Carta a María Casares
Foi
Novembro tamén o mes no que con apenas 14 anos, nun día tristemente tráxico,
partías ca túa nai para o exilio republicano en Francia. Alí volverías a nacer
a unha nova vida, e chegarías a te converter
nunha prestixiosa e recoñecida actriz de cine e teatro, logrando que soase garboso
o acento galego na escena internacional.
Ao deixares
Coruña eras aínda moi nova si, pero xa se labrara en ti o carácter céltico, de
muller forte, libre e valerosa, o legado sen dúbida da túa avoa Pilar, a
cigarreira. Partías si, tiñas que dicir adeus ó teu recuncho, á túa leda Marineda,
pero levabas a maleta ben cargada, cos tesouros marabillosos que che pertencían
lexitimamente desde o berce, as meigas e lendas, os bosques bretemosos, os rumorosos
piñeiros e frondosas fragas, os salseiros do Atlántico, o teu amado Montrove co
areal de Bastiagueiro e o nacre das cunchas dos versos de Curros que brillan na
beiramar, as rúas da cidade túa, a chuvia, o vento mareiro, o universo galego
enteiro! E toda ti ías cinguida de verdor.
Finalmente foi tamén nun día escuro do mesmo
mes no que naceras, cando traspasaches o portal que conduce ó camiño que por
desgraza non ten retorno.
Adeus, María, que no próximo novembro deste 2022, a máxica porta que se abra sexa a dun gran teatro da Coruña que leve o teu nome: Teatro María Casares.
Adeus María, alí nos encontraremos!