na tenda de seu pai. Ademais de afeccionarse a este tipo de relatos, fíxose profesor de bioquímica na facultade de medicina na universidade de Boston e compartiu durante a súa vida esta faceta coa de escritor de ensaios de divulgación científica e relatos e novelas de ciencia-ficción. A partir de 1939 comeza a publicar os primeiros textos. “Runaround”, traducido en España como Círculo vicioso, é un breve conto de ciencia ficción de 1941 no que o autor desenvolve as súas famosas Tres Leis da Robótica que rixen a superioridade e dominio da máquina polo home. De todos os xeitos o noso autor deixa para a “creatividade humana” a capacidade de resolver os problemas cando as Leis entren en conflicto.


“Eu Robot” (1950); A triloxía “Fundación” serían as súas obras cume, seguidas de, entre outras :“O home bicentenario” (“Bicentennial Man”, 1976). En 1982 publicouse The Complete Robot, editada en España co título “Os robots”, que é unha antoloxía na que se inclúen títulos como “Os robots do mencer” e os “Robots e Imperio”, nesta última un robot crea a Lei Cero da robótica pola que “un robot non poderá causar dano algún á humanidade. Como curiosidade comentar que Asimov colaborou coa serie de televisión Star Trek como asesor científico. A antoloxía, Gold: The Final Science fiction Collection (1995), traducida ó castelán como “Adiós a la tierra” é a última antoloxía con relatos que permanecían inéditos en vida do autor e que foi publicada postumamente. Gold, un dos relatos incluídos, valeulle o prestixioso premio Hugo Award para os escritores de ciencia-ficción e fantasía. O primeiro dos relatos desta antoloxía “Cal” describe a un robot que desexa ser escritor.


Asimov morreu do virus da sida, en New York o 6 de abril de 1992.
(5020) Asimov é o nome dun asteroido descuberto por John Bus en 1981 e no planeta Marte o cráter Asimov é así chamado en honra de Isaac.
Os tres autores están presentes no mundo do cine, cas súas obras (Čapek e Asimov) ou baseado na súa biografía ( Tesla). O precursor dos robots no cinematógrafo foi o alemán Fritz Lang ca película muda Metrópolis, na que aparece un malvado robot con aspecto feminino.



A foto de retrato de Tesla é do fotógrafo canadiense Napoleon Sarony
O retrato fotográfico de Isaak Asimov é de Phillip Leonian

Ningún comentario: