O ESTOUPIDO


 

I

              Escoito voces, si, hai algún tempo que me sucede iso. Xa, e se me preguntades cando comezaron, diría que ó tempo do inicio da pandemia polo Covid.  As voces chegan sobre todo polas tardes, máis ben, durante o solpor;  ás veces polas mañás. Iso antes era máis raro. Teño que recoñecer que ó principio facíame graza e conversaba con elas un anaco.  Pero desde hai algún tempo as cousas mudaron e agora xa aparecen interrompendo, en calquera momento como nun estoupido, sen máis. Tanto ten o que esté a facer nese intre, que están fóra de control. Pero non son todas iguais, agudas unhas, cavernosas, roucas; hainas femininas e masculinas e a meirande parte delas inquedantes e como digo incontrolábeis. Moitas me resultan familiares,  unhas máis ca outras. Sospeito que algo teñen que ver comigo e pam! soen presentarse de súpeto. Cando me pasa iso penso que o que eu diga non lles interesa nadiña. O drama é que non sei exactamente o que queren de min. O son da voz aboia no aire, incorpóreo, detrás dunha presenza invisíbel que me persegue, que vén comigo dun lado para outro como se tivese moito interese no que fago ou como se me espiase. Nese caso debería andar con cuidado. Aínda que percibo que hai unha grande distancia entre as voces e mais eu, pero non sempre é igual. Tamén depende do forte que falen,  hainas que berran, que berran moito e quero afastarme, fuxir desas voces nerviosas e alporizadas. Non sei. Esta noite custoume traballo durmir pensando niso. O malo foi que despois de deitarme semellaba que no salón estaban varias falando entre elas tan tranquilas, como se nada, e non paraban. Polo menos estiveron desbardallando arreo unha hora enteira; ríanse ás gargalladas e cantaban!  Aínda que  tapase os ouvidos coa manta seguía escoitando. Como comprenderedes é imposíbel de soportar. Dei un montón de voltas no leito.  Debía ser bastante tarde cando ó fin quedei durmida.  

 

II

        Cando esperto pola mañá sinto calafríos, non hai voces nese intre. Menos mal. Salto da cama e vou ó baño. E de súpeto as voces estouran na miña cabeza, ou mellor dito, a lembranza das voces do día anterior, iso, non vaiades pensar que toleei. E que me poñen dos nervios! Por exemplo, hai unha que cando aparece non para de repetir as cousas unha e outra vez, e tamén o que xa me dixera en días pasados. Realmente non sei o que quere porque non responde ás preguntas, non atende ó que digo. Dá igual que lle explique que iso xa mo dixera hai un anaco, ou o día anterior. Non vale de nada. Só fala e fala e fala ata que cansa,  e xa. É un monótono e histérico fungar. Entón imaxino que as voces teñen pernas invisíbeis e veñen con présa, e xa se sabe que canto máis présa máis calma. Así non hai xeito,  non podo concentrarme con tanta algarada. Non paran. E o mesmo un día e outro día, un mes e outro mes. Estoupido tras estoupido. Xa non o aturo máis. Houbo unha ocasión que escoitei ata trinta ou corenta voces distintas, que sei eu!

 

III 

         Son xa as nove. Se ando espelida podo liscar axiña. Érgome da cama, entro no baño e abro a ducha. A auga quentiña tranquilízame. Despois  de secarme, guindo ca toalla,  collo ó chou roupa no armario e vístome ás carreiras. Pero… que horror! apenas remataba de anoar os botíns cando un clamor insistente resoou na casa baleira,  era unha voz que quería que lle abrise a porta, a porta do portal! Pero aquel ruxido non me soaba de nada, podía ser que confundise a persoa, pero nada. Abre a porta! Berraba. Pois dime quen es primeiro, dixen. Dígoche que abras, berraba. E así, un día e outro, estou comezando a anoxarme. Ata nin comer en paz me deixan. Non lles importa que tome o caldo frío, non respectan nada. A xente dime que non me preocupe, que é normal, que iso lle pode pasar a calquera, que é debido á tensión, que acabará pasando, que me relaxe…

 

IV 

         Saín ó fin á rúa e aspirei fondo, a ver se acougo, pero… maldita sexa! outra vez, aí está, aí está outra vez. NOON!  Agora, era esa outra voz, ESA VOZ DE PITO QUE ME ESFURACA O CEREBRO. Esta normalmente soe aparecer bastante tarde, xusto cando me poño a ver unha peli, a moi...! E veña a latricar, que si, oh, verás o que me pasou hoxe, dime ela. E dálle maraca, xa sacou  a lingua a pacer e hai que amolarse. Que se atopou botellas de cervexa  baleiras no garaxe,  que se unhas bragas con puntilla, que se veñen a facer orxías polas noites, que se a veciña do Terceiro C colga a roupa no tendedeiro sen escurrir e molla todo o chan, que se a do Primeiro B fuma na ventá e bota as cabichas á rúa. Ai! eu non o aturo máis!!!  Todo é por culpa desa voz  impertinente e as outras igual.

 

V

            Ela, botou andar cara o paseo marítimo en dirección á Praia das furnas. Percorreu o camiño até chegar ó pé das escaleiras de madeira baixo Penatouro. A marea estaba rematando de subir. Había mar de fondo. Ascendeu polas escadas ensimismada e detivose no balcón diante da Quinta señorial. Observou que as ondas gañaban altura a medida que se achegaban á costa e  batían con forza contra as rochas sobre as que estaba o saínte. Os salseiros humedecéronlle a cara e a seguir unha onda salpicouna. Botouse cara atrás para evitar que a seguinte a mollase, non sería a primeira vez.  Lembrou entón o das “Tres Marías”, as tres ondas máis grandes e que veñen xuntas no temporal. Faltaba por chegar a terceira. Sentiu de novo o maldito estoupido que precedía ás voces. Meteu a man no bulso interior da cazadora e tropezou co aparello que vibraba furiosamente. Colleuno, mirouno con xenreira e sen dubidalo guindouno ás ondas xusto a tempo de esquivar a terceira vaga.  Viu como o aparato era engulido pola escuma. Suspirou aliviada.  Botou unha ollada ó mar roleiro. Sentía frío, notou que a roupa estaba calada. Instintivamente alzou o colo da casaca e afundindo as mans nos petos, abandonou  paseniñamente o lugar.

 

Ningún comentario: