Estudiando Rosalía

                 Rosalía de Castro ten publicada obra en galego e tamén en castelán, sendo esta última máis abundante. A seguir trazaremos unha guía dos seus libros desde unha perspectiva cronolóxica. Observaremos como desde a publicación da súa primeira obra, iranse sucedendo outras case cunha periodicidade anual, que só se verá interrumpida na década dos 70, na que só teremos a reedición da súa obra Cantares Gallegos.

A súa primeira obra é o poemario de carácter romántico La Flor publicado no ano 1857, en Madrid.
Lieders son textos publicados ó ano seguinte, en Vigo. Nestes textos a autora reflexiona sobre o papel da muller e o da muller escritora.
La hija del mar, en 1859, tamén en Vigo, aborda o tema da muller que non pode ser feliz.
En 1861 publica Flavio, en Madrid. Trátase dunha novela que afonda na psicoloxía dos personaxes. Flavio, o protagonista, é a encarnación do home romántico.
A mi madre é un longo poema dedicado á súa nai no ano 1862, ano da súa morte.
Cantares Gallegos, publicado no ano 1863, é o seu primeiro libro publicado integramente en galego. Trátase dunha obra de fondo contido social, que xira en torno a tres eixos centrais: primeiro a  reivindicación do idioma galego; en segundo lugar, denunciar a situación de marxinación social do pobo galego e a explotación que padece, especialmente as mulleres,  e en terceiro lugar, tratar de desmontar a mala imaxe que se tiña de Galiza na súa época.
En 1864, publica na prensa a obra en prosa Conto gallego, que se trata dun claro alegato a favor da muller.
Las literatas. Carta a Eduarda e El cadiceño, son composicións en prosa publicadas en Lugo en 1865. Ls literatas é un pequeno ensaio sobre as dificultades da muller escritora e dos prexuízos da sociedade decimonónica en contra desta. El cadiceño é unha denuncia das consecuencias de perda da identidade galega debidas á emigración.
En 1866, publica en Madrid Ruínas, novela de carácter realista.
El caballero de las botas azules é do ano seguinte (Lugo, 1867) e preséntanos a unha sociedade madrileña decadente, cando está a piques de suceder a Revolución de 1868. Moitos críticos teñen sinalado esta novela como a mellor das novelas rosalianas.
En 1872,  2ª edición de Cantares Gallegos
1880 é o ano da publicación de Follas Novas, coincidindo tamén coa publicación de Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez e Saudades Gallegas de  Valentín Lamas Carvajal
El primer loco, obra de 1881, presenta o tema da loucura á que conduce a frustración amorosa.
Neste mesmo ano publica artigos na prensa da época, como Costumbres gallegas.
Finalmente, un ano antes da súa morte, (1885)  a nosa autora publicará En las Orillas del Sar, en Madrid. Obra de carácter existencial e pesimista e na que segue presente o seu grande amor por Galicia.


No hay comentarios: