O SOLSTICIO DE VERÁN


  Na tradición do solsticio de verán as augas e as herbas teñen un culto moi importante, non só na nosa terra, senón tamén noutros lugares da península e de Europa. Especialmente na Europa atlántica. Esta tradición pagá foi combatida durante a Idade Media e chegaron ata hoxe reconvertidas polo cristianismo en noite de San Xoán. Na mitoloxía popular existe a crenza de que as augas nesta noite teñen poderes máxicos e curativos. As augas das fontes, dos lagos, ríos, do mar e mesmo o orballo dos campos posúen virtudes excepcionais na noite e no abrente deste día. O orballo dos campos poderían curar doenzas da pel. Tamén a auga collida en sete fontes  para facer o cacho, que é a auga á que se lle botan as herbas de San Xoán e que se deixan toda a noite ó relento, servirá para esconxurar e afastar ás meigas e quitar o mal de ollo. As herbas de San Xoán penduradas nas portas e fiestras impiden que entren as bruxas na casa. Outra das tradicións máis significativas nesta noite meiga é a da flor da auga. A flor da auga “É un dos misterios máis estraños e poéticos da noite de San Xoán” di Vicente Risco, e é  a que se collería ó sair a raia do sol na tona das augas das fontes,  lagos, ríos…  Hai quen dí que é unha pinga do orballo que na amañecida un paxaro trae no seu peteiro para deitala nunha flor.
Irás ao abrente do día

a auga fresca catar

da auga do paxariño
que saúde che ha de dar.

Corre, meniña,

vaite lavar

alá na fonte
te has de lavar,
e a fresca auga
desta amañecida
cor da cereixa
che ten que dar.

Se arraiar,

se arraiará

tódalas meigas levará,
se arraiou,
xa arraiou,
tódalas meigas levou.

Peladas eran

peladas serán

tódalas meigas
que andan polo chan.


O lexicólogo Eladio Rodríguez no seu dicionario apunta que esta flor é a que buscan as mozas casadeiras. Estas terían que bañarse na noite de San Xoán e mollarse cas nove ondas, como podemos ler nun romance popular que recolle Manuel Murguía:

Cal será a meniña, cal, que colla a fror d'auga fría?

Non será dama, nin deuda, que será a princesa Aldina,

a princesa namorada, filla do rei de Galicia.
Non hai outra coma ela, tan feitiña e tan bonita.
c'aqueles seus ollos craros, da color d'auga da ría.
Só ti Aldina serás, quen leve a fror d'auga fría:
                                                           Érguete do teu leito nena, ven cara á banda do mar
                                                  qu'anque ti soiña veñas tornarás en compañía.


#conNomedeMuller: Nicolasa Añón

Nicolasa Añón, unha muller precursora da literatura galega contemporánea

 


Nicolasa Añón  nace o 28 de febreiro de 1810 na aldea de Boel na comarca coruñesa de Outes, e morre o 1 de novembro de1887, en Boel. Era a irmá maior do poeta Francisco Añón. O propio Añón dicía dela:
 “Ai, se ela estudase algo, se mesmo poidera ler catro versos, os seus farían que os meus se esqueceran!”
Esta muller labrega, filla de labregos non tivo a oportunidade de realizar estudos como o seu irmán e apenas sabía escribir o seu nome. Ser analfabeta era algo habitual entre as mulleres campesiñas da época. Pese a iso, Nicolasa era quen de compoñer versos que gardaba na súa memoria. As súas composicións, pertencen ó corpus da literatura oral e son de carácter memorístico e temática relixiosa. Os poemas levan estrofas con versos oitosilábicos, que son os propios do cancioneiro popular. En 1885, o mestre Jacobo Lema recolle unha mostra dos seus versos nun pequeno manuscrito. Naquel intre Nicolasa tiña 75 anos.  O libriño consta de catro composicións en castelán e dúas en galego . Ó ano seguinte o xornalista e escritor Lisardo Rodríguez Barreiro de Noia, acudiu a Boel a coñecer a Nicolasa e froito dese encontro nace a reportaxe titulada “La hermana de Añón”. Nesta entrevista, o xornalista consegue anotar varias composicións que Nicolasa recita de memoria, pedindo disculpas previamente debido ó suposto pouco valor das mesmas.

"–Señor, non lle valen nada, porqu’eu maxinos así coma quen non quer a cousa, mentras debullo n’o millo ou acomerando as vacas"

O recurso confírelle naturalidade e espontaneidade á composición


«Estos versos mal compostos / son de Nicolasa Añon / que non tuvo mais prencipios / que os que tubo o legon».
 A autora pide disculpas por facer versos e desanteder o seu traballo,  recurso de humildade que era empregado polas mulleres da época que escribían ou compoñían versos.

 «deixa os versos Nicolasa / mira que verra o becerro / e tamen che verra a baca»,

En Rosalía de Castro, por exemplo atopamos o mesmo recurso en Cantares Gallegos tanto no prólogo como no derradeiro cantar.
Unha das composicións é un romance dedicado a Alfonso XII na súa visita a Santiago de Compostela e unha elexía dedicada a seu irmán
«¡Quén me dera ir á Madril
 á chorar no campo santo
 á rezar por meu hirmán
 na cova ondo guindaron!».

Posteriormente Ricardo Carvalho Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea, inclúe un apartado dentro do capítulo dedicado a Francisco Añón
“Ao agarimo da sombra do seu irmán, imos dar cobexo na historia da literatura galega a Nicolasa Añón
Carvalho baséase no traballo realizado polo cronista da autora, Lisardo Barreiro. Para Carvalho  Nicolasa foi unha xenuína creadora popular e non unha imitadora. Moitos autores do século XIX quixeron imitar a arte popular pero segundo di o propio Carvalho estes “disfrazábanse de labregos”.  A poesía de Nicolasa era auténtica, ela era quen de reproducir o verdadeiro espírito do pobo nas súas composicións orais.
Desde o ano 2007 Nicolasa Añón figura no Diccionario de mulleres galegas de Aurora Marco, no que Nicolasa ten unha entrada propia. Para finalizar mencionaremos o importantísimo achado do profesor Ramón Blanco, quen atopou o manuscrito orixinal cos versos da poeta. El mesmo encargouse da publicación  do  libro Poesías de Nicolasa Añón catro anos despois (Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes, 2014). A RAG faise eco da noticia e mostra unha adaptación dun poema completo da autora. Velaquí un fragmento
Tamén vos hai outra cousa
que vola vou contar
tamén dan unha medalla
ao que a queira tomar.
Algúns din que non a queren
meu Deus que tolos son
e atrévense a dicir
que a teñen no corazón
Nicolasa Añón unha poeta labrega que merece figurar entre as mulleres precursoras da literatura galega contemporánea e nos libros de texto de literatura galega.


AS TRECE ROSAS


As Trece rosas é xa o nome oficial do parque público de Bastiagueiriño en Oleiros. O pasado sábado día 13 tivo lugar a inauguración. Olga Manzanero, o alcalde de Oleiros e o presidente da Deputación, leron uns textos de homenaxe. O protagonismo do acto foi para Olga Manzanero, sobriña de Dionisia Manzanero Salas, unha das trece rosas. O parque incorpora tamén unha escultura de bronce realizada por Miguel Couto. A peza representa un corpo vencido, caendo derrubado polos disparos, un corpo xoven, case infantil, co mar e Coruña como telón de fondo. Olga emocionou ós presentes coa lectura dun comunicado da Asociación Trece rosas de Asturias e un escrito da súa autoría para honrar a memoria das Trece rosas e especialmente a da súa tía Dionisia e da familia. Vinte anos, vinte, tiña Dionisia cando foi fusilada, varios meses despois de rematada a guerra. Ningunha das Rosas cumplira aínda os trinta anos. Uns días antes de ser fusilada escribiu unha carta a seus pais. A carta de Dionisia é unha das tres que se conservan das escritas polas Rosas. E conmove a fortaleza e valentía dun corazón tan grande
"Estoy serena y firme hasta el último momento. Pero tened en cuenta que no muero por criminal ni ladrona, sino por una idea."

Dionisia foi unha das mulleres fusiladas o 5 de agosto de 1939 en Madrid polo réxime franquista

(Xulio Correa, fotógrafo, é o autor das imaxes)

CLARA CORRAL AYER

             
 Clara Corral Ayer figura na Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, como unha das mulleres escritoras do s.XIX que poetizaron en galego, foi a segunda en facelo despois de Rosalía . Clara Corral naceu en Ourense o 8 de xuño de 1847, e escribiu en castelán e galego. Pertencía a unha familia de escritores. O seu pai, o médico Dimas Corral, foi un dos cantores mindonienses do Nadal. Na nosa lingua atopamos algúns poemas de carácter amoroso como “O ben da terra” ou “O día de San Antón” na liña dos poemas rosalianos de Cantares Gallegos.  Estas composicións foron editadas por vez primeira en La Ilustración Gallega y Asturiana e posteriormente reproducidas en diversas publicacións como O Tío Marcos da Portela de Ourense , primeiro xornal escrito íntegramente en galego. A súa produción espallouse por revistas e xornais, como sucedeu cos textos do resto das mulleres que escribían nesta época. En 1980 saiu so prelo o volume Poesías en Gallego  y castellano que recompila unha parte importante da súa obra.  En 1884 trasladouse a vivir a Coruña, e en 1906 foi nomeada correspondente pola R.A.G. Morreu dous anos máis tarde na nosa cidade.

De “O ben da terra” (fragmento)

“Era unha leda mañán
que día de San Xan era,
cando pola corredoira
que mira cara a igrexia,
vestido el de pano novo,
ela de dengue e mantela,
viñan collidos das mans
como quen vai dunha festa
 bicándose coas meniñas
      dos ollos, Xan e Sabela.”

imaxe: es.wikipedia.org

MICAELA CHAO MACIÑEIRA


O 18 de maio de 1916 fundábanse na Coruña as Irmandades da Fala. O seu obxectivo era potenciar o uso do galego e promocionar a nosa cultura. O acto tivo lugar no local social da Academia Galega. Micaela Chao Maciñeira (Viveiro, 1892-27novembro 1928), foi a única muller que asistiu ó acto fundacional e foi decrarada "irmá" dos Amigos da Fala, foi a primeira "irmá". Ó ano seguinte Micaela encabezaba unha colecta para financiar unha bandeira galega bordada para a Irmandade coruñesa. En 1918 promoveu a constitución dunha parte feminina dentro das Irmandades. O proceso culminou en agosto dese ano. Contaban nese momento con máis de duascentas mulleres afiliadas e Micaela Chao Maciñeira foi a súa Conselleira Primeira.


Retrato: gl.wikipedia.org

LETRAS GALEGAS 2020

            17 de Maio, un dos nosos días máis importantes. Comecemos polo principio, 1963, Cantares Gallegos. En Rosalía principia todo. Despois de cincuenta e sete anos de Letras Galegas e só catro mulleres festexadas, por fin Carvalho Calero. Veñan todas as homenaxes, todas as  loanzas, todos os recoñecimentos pra Don Ricardo, o Grande mestre; desexando que florezan lilas, malvas e violetas para futuras Letras.

ADIÓS, RÍOS; ADIÓS FONTES

"Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
Miña casiña!, meu lar!"


Foto Xulio Correa, publicada en Proxecto Galicia, reprodución 
              Con estes versos remata Rosalía de Castro o "Adiós, ríos; adiós fontes" o primeiro poema que escribiu para Cantares Gallegos.
           A palabra "lar" poder ter varios significados pero sempre en relación coa casa que habitas. Precisamente é sinónimo de casa familiar, fogar. Tamén nas cociñas rústicas é o lugar da casa onde se acende o lume, como sinónimo "lareira". Por último a palabra lar en plural,  lares, fai referencia ós deuses da mitoloxía romana. Na antiga Roma o lar estaba asociado ó fogo sagrado e os lares, manes e penates eran os deuses domésticos. Os deuses lares representaban os espiritos dos antepasados e protexían a familia. 
  Na casa labrega a cociña é a dependencia máis importante. Nela está a lareira na que se fai o lume para cociñar e tamén para quentarse, por iso nela hai escanos, que son bancos con respaldo e tallos, (bancos pequenos para unha persoa e sen respaldo) para sentar arredor do lume. Pola parte interior da lareira colócabase un canizo, que é unha estructura feita con paus de madeira, no que se penduraban chourizos e carne de porco para afumalos. Tamén do canizo pode ir pendurada unha cadea -a gramalleira- que sostén o caldeiro de facer o caldo ou o xantar.