A luz da mañá coábase na habitación, atravesando as regandixas das contras. Ela espertou, mirou o reloxio e sobresaltouse. A alarma non soara. O seu corazón latexaba ansiosamente na táboa do peito. Tal vez non fose demasiado tarde aínda. Dun chimpo saltou da cama e vestiuse a fume de carozo. En apenas uns minutos saía pitando pola porta. A escaleira estaba perfectamente silenciosa. Nada. Ninguén.
Xa na rúa dirixiuse á parada do bus. Nese momento pasaba un. Montouse nel. Estaba baleiro. Pareceulle raro que a esas horas non houbese xente. Só o chofer e unha parella de vellos nos asentos do fondo. Se cadra o mal tempo facía que a penas houbese alguén polas rúas. O condutor arrincou. Este subía acelerando pola encosta da mollada avenida. Neste momento non chovía, menos mal porque cas présas non collera o paraugas. Suspirou e contemplou con suspicacia a cidade a través dos suxos cristais do auto. Oxalá non sexa xa demasiado tarde, pensaba. Por nada do mundo quería estragar a oportunidade que se lle ofrecía.
Todo empezou con aquela noticia que lera no xornal uns días antes. Para iso tiña que presentarse no enderezo que aparecía no anuncio. O lugar quedaba un pouco afastado, nun arrabalde ó sur da vila. Só unhas cantas paradas máis e chegaría. Ao baixarse do autobús enxergou unha estreita e escura calella que desembocaba nun grupo de casas cun aspecto descuidado, incluso algunha semellaba deshabitada. Comprobou sen sorpresa que as rúas ademáis de molladas estaban desertas. Apretou o paso e chegou ata alí. Tan só un gato que o fitaba con receo, saiulle ó encontro. Pareceulle un lugar sombrío e lúgubre. Sentía frío. Pensou que o sitio era sinistro. O corazón empezou a bater lixeiro, podía escoitar o forte latexar fuxindo pola gorxa…
A penas comenzara a camiñar cando creu oir pasos. Parecía que alguén se achegaba. Os pasos ían cada vez máis rápido. Sen dúbida pretendían alcanzala. Non se atrevía a voltar a cabeza. O medo paralizábaa, non lle importaba que o mundo explotase naquel intre. Os pasos estaban cada vez máis perto e de súpeto, sen tempo de reaccionar, sentiu que a suxeitaban por un brazo. Un berro de terror atrancoulle a voz… entón unha insolente gargallada estourou no ar. Tornou a cabeza. Botando un fondo suspiro de alivio, comprobou que era unha vella amiga que lle dicía lagarteira, mentres escachaba coa risa que só quería desexarlle un feliz Ano Novo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario