A CAVEIRA GARBANCEIRA

A Caveira garbanceira é unha creación de José Guadalupe Posada Aguilar (Aguascalientes, 1852-Ciudad de México, 1913) que ocupa un protagonismo indiscutíbel non só na celebración tradicional mexicana do Día de Muertos, mais tamén nas equivalentes do Día de defuntos a nivel internacional. Esta festividade ten lugar nos primeiros días de novembro e foi declarada Patrimonio cultural Inmaterial da Humanidade no ano 2008. Todos os anos celébrase na cidade de Aguascalientes, (lugar de orixe de José Guadalupe) o “Festival de las Calaveras” que ten lugar nas principais rúas da cidade. José Guadalupe foi ilustrador e caricaturista e fíxose famoso polas súas ilustracións de “calacas” ou “caliveiras”, entre elas La Catrina, que en versión orixinal é un gravado de metal. Posada realizaba un exercicio de crítica social através dos seus deseños. Foi quen de mostrar a inxustiza e desigualdade social existentes, de mostrar as crenzas e supersticións, a vida cotiá e en definitiva, o espírito do pobo mexicano, retratando e caricaturizando a todo tipo de personaxes: políticos, borrachos, bandoleiros, obreiros, damas elegantes… Existen tamén as "caveiras literarias", composicións burlescas en verso de carácter popular que forman parte da tradición do Día de muertos. A Caveira garbanceira é a expresión coa que designaban ás persoas humildes que vendían “garbanza” e que ó conseguir unha alta posición social pretendían ser europeos copiando as súas modas e hábitos, despreciando e renegando da propia orixe, tradición, costumes, lingua e cultura. O muralista Diego Rivera defendeu a figura de José Guadalupe Posada como exemplo de artista do pobo, considerándoo o precursor do movimento nacionalista mexicano das Artes Plásticas. Foi o propio Diego Rivera quen retomou a figura da Caveira garbanceira bautizándoa co nome de La Catrina e que inmortalizou no célebre mural “Sueño de una tarde dominical en la Alameda Central”. No mural aparece como figura central La Catrina, con estola de plumas que evoca a Quetzalcóatl, a serpe emplumada, un dos deuses máis importantes da cultura mesoamericana. La Catrina aparece entre Rivera, representado como un neno (como fillo de Posada) e o propio José Guadalupe Posada. Detrás de Rivera está a súa compañeira Frida Kahlo.
O artista José Guadalupe deixou escritas estas palabras:
"La muerte, es democrática, ya que a fin de cuentas, güera, morena, rica o pobre, toda la gente acaba siendo calavera"

 

Ningún comentario: