Carta a María Casares

 A Coruña, Xoves de Comadres de 2022

 Benquerida María Casares, Vitola, Vitoliña :

     Comezaremos por dicirche que neste Xoves de Comadres celebramos o teu aniversario. Nacías nesta cidade no ano 1922, en novembro, o mes da tradición celta, da que ti eras nobre depositaria, o mes no que se abren as portas que permiten transitar entre os dous mundos de vivos e mortos; novembro é o mes da viaxe.

       Foi Novembro tamén o mes no que con apenas 14 anos, nun día tristemente tráxico, partías ca túa nai para o exilio republicano en Francia. Alí volverías a nacer a unha nova vida, e chegarías a  te converter nunha prestixiosa e recoñecida actriz de cine e teatro, logrando que soase garboso o acento galego na escena internacional.

      Ao deixares Coruña eras aínda moi nova si, pero xa se labrara en ti o carácter céltico, de muller forte, libre e valerosa, o legado sen dúbida da túa avoa Pilar, a cigarreira. Partías si, tiñas que dicir adeus ó teu recuncho, á túa leda Marineda, pero levabas a maleta ben cargada, cos tesouros marabillosos que che pertencían lexitimamente desde o berce, as meigas e lendas, os bosques bretemosos, os rumorosos piñeiros e frondosas fragas, os salseiros do Atlántico, o teu amado Montrove co areal de Bastiagueiro e o nacre das cunchas dos versos de Curros que brillan na beiramar, as rúas da cidade túa, a chuvia, o vento mareiro, o universo galego enteiro! E toda ti ías cinguida de verdor.

       Finalmente foi tamén nun día escuro do mesmo mes no que naceras, cando traspasaches o portal que conduce ó camiño que por desgraza non ten retorno.

        Adeus, María, que no próximo novembro deste 2022, a máxica porta que se abra  sexa a dun gran teatro da Coruña que leve o teu nome: Teatro María Casares. 

Adeus María, alí nos encontraremos!

 

 

 

 

Ningún comentario: