“Canto podía ofrecervos era unha opinión sobre un punto sen demasiada importancia: que unha muller debe ter cartos e un cuarto de seu para poder escribir novelas; e isto como vedes, deixa sen resolver o grande problema da verdadeira natureza da muller e da verdadeira natureza da novela”
Un cuarto de seu (A room of one´s own) é un ensaio do ano 1929 no que Virxinia Woolf analiza o papel das mulleres escritoras desde un posicionamento feminista e cunha argumentación totalmente novedosa e non exenta de humor. A obra baséabase en dúas conferencias que pronunciara sobre as "Mulleres e a Novela". Nela considera que para o xénero feminino é fundamental ter independencia económica, incluso chega a considerala tan ou máis importante que o dereito ó voto:
“Das dúas cousas –o voto e o diñeiro-, o diñeiro, confésoo, paréceme con moito a máis importante”
Porque con diñeiro as mulleres poden ser libres e pensar libremente e abandoar aqueles traballos que só lles estaban permitidos na sociedade patriarcal na que vivían.
Adeline Virginia Stephen-Woolf ( Londres, 25 enero de 1882- Sussex, 28 marzo de 1945) residiu no barrio de Bloomsbury, perto do Museo Británico, trala morte do seu pai, o coñecido intelectual sir Leslie Stephen. Na súa casa reuníanse un grupo de artistas e escritores británicos que recibiron o nome de círculo de Blomsbury porque todos residían pola zona. Este grupo exerceu unha grande influencia no ambiente artístico e intelectual de principios de s. XX. Virxinia casou co escritor Leonard Woolf e xuntos fundaron unha pequena editorial independente Hogarth Press, editorial na que Virxinia e amigos publicaban as súas obras.
Ademais do ensaio cultivou outros xéneros como o conto, biografía, cartas, artigos sobre viaxes e outros temas e moitos deles foron traducidos ó galego e ó castelán, entre outros idiomas. Da súa obra talvez sexan máis coñecidas as novelas como O cuarto de Xacobo (1922); A señora Dalloway (1925); Ó faro (1927); As Ondas (1931)…e máis especialmente Orlando: unha biografía (1928).
A obra de Orlando resulta revolucionaria por transgredir as temáticas ó uso e tamén pola innovación que esta representaba desde o punto de vista estilístico. É unha obra totalmente rompedora e insólita, xa que aborda temas considerados tabú ou prohibidos na Inglaterra e na Europa de principios do s.XX, como o amor entre mulleres, a sexualidade e a homosexualidade femininas. É unha novela en parte autobiográfica e está inspirada na vida da escritora Vita Sackville-West (Kent, 1892- Kent, 1962) e na relación amorosa que ambas mantiveron. Un fillo de Vita describiu a obra como “a carta de amor máis longa e encantadora da literatura”. Con esta novela, que era a sexta que Virxinia escribía, logrou consolidarse como escritora e ser considerada a mestra do modernismo en Inglaterra.
A autora de Un cuarto de seu padeceu durante a súa vida un transtorno bipolar que lle causaba unha grande inestabilidade emocional. Estas circunstancias leváronna a estar ingresada en diversas ocasións e provocaron varios intentos de suicidio. Finalmente, o 28 de marzo de 1941 desapareceu da súa casa de campo en Rodmell, Sussex, e o seu corpo foi encontrado no río Ouse tres semanas despois, cos petos do abrigo cargados de pedras. Antes deixara unha carta dirixida ó seu home:
“Comezo a oír voces e non podo concentrarme. De xeito que vou facer o que me parece o mellor que podo facer. Ti déchesme a máxima felicidade posíbel”
Algunhas das novelas de Virxinia
Woolf viviron tamén a súa prolongación no cine. Fixéronse adaptacións de Al
Faro, nunha versión dirixida por Colin Gregg do ano 1983. Orlando foi adaptado
por Sally Potter en 1993. Marleen Gorris
fixo unha adaptación de La señora
Dalloway en 1997. No ano 2002 Stephen Daldry
realiza a película As horas, que non é exactamente unha versión de
ningunha obra concreta, senón que está inspirada na vida e obra da autora de Orlando.
É a historia de tres mulleres, unha delas a propia Virxinia, que foi interpretada por Nicole Kidman, papel
que lle valeu un oscar á mellor actriz.
A foto de retrato de Vita de autor descoñecido. Smith College (Seven sisters), 1926
A portada da primeira edición de Ó faro (To the lighthouse) e o retrato de Virxinia son obra da súa irmá, a pintora Vanessa Bell.
Un cuarto de seu, Virginia Woolf. Tradución de Iria Sobrino, con prólogo de Manuel Palacios, Sotelo Blanco, 2005
Orlando. Unha biografía (1928). Tradución de Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné, 2014)
www.ub.edu › lletradedona › una-habitacion-propia
https://cinefilosfrustrados.com/virginia-woolf-cine/
Ruiza,M., Fernández, T. y Tamaro, E. (2004). Biografía de Virginia Woolf. Biografías y vidas. La enciclopedia biográfica en línea. Barcelona (España)
Ningún comentario:
Publicar un comentario