A SEREA DE MAIANCA



 As vinte horas. Aínda quedaba tempo para tomar algo na taberna do Porto coa tropa de coñecidos que naqueles momentos do día soía recalar polo bar, pensou Siro. Meteuse pola rúa  Lamalonga e alí mesmo deixou o coche. Cousa rara atopar onde aparcar nunha rúa tan pequena. Sorte non ter que dar voltas.

Do  interior da cantina chegaban risadas estridentes. Entrou no local empurrado polo vento, venteando.

-Vaia, benvido! A grosa voz da taberneira saíulle ao encontro. Co pano limpando a mesa que acababa de quedar libre, entoando unha leda cantiga, desafiando ós que a contemplaban con ollos ousados, ollos  viciosos, tinguidos de vicio.

-Olá, Siro, qué vai ser?

- Cervexa, na barra.

 Ateigada de brazos, que sostiñan vidros escumosos, aquela barra longa e fría acollía desde había  anos, xeracións de insaciabeis bebedores que naquela hora do día viñan verter a súa  filosofía malteada, pura virxe extra, que trepaba polo fume dos cigarros ata o cumio do local. Ás veces o peso daquela escumosa sabiduría resultaba insoportábel. Pero hoxe era un bo día. Botou un grolo e e os seus ollos foron dar contra o Gran Espéculo detrás da barra. Desde alí tiña unha vista panóramica extraordinaria, chegaba ata a outra beira da rúa, ata o outro bar do outro lado da estrada. Un novo grolo; o almanaque pendurado a carón do espello avisaba: Tempus fuget. De súpeto estouparon na cabeza de Siro aqueles versos de Manoel Antonio

 

 "O horizonte arrincaba cada día

para ti

a folla de almanaque dunha vela" (1)

Reparou na imaxe principal da ilustración da folla de setembro, unha serea de mirada triste, de longos cabelos loiros. Minia, a taberneira, desde o  extremo da barra, achegábase apresuradamente lucindo pano marelo que portaba por enriba do ombreiro. Chegou onda el alasando. Aquela muller semellaba unha deusa da escuma, agora convertida na dona de Neptuno, podía ser... pero faltaba colaaaa de peixe. Movía o corpo imitando o ondear das ondas, ondeando o seu corpo ó vento, cos brazos ó vento para despois pregalos imitando as asas dunha xerra. Despregou elegantemente o pano marelo por enriba da superficie da barra como se quixese puíla.

-Qué miras, oh ? Desprega os ollos. Anda, toma unhas olivas.

O ruído da louza pousando no mostrador salvouno do ensimismamento. Bonita ilustración, eh? Manolo, o vello patrón do Maruxa acababa de abarloar ao seu carón.

-Sereas! Como aquela que andaba pola beiramar nas noites de luar, tentando ós  mariñeiros cos seus rechouchíos, a serea de Maianca.  Aquel pálido e fermosísimo ser  de cabelos enguedellados que tocaba o corno para atraelos e facelos naufragar. Mozos sucumbindo ante aquela extraordinaria e funesta muller-cola-de-peixe, muller de agua,  cos seus doces pero á vez  terríbeis chíos seductores, seducindo. Fixo que ti non te librabas, dixo o home

-Atareime entón a esta barra con cadeas de ferro, trincarei as mans para non ir tras dela e sufrirei co seu fermoso e cruel canto meigo, igual que Ulises, respondeu Siro, quen imaxinaba escoitar os berros deste ser máxico:

-“Achégate, Odiseo, detén aquí a túa nave para que podas gozar coa nosa voz”, as fermosas murmuraban nos seus ouvidos.

Naquel intre unha brisa mareira recendendo a argazo entrou pola porta, tras dela apareceu  Antón, o home de Minia,  o patrón da Chelito. Semellante a un Neptuno co brazo dereito erguido, saudando. Na outra man portaba un balde cheo de peixe.  Ásperas e grandes mans mariñeiras que entregaron o pote a Minia mentres cantaruxaba unha cantiga de sereas namoradeiras.

Minia! chamou Antón, -veña unha botella de viño portugués, ese que trouxemos de Caminha. Hai que afinar ben as gorxas. Trae ese fresco viño verde, a electricidade verde, que nos alumee ben. Oes, Siriño?  mellor será que quedes  cear hoxe con nós.

Antón colleu a botella e encheu as copas  baleiras. Brillante idea naquel momento do día. Unha boa pesca sempre era un bo motivo de celebración. Facilidade feliz a deste home para agasallar ós amigos. Caralludo. O mariñeiro logo chamou a Minia e propúxolle axiña o plan, ademáis hoxe había luras abondas.

E baleirouse a botella e abríronse outras. E así foron transcurrindo as desveladas horas, verdes moi verdes, na Taberna do Porto da rúa Lamalonga, verdes e salgadas horas. Enfeitizados polos chíos das sereas e o cock-tail de risos  mariñeiros non se percataron de que o verde foi empardecendo paseniñamente, ata que chegou a ser gris e finalmente branco.

 

(1)     A estrela descoñecida. De catro a catro, Manuel Antonio.

 

 

Letras Galegas 2022: Florencio Manuel Delgado Gurriarán

 


O Barco da liberdade. De Galiza a México con Florencio Manuel Delgado Gurriarán

 

“Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Galicia só limita coa Saudade, elástica fronteira
que serve para o tempo e para o espacio
-onde un galego está, atópase ela-,
mais que ninguen atravesala pode
inda que leve nos papés: Poeta”.   

(Galiza infinda de Galiza infinda. Galaxia, 1963)

 



1 Do nacemento ó exilio

 

Florencio Manuel Delgado Gurriarán nace o 27 de agosto de 1903 en Córgomo (Valdeorras, Ourense). Con seis anos de idade o neno Florencio é levado pola súa familia fóra de Galicia. O traballo como perito agrícola do seu pai fará que residan en diferentes cidades españolas. Á Córgomo regresarán a pasar os veráns. “Nunca perdimos o contacto ca aldea”, di o poeta. En Valladolid, a cidade na que máis anos permanecerán, FDG realiza os seus estudos de Dereito. É precisamente durante a estancia fóra de Galicia cando esperta a súa arela galeguista. Un exemplar de A Nosa Terra do ano 1920, que alguén lle regalara, actúa como un fundamental elemento motivador. Por primeira vez pode ler poemas de Ramón Cabanillas, de Manuel Antonio, de Amado Carballo…

 

“me regalaron un número de A Nosa Terra que era un boletín de las hermandades de La Coruña, las Hermandades Gallegas. Y para mí fue una revelación, porque yo no sabía que había más gente que se preocupara del gallego –aparte de los viejos… aparte de los del siglo pasado… Curros Enríquez y Rosalía”

 

Así falaba o poeta nunha entrevista realizada no ano 1979 pola historiadora e investigadora, de orixe español, Dolores Pla Brugat (1954-2014) en Guadalajara (México). Nesta ocasión Florencio Manuel explica, que aínda que sabía e falaba en galego,  fora alfabetizado en castelán, de xeito que tivo que aprender a ler e escribir na lingua propia de forma autodidacta. Os  autores do Rexurdimento, Rosalía, Curros… foron os seus mestres, a través das lecturas dos libros que había na casa familiar de Córgomo.

 

En 1928 o noso autor torna a Galicia e traballa como avogado no Barco de Valdeorras. Son os tempos de inicio do galeguismo: intégrase no Partido Galeguista, fundado en 1931. Faise  socio protector do Seminario de Estudos Galegos, participa na Irmandade Galeguista representando a Córgomo, momento en que coñece a Castelao…Nestes anos comeza tamén a publicación dos seus versos en xornais da época, como A Nosa Terra. En 1934 ve a luz o seu primeiro libro Bebedeira, (A Nosa Terra),  un canto glorioso á súa terra de Valdeorras. O poemario contén tres partes: Bebedeira, Valdeorresas e Dionisias. Intuímos xa desde estes títulos que estamos ante un poeta da paisaxe, do agro, que celebra os froitos da terra:

 

In vino Veritas”

Está, no viño, a verdade.
«In vino veritas». Certo.
Fuxirá da falsedade,
vivirá na craridade
quen, de xeito solermiño,
de Valdeorras, beba o viño:
coñecerá, ao recuncar,
que anda a darlle, ao paladar
e á mente, lus e aloumiño.

 

Ricardo Carvalho Calero encadra estas composicións dentro da escola animista ou hilozoista, inaugurada nas nosas Letras polo poeta pontevedrés Luís Amado Carballo (1901-1927). En palabras do profesor, Florencio realiza

 

“unha descripción poética de forte alento xeórxico, dun ruralismo animista moi vigoroso e sanguíneo” das terras de Valdeorras (Historia da Literatura Galega Contemporánea,  páxs.: 726-727)

 

Ao comenzar a Guerra Civil, Florencio Manuel está en Ourense. Coa axuda de amigos e parentes consegue pasar a Portugal e en Porto embarca, de polisón, para Francia. A familia quería que seguise camiño cara América, pero el concienciado en traballar pola causa republicana, decide regresar a Barcelona.  O propio Castelao encoméndalle unha serie de cometidos para axudar  ós  refuxiados españois a fuxir ó extranxeiro.



En 1939 o Goberno da República española no exilio e o SERE (Servizo de Evacuación de Refuxiados), contando ademais coa colaboración do goberno mexicano de Lázaro Cárdenas, que lle abre as portas ós desterrados, promoven a evacuación organizando tres barcos, “os barcos da liberdade”:  o Sinaia, o Ipanema e o Mexique para trasladalos desde Francia a América. No segundo deles, un cargueiro, que se habilitara para trasladar persoas, partiría Florencio. Hai constancia de que Mexico acolleu uns 25.000 exiliados da Guerra Española entre os anos 1939 e 1942.

 

 


2 Vida mexicana

 

“Agros, mares e montes
Vilas, cibdades, cities, twons, aldeias,
os recantos do Mundo...
¡Todo é terra galega!

¡Galicia é infinda!”




 


Unha botella deitada ó mar fronte as costas galegas cunha mensaxe de despedida ó tempo que cantan o himno galego, anunciaba a partida do poeta xunto con case mil persoas máis a bordo. No barco van non só galegos, tamén vascos e cataláns; homes, mulleres, familias, que emprendían a dramática singladura cara o exilio en México. Durante a viaxe  publican  unha especie de diario, o “Ipanema”, do que se fixeron  26 exemplares. O 12 de xuño de 1939 saen desde o porto de Pauillac-Burdeos e o sete de xullo e tras unha accidentada viaxe, desembarcan por fin en Veracruz. E no boletín de a bordo aparecía publicado:

 

“Las primeras palabras que con acento mexicano he oído, fueron las siguientes: “Estais en vuestra casa” y luego: “Tendreis trabajo y libertad”

 


Florencio Manuel residirá en diferentes lugares do país mexicano realizando diferentes oficios. Inicialmente vive en México DF, onde grazas a Carlos Velo, traballa  como delegado do SERE en Toluca a 66 km da capital mexicana. Posteriormente realizará diversos traballos, como o de vendedor de calzado…ocupación que daría o seu beneficio no plano amoroso. Uns románticos zapatos van conducilo ata a que será a súa compañeira de vida, Celia Teijeiro, filla de emigrantes galegos. Ela  traballaba  nunha das tendas nas que  o poeta vendía o xénero e así foi como se coñeceron.  Casarían en 1944 e terían cinco fillos. En 1949 Florencio entra nos laboratorios Queralmí, e nesta empresa permanecerá  ata a súa xubilación en xullo de 1976. A familia Delgado Teijeiro vai residir primeiro en Ciudad de México e despois en Guadalajara.  O traballo facilita que o escritor viaxe por distintos lugares do país: Zamora, Uruapán, Michoacán, Morelia, Nayarit, Sinaloa, Sonora, Baja California…

 

O poeta obtén a nacionalidade mexicana en 1940 e a preocupación por Galicia segue a ser unha das súas maiores teimas. Florencio Delgado implícase en todo tipo de actividades a prol da terra. Xunto con outros exiliados, impulsa xogos florais, concursos literarios, concursos de tradución, nos que o propio poeta participa con versións ó galego de poetas franceses (“Barco bébedo”, interpretación do “Bateau Ivre”de Rimbaud). Intervén en revistas  como “Saudade, verba galega en las Américas” da que saen  7 números. En 1943 o Partido Galeguista realiza por vez primeira en México unha publicación de carácter colectivo, o Cancioneiro de loita galega.  Trátase dun libro de poesía de carácter social e reivindicativo. O escritor Florencio é o responsable da antoloxía, ademais de contribuír con poemas propios.

 No plano político destaca a sinatura do pacto Galeuzca que en 1944 redacta co profesor exiliado Xoán López Durá. En 1953 é membro fundador do Padroado da Cultura Galega, organismo que desenvolverá diversas actividades, conferencias,  programas de radio,  como o dominical “A Hora de Galicia”, en onda durante varias décadas na capital mexicana. No cume destas angueiras sinalamos a creación da revista Vieiros. Florencio Manuel Delgado Gurriarán é un dos fundadores. Esta publicación, da que sairán tan só catro números (1959-1968), revive o ideario da Xeración Nós e do Seminario de Estudos galegos:

 

“Por iso arelamos ser unha pubricación da Galiza única, co pensamento, co curazón, cos pés  e coa vida na Terra, para sinalar os VIEIROS da nosa cultura diferenzada, do noso xeito de ser e de vivir…”

 

Proclaman os impulsores no manifesto titulado Alicerce que abre a revista.

Florencio Manuel Delgado formará parte da dirección, xunto ó xornalista Luís Soto, quen fora secretario de Castelao no exilio, e o cineasta Carlos Velo:

 

“Niste gran e ben querido México, abrimos as nosas páxinas o pensamento dos portugueses e galegos, -con singular agarimo o dos que viven na Galiza- respeitando con lealdade todalas ideias que afirmen a cultura e a persoalidade da Nosa Terra: a Galiza infinda e universal”. (Alicerce, Vieiros)

 

A defensa e preocupación do poeta pola situación do noso idioma, están presentes dun modo relevante en poemas e ensaios de carácter sociolingüístico. Como exemplo sirva o pequeno texto en prosa titulado Revisión da voce “gallego” publicado en Vieiros:

 

“Pola iniciativa do prestixioso xurisconsulto e douto membro numerario da Real Academia Galega Don Sebastián Martínez Risco, a devandita Academia acordou dirixirse á Hespañola pra pedirlle a supresión de certas aceizóns peiorativas da verba “gallego”. Ista moción foi aceitada pola venerábele Corporazón  madrileña, con afagadeira engádega de trocala aceizón “dialecto” pola máis axeitada –a uníca axeitada diríamos nos-  de “lengua”

 

No ano 1975, o Centro Galego de Buenos Aires faille un encargo para a revista “Galicia”. Tratábase de conmemorar o 25 aniversario da morte do seu admirado Castelao, “o Guieiro”. Moitos dos seus poemas de carácter combativo serán incluídos no seu derradeiro libro O soño do guieiro, subtitulado Xeiras dun galeguista (Ediciós do Castro, 1986) un ano antes da súa morte.

 

“Levan a Cristo por fóra, /levan o demo por dentro

Pregan o Santo Rosario/ e andan a matar labregos”

 

 



3 Un achegamento ós poemas galego-mexicanos

 

É na súa obra Galiza infinda, publicada en 1963 por editorial Galaxia na Colección Salnés de poesía, onde se atopan os catorce poemas galego-mexicanos. A súa  produción poética anterior tamén é incorparada no libro, maiormente do seu poemario Bebedeira.  A fórmula “o novo e mais o vello” resume a súa característica principal. O poemario está organizada en cinco apartados: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas mexicanos. O exemplar abre con tres poesías soltas: “Galicia infinda”, “Nomes” e “Resposta a Rosalía”. Na obra o poeta mantense na liña estética animista ou hilozoista (Amado Carballo, Manuel Antonio)  e modernista (Ramón Cabanillas). En palabras do profesor Ricardo Carvalho os poemas galego-mexicanos

 

“houberan podido constituir por sí sos un libro que resultaría máis homoxéneo que o que agora os contén” (obra citada).

 

A novidade dos devanditos poemas consiste na exploración dun camiño estético de mestizaxe de ambas culturas,  galega e mexicana,  logrando uns resultados realmente orixinais e únicos. A súa capacidade lírica para describir a paisaxe,  a xeografía do país que o acolle,  as xentes, as tradicións, costumes, é sorprendente.  O uso da linguaxe crioula, con expresións propias do español americano, estructurado sobre unha sintaxe sinxela, de oracións curtas ou frases, moitas exclamativas, co galego como canle de transmisión,  resulta dunha mestría difícilmente superábel.

 

“Diante da fría cervexa

(loira dona enfeitizada,

no seu cabozo de vidro

para sempre engaiolada,

porque morre en bico enxoito

si é do feitizo ceibada)…

 

¿Qué arela eu teño do Sputnik,

do Xúpiter, nin de nada?

¿Ímola andando, nonsÍ?,

que a vida cedo romata!

 

Xa o faro o seu ollo chisca

a pantasmiña da Laika.

 

 

A través de innovadores versos percibimos unha Galicia moderna, que está o día dos progresos da ciencia, da exploración espacial (o Sputnik, a cadeliña Laika) libre, sen complexos manifestándose por medio de atrevidas e divertidas metáforas (a cervexa é unha dona enfeitizada e engaiolada nun cabozo de vidro e que morrerá se a liberan do feitizo) e personificacións (o faro chisca un ollo) combinadas audazmente con temas clásicos como o “Carpe Diem” horaciano (que a vida cedo romata).

A nosa épica, mitos, lendas, heroes como Breogán, a Santa Compaña, “milleiros de Melibeas- con feitizos de sereas”; agóchanse nuns versos que aturuxan. Así atopamos ó poeta convertido en “Odiseo” coa súa dona “Penélope crioula” no poema O viaxeiro. O poeta está a tecer deste xeito páxinas da súa propia biografía, que é tamén a biografía da Galicia dos exiliados.

 

“Novo Odiseo, a vida paso en xeira
por mal pra cinco bocas de papoula.
Miña dona, Penélope crioula,
fica a tecer, de cote, a súa angueira.

E vou sen inquedanza viaxeira,
pois xa teño nas sens lixos de foula,
co anceio de voltar, criancil troula
é, pra min, ataxenta ventureira.

Camiño con disfrace de estraverso,
coma calquera comercial axente,
a visitar galenos e farmacias.

E namentras en min xermola un verso
vou, por fora, a nadare coa corrente
¡e ata a rir chego do siareiro as gracias!

 

A fusión, a mestizaxe lograda polo autor é perfecta. No poema Morelia:

 

“Morelia silenzosa,

é loira Compostela

esquencida de choivas”   

 

Ou en “Conto sinxelo” atopamos:

 

“Laídos de huapango,
atruxos de alalá...”

Vemos como o noso idioma transmite como se fose seu o léxico  américano, as expresións na lingua prehispánica, (da lingua azteca náhuatl). A linguaxe transpórtanos maxicamente ó outro lado do océano, introducíndonos no país americano:

 

“Teño unha noiva “jarocha”:

coor, mel e arume de mangos,

rítmico van de boleros,

quente paixón de huapango

 

Neste fragmento de Nouturnio de noiva “jarocha”, comprobamos que “Jarocha”ou jarocho”, é como se chama ás persoas nacidas no porto de Veracruz, que bailan, o “huapango”, danza tradicional mexicana. O léxico autóctono flúe doadamente polos versos: as “chachalacas” (aves) que pousan nos” loureiros”; o tabachín ardente”, que frolece en primavera; o volcán Paricutín que “aínda bota fume este ano”; o baile, o “xarabe tapatío, -ledo coma un rechouchío, / é unha danza rebuldeira, -parenta da muiñeira”, son expresión maxistral das vivencias do poeta por veces ledas, festivas, por veces fortemente sensuais como en “Rumba”:

 

“Teu van é o centro do mundo;
teu embigo dictador
dos pauciños,
as maracas
e o bongó;
ollos a chiscar de bulra
os amerodos dos peitos;”

A vida con humor e a ironía que asoma desenfadada no relato de algunha situación talvez vivida polo autor:

 

“Súpeto, estoupa a pistola, pois seica se “armou a bola””.

desfeita pola liorta –esvaise, a festa, na porta

só fica un home tendido, novo herói para un “corrido”,

e istas son bariles lendas, -de “Ai, Xalisco, non te fendas!”

 

A vida  é música e baile: Nun “nouturnio” de novia jarocha“Ledo rolar de danzóns” “rítmico van de boleros”, “maracas do recendo que tanxen un son de herbaboa”. Tamén presentes, como non,  as nosas muiñeiras e alalás

En definitiva a vida nunha terra, que saudamos mediante os seus topónimos e antropónimos:

 

”Nomes de Michöacan,

son garruleiro e lisgairo:
Tsintsunsan, Paricutín,
Sirahuen, Uruapán, Ario…


Nomes que conviven en harmonía cos nosos propios topónimos, como se todos eles formasen parte dun mesmo lugar:

 

“de antergo e de nobre alamio:
Nomes da veira do Sil,
Val de Afreixo, Val de Godo,
a Pena da Moura, o Castro..,”

 

 Para o autor non existe máis que unha soa Galicia,  unha” Galicia infinda” que cada galego lévaba consigo alí onde vaia. Este pensamento pangaleguista queda expresado nos ideais da revista Vieiros:

 

 “unha Galia única, co pensamento e co corazón”,

 

Pero a evocación dos lugares patrios conduce inevitabelmente á nostalxia

 

“Nomes, nomes de Valdeorras,
¡dóce e sonoroso canto!”

 

Ou a un pesimismo tráxico pola ausencia irremediábel

 

“Sede en min nunca amatada,
sede en min xamáis dormida,
da verde Terra arelada,
a das choivas benquerida.”

 

Despediremos este apartado co esperanzado poema “Volta”:

 

“Nunha ridente alborada

vai o tren, cara o meu lar,

tanxendo unha pandeirada

coa lediza de voltar.”

 


4 Volta a Galiza

 

Trinta anos despois da súa chegada a Mexico, Florencio Manuel regresará tan só en tres ocasións á súa amada Galicia. A primeira no ano 1968 (a súa causa política por fin fora pechada) para reencontrarse ca súa familia tres décadas despois. Oito anos máis tarde volve por segunda vez e pensa en revitalizar o Partido Galeguista.

 

 En 1981 o poeta está de novo aquí. Ediciós do Castro publica a súa obra Cantarenas. Poemas (1934-1980).  Nese mesmo ano ten lugar a súa toma de posesión como membro correspondente da Real Academia Galega nun solemne acto celebrado no Barco de Valdeorras. Asemade é nomeado membro de mérito dos Estudos Valdeorreses e actúa como pregoeiro nas festas do Cristo no Barco. O poeta nesta ocasión proclama que leva Valdeorras “chantada no corazón”. Desgrazadamente esta é a derradeira vez que volve á Galicia.

 

En 1986 Ediciós do Castro publica O soño do guieiro, Xeiras dun galeguista. Ao ano senguinte falece Florencio Manuel á idade de 84 anos, un 14 de maio, en California, en casa dun dos seus fillos. No presente 2022, cando se cumple o 35 aniversario da súa morte, A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras.

 


5 Epílogo

 

“Ti  cantar, cantar, cantache,

cantache, que ben sabías;

cantache de grasia chea:

¡vos (voz) groriosa da Galicia!”

 

Permítasenos que estes versos pertencentes ó poema “Resposta a Rosalía” que o propio Florencio Manuel Delgado Gurriarán dedicou á “Ruliña do Sar” (como el a chamaba), sirvan tamén de sincera homenaxe ó autor dos mesmos. E que soe potente o noso Himno  aquén e alén dos mares, acompañado da “maraca da lúa” e do “runxe-runxe das estrelas” para honrar a memoria do poeta rumoroso!

 

 

As fontes:

-Barcos de la libertad. La evacuación de los refugiados españoles a México (1939-1942). Residencia de estudiantes 2020

-Entrevista a Florencio Delgado Gurriarán realizada por Dolores Pla Bruguet en Guadalajara (Mexico), en agosto de 1979. (Instituo Nacional de Antropología e Historia de México-INAH)

 -Galicia infinda. FDG. Editorial Galaxia 1963

-Historia da literatura galega contemporánea. Ricardo Carvalho Calero (Galaxia, 1981)

-O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán. Miro Villar (https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/1988640.pdf.)

-Real Academia Galega. Letras Galegas 2022

-Vieiros. A Nosa Terra 1989, (edición facsimilar)

 

 

 

 


 


Carta a María Casares

 A Coruña, Xoves de Comadres de 2022

 Benquerida María Casares, Vitola, Vitoliña :

     Comezaremos por dicirche que neste Xoves de Comadres celebramos o teu aniversario. Nacías nesta cidade no ano 1922, en novembro, o mes da tradición celta, da que ti eras nobre depositaria, o mes no que se abren as portas que permiten transitar entre os dous mundos de vivos e mortos; novembro é o mes da viaxe.

       Foi Novembro tamén o mes no que con apenas 14 anos, nun día tristemente tráxico, partías ca túa nai para o exilio republicano en Francia. Alí volverías a nacer a unha nova vida, e chegarías a  te converter nunha prestixiosa e recoñecida actriz de cine e teatro, logrando que soase garboso o acento galego na escena internacional.

      Ao deixares Coruña eras aínda moi nova si, pero xa se labrara en ti o carácter céltico, de muller forte, libre e valerosa, o legado sen dúbida da túa avoa Pilar, a cigarreira. Partías si, tiñas que dicir adeus ó teu recuncho, á túa leda Marineda, pero levabas a maleta ben cargada, cos tesouros marabillosos que che pertencían lexitimamente desde o berce, as meigas e lendas, os bosques bretemosos, os rumorosos piñeiros e frondosas fragas, os salseiros do Atlántico, o teu amado Montrove co areal de Bastiagueiro e o nacre das cunchas dos versos de Curros que brillan na beiramar, as rúas da cidade túa, a chuvia, o vento mareiro, o universo galego enteiro! E toda ti ías cinguida de verdor.

       Finalmente foi tamén nun día escuro do mesmo mes no que naceras, cando traspasaches o portal que conduce ó camiño que por desgraza non ten retorno.

        Adeus, María, que no próximo novembro deste 2022, a máxica porta que se abra  sexa a dun gran teatro da Coruña que leve o teu nome: Teatro María Casares. 

Adeus María, alí nos encontraremos!

 

 

 

 

#coNomedeMuller: Adela Velarde

 Adela Velarde Pérez (Chihuahua, 1900- EEUU, 1971)



“...En lo alto de la abrupta serranía,

acampado se encontraba un regimiento

y una novia que valiente los seguía

locamente enamorada del sargento.

 

Popular entre la tropa era Adelita,

la mujer que el sargento idolatraba

porque además de ser valiente era bonita

y hasta el mismo coronel  la respetaba.

 

Y se oía

que decía

aquel que tanto la quería…

 

 Si Adelita quisiera ser mi esposa,

y si Adelita ya fuera mi mujer,

le compraría un vestido de seda

para llevarla a bailar al cuartel.

Si Adelita se fuera con otro

la seguiría por tierra y por mar,

si por mar en un buque de guerra

si por tierra en un tren militar..."

 

          A “Adelita”da canción existiu realmente, chamábase Adela Velarde Pérez e naceu en Ciudad Juárez en Chihuahua en 1920. A protagonista do corrido fíxose moi popular durante a época da Revolución Mexicana, participando como enfermeira. Con apenas 13 anos incorporouse á Cruz Blanca Constitucionalista que fora fundada por outra muller, a activista Leonor Villegas de Magnón . Adelita, como axiña a chamaron, desenvolvía a súa tarefa atendendo ós soldados das tropas de Pancho Villa feridos en combate, que formaban a chamada División Norte. 

O doctor José Alberto Galindo,  cronista principal de Coahulia de Zaragoza (México) explica no seu libro "Un cielo lleno de metrallas: La verdadera historia de Adelita", que esta muller sería a protagonista do famoso corrido. Sucedeu que entre os feridos que atendía esta xoven, estaba o sargento Antonio Gil Del Río Armenta que acompañaba a Villa. Este namorouse de Adela Velarde e dise que el mesmo tería composto o tema. Adelita e Antonio fixeron plans de voda, mais o sarxento morreu nun combate en Torreón (Coahuila). Co tempo a canción convertiuse nunha arenga para chamar ós soldados á loita. Adela ou Adelita debido á súa eficiencia, entrega e xenerosidade convertiuse nun mito inspirando o nacemento da figura das Adelitas, xa que así se chamou a partir de entón ás  soldadeiras que participaban na contenda facilitando alimentos e armas e que non eran só  enfermeiras, senón tamén periodistas, espías, cociñeiras ou amantes.

A escritora e periodista Elena Poniatowska (París, 1932, tamén con nacionalidade mexicana) afirma no seu  libro "Las soldaderas" que sen elas a Revolución mexicana non tería sido posible. Con esta obra Elena quere render homenaxe a estas mulleres anónimas que permaneceron invisibles inxustamente,  xa que apenas foran obxecto de estudo dos historiadores durante o pasado século. 


Cada 20 de novembro Adela Valverde revive xunto as outras soldadeiras, personifícándose nas mociñas que se visten de Adelitas para celebrar o día da Revolución Mexicana.


  Na tradición mexicana existen unhas  bonecas chamadas “Adelitas”, que son unha representación artesanal da súa cultura. Son realizadas polos artesáns con trapos en diferentes tamaños, lucindo os típicos vestidos con listóns de cores e adornadas con alegres cintas e peitedas con fermosas trenzas.

 

 Fontes:

Na fotografía Adela Velarde. É unha imaxe do INAH, Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México (sede en Ciudad de México)

-Poniatowska, Elena. (1909) Las soldaderas. D.F., México: Era en coedición con Conaculta /INAH


 

 


#conNomedeMuller: a Editorial Lar

 

Primeiro número publicado en Lar

“Xa cumpriron coa dor que lles abaneaba a alma. Xa cumpriron co mundo; coas vellas costumes, sempre novas, alí onde non as borrou o dedo d´un mal entendido progreso, cobrindo co mesmo borro, poesías e rutinas sen fundo”

 


   Así comeza a novela Martes d´Antroido de Francisca Herrera Garrido, publicada no nº 6 da Editorial Lar en maio de 1925. A Revista comezara a súa andaina hai case cen anos na Coruña impulsada polos membros da Irmandade da Fala desta cidade. 
O 29 de novembro de 1924 saía do prelo o primeiro exemplar que contiña a novela curta A miña muller de Wenceslao Fernández Flores. A revista estaba dirixida por Leandro Carré Alvarellos e Anxel Casal e a portada da colección era obra de Camilo Díaz Baliño. Os cinco primeiros números editáronse  nunha imprenta externa, na imprenta Moret, ata que os editores puideron adquirir por fin unha máquina para imprimir. O primeiro texto publicado pola imprenta Lar foi o da primeira académica galega Francisca Herrera. Os editores anunciaban cunha nota o importante acontecimento:

“Este é o berro de ledicia e de amor que nos brota dos beizos ao dar feita nos propios talleres esta noveliña, realizando o noso proyeito.”

As novelas da colección Lar “poñíanse á venda mensualmente, o derradeiro sábado de cada mes”. Entre os anos 1924  e 1928, máis de 40 textos dos nosos autores foron publicados, maioritariamente novelas e algunha obra de teatro como O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte.


Martes d´Antroido de Francisca Herrera foi a único texto de autoría feminina que apareceu publicado nesta colección.

 

 

Camiño de casa


 Camiño de casa,

vexo como a tarde debuxa no ceo

un pentagrama incompleto

en clave de nube

A rúa Tettamancy

 


                             Nos Maios está a cristalería Studio, a cristalería á que imos sempre. Esta mañá alí nos diriximos. Levamos as portas dun antigo aparador para poñerlle cristais. O cristaleiro é un home con vocación, moi serio e estudiado. Como ben dirían algúns "licenciado en cristalería avanzada".O seu local case parece o obradoiro dun artista plástico. Con vidreiras compostas con toda clase de cristais de cores pintados  artesanalmente. Velaquí as auténticas vidreiras góticas dos Maios. O que máis lle gusta é usar a técnica de “fusing” para expresar a súa creatividade, di el moi solemne. O taller está na rúa Francisco Tettamancy.


 Francisco Tettamancy Gascón, escritor e tertuliano da Cova Céltica, impulsor do monumento dedicado Aos Mártires da Liberdade, fusilados en Carral polo levantamento de 1846 e membro fundador da Academia Gallega en 1906.  Vía de Ilustre lembranza para  A Coruña, para galegas e galegos. A dicir verdade non sei cantos veciños coñecerán ó personaxe.

 En realidade a rúa é unha pequena calzada perpendicular á avenida de Arteixo e pegada ó barrio dos Maios. A estación de tren está moi perto. E unhas cantas e sonadas pulpeiras  tamén. Estamos nun dos ventrículos máis enxebres da cidade, e na actualidade con máis mestizaxe. Se cadra, a proximidade á estación favorece isto. Nesta ocasión non entro no taller e agardo fóra. Observo o que acontece ó meu redor con compracencia.  Non sei se será todas as mañás así, pero hoxe detéctase unha fervente actividade veciñal. Os transeúntes coñécense. Saúdanse. Páranse a conversar. Como gardan a distancia de seguridade, falan alto. Por iso escoito, querendo ou sen querer, todo o que din. Preparo entón a miña cámara cinematográfica imaxinaria e comezo a gravar a escena. Acción! Véxome dentro dunha película dos anos cincuenta. Branco e negro. Neorrealismo. Posguerra española. A ambientación resulta moi dramática. A acción  desénvolvese a un ritmo moi vivaz. Hai un gran bulicio. Os veciños, ben compostos agora en actores, pasan por diante miña sen mirar para a cámara e sen deterse.  Moi ben! Cruzan lixeiros polas rúas, impacientes, como se tivesen moitas cousas que facer. Subindo e baixando ás presas. Entrando e saíndo dos portais, dos establecimentos. Agardando na cola para entrar na tenda. Din que venden pan de Carral e empanada de Arteixo, comenta un home con pucha negra e cigarro na boca ó que está tras del. Bah, empanada de Arteixo, contéstalle, mellores son as de Lorbé e sobre todo as de zamburiñas.

-Nenaaa, vas polo pan?, berra unha muller desde unha das xanelas da casa de enriba.

-Vouuu, responde outra desde abaixo

-Pois colle una barra para min tamén, anda. Di a primeira.

-Era boa se cre que lla vou levar á casa, rosma a segunda.

 Entra no cadro un mozo en bicicleta. Un repartidor. Unha muller co carriño da compra cruza sen mirar mentras fala polo móbil. Ai! O mozo está a piques de atropelala. Co susto, a ela cáelle o carriño e unha bolsa con froita sae disparada.  Unhas mazás rodan polo pavimento.  O rapaz case cae da bici para evitar pillala e por sorte evita chocar contra a camioneta do cristaleiro que está alí aparcada, cunha manda de cristais de gran tamaño que tiña que levar para unha obra.

–A ver neno, mira ben por onde vas, oh! que case me matas.

-Señora, esperte, cagho en tal, a culpa é súa, señora, que hai que mirar antes de cruzar!.

 Un rapaz recolle unha mazá do chan, mira para todas partes e despois marcha con ela. Empezan a aproximarse outras persoas e léase unha boa. Ocupan o centro da rúa pola que pasan coches. Os espontáneos avogados analizan o suceso a grandes voces, para dictaminar de quen foi a culpa, o que máis berra é Cho, un coreano que fala galego e que ten alí un ximnasio para practicar artes mariciais:  -A señora viña nas berzas, bla, bla, bla. Pola súa culpa o rapás case rompe a cráneo.

-Non, non, non, cona, que non foi así, bli, bli, bli”.

Madia leva! Que a señora estivese a punto de ser atropelada e perdera media compra, que o rapaz estivese a punto de romper a chola ou estragar a bici, ou peor aínda, que batese contra a camioneta e rompesen os cristais, caendo os miles de anacos que chegarían a producir gravísimos cortes ós que estivesen perto (inclusive algúns podería saltar polos aires e  chegar ata as ventás do primeiro piso) ou quen sabe que catástrofe tería sucedido alí, era o de menos, berraban outros retranqueiros.  

Desde a ventá do edificio algúns espectadores animan a discusión, porque eles desde arriba víronno todo moi pero que moi ben e non se pode andar así pola vida, hostia!

Un home sae correndo dun establecimento e pregunta se ten que chamar á policía. Non, mellor unha ambulancia.  -Ós bombeiros, chamade ós bombeiros que disque explotou un camión cheo de cristais!

 Como vedes esta é unha rúa verdadeiramente preparada para vivir unha revolución.

Teño que dicir que a película ten final aberto. Nese intre chámanme para marchar.