#conNomedeMuller: Avelina Valladares


 

 “…Adios; ¡ai! anaquiños d' a vida
Pobres nàis qu' angustiadas de morte,
Maldecís a fatídica sòrte
Qu'ôs fillíños de vós aleijou
¡Quèn poidera enjugà-l-os regueiros
Que de bàgoas teredes botado!
¡Quèn poidera correr! ¡Dios amado!
Ôs braciños que tanto bicou!

¡Quèn poidera, naiciñas d' a alma,
Despaciño contarvos á solas
 O que pasa d' o mar entr'as olas,
 O que pasa d'o mar màis alá!...
 ¡Canto triste mortal desengaño!
 ¡Canta doce ilusion po-l-o vento!
 ¡Cantos dias d' amargo tormento!
¡Cantas noites de negra suidà!...”

(de  “Ôs qu´emigran”)

           Cóntanse case 200 anos do nacemento de Avelina Valladares Núñez (Vilancosta, A Estrada, 23 outubro 1825- marzo de 1902) muller escritora na Galicia do s.XIX. Tempos difíciles para as autoras, que tiñan que salvar innumerabeis atrancos para poder desenvolver a actividade literaria, sendo as máis das veces os seus esforzos e logros escasamente recoñecidos.  Avelina é un caso máis entre as autoras esquecidas. Irmá do gramático e novelista Marcial Valladares, autor da que se di a primeira novela  escrita en galego:  “Máxina ou a filla espúrea”, (este ano van 150 anos da súa publicación). A nosa autora posuía unha grande formación cultural nun momento en que as mulleres galegas eran prácticamente analfabetas. Tivo a sorte de ter nacido nunha familia con recursos económicos e o máis importante: interesada pola cultura. Ten escrito en galego e en castelán e os seus textos están espallados por revistas como o Almanaque gallego de Bos Aires, El Heraldo Gallego, El Compostelano, entre outros. A importancia de Avelina débese ó feito de ter sido unha das primeiras mulleres, senón a primeira, que publicou artigos de opinión na prensa escrita. Unha mostra é “El ochavo milagroso”, sobre supersticións galegas, aparecido en El Eco de Galicia na Habana. Por desgraza, Avelina, como moitas outras escritoras do seu tempo, non tiña interese pola publicación (asumindo o rol da muller do seu século que non xogaba ningún papel de relevo na sociedade e no mundo cultural) e restáballe  calquera importancia ó seu quefacer literario; de feito, a súa principal dedicación na vida foi a beneficencia. Avelina Valladares deixounos un feixe de poemas en galego que apareceron publicados en revistas e xornais e finalmente recompilados no libro do estradense Xosé Luna Sanmartín: “Ond´o sol facheaba ò amañecer”, sobre a vida e obra da autora.  Deixounos  tamén o "Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego", na que o labrego fala galego e o romeiro castelán. Hoxe existe unha versión para o teatro preparada por Xosé Lueiro Lemos. Por certo, no concello da Estrada hai un premio de poesía que leva o nome da nosa autora e  e que este ano vén de gañar Xosé Luna Sanmartín, o seu compilador, xa por segunda vez. A celebración das Letras Galegas en homenaxe a Avelina semella que aínda terá que esperar.



 

Fontes :

 Álbum de mulleres (Celia María Armas García, 2007), Historia da literatura galega contemporánea de R. Carvalho Calero, Literatura Galega da Muller de Carmen Blanco, BVG e RAG.

Ningún comentario: