O LATEXO



                          A luz da mañá coábase na habitación, atravesando as regandixas das contras. Ela espertou, mirou o reloxio e sobresaltouse. A alarma non soara. O seu corazón latexaba ansiosamente na táboa do peito. Tal vez non fose demasiado tarde aínda.  Dun chimpo saltou da cama e vestiuse a fume de carozo. En apenas uns minutos saía pitando pola porta. A escaleira estaba perfectamente silenciosa. Nada. Ninguén.  Xa na rúa dirixiuse á parada do bus. Nese momento pasaba un. Montouse nel.  Estaba baleiro. Pareceulle raro que a esas horas non houbese xente.  Só o chofer e unha parella de vellos nos asentos do fondo. Se cadra o mal tempo facía que a penas houbese alguén polas rúas. O condutor arrincou. Este subía acelerando pola encosta da mollada avenida. Neste momento non chovía, menos mal porque cas présas non collera o paraugas. Suspirou e contemplou con suspicacia a cidade a través dos suxos cristais do auto. Oxalá non sexa xa demasiado tarde, pensaba. Por nada do mundo quería estragar a oportunidade que se lle ofrecía. Todo empezou con aquela noticia que lera no xornal uns días antes. Para iso tiña que presentarse no enderezo que aparecía no anuncio. O lugar quedaba un pouco afastado, nun arrabalde ó sur da vila.  Só unhas cantas paradas máis e chegaría. Ao baixarse do autobús enxergou unha estreita e escura calella que desembocaba nun grupo de casas cun aspecto descuidado, incluso algunha semellaba deshabitada.  Comprobou sen sorpresa que as rúas ademáis de molladas estaban desertas. Apretou o paso e chegou ata alí. Tan só un gato que o fitaba con receo, saiulle ó encontro.  Pareceulle un lugar sombrío e lúgubre. Sentía frío.  Pensou que o sitio era sinistro. O corazón empezou a bater lixeiro, podía escoitar o forte latexar fuxindo pola gorxa… A penas comenzara a camiñar cando creu  oir pasos. Parecía que alguén se achegaba. Os pasos ían cada vez máis rápido. Sen dúbida pretendían alcanzala. Non se atrevía a voltar a cabeza. O medo paralizábaa, non lle importaba que o mundo explotase naquel intre. Os pasos estaban cada vez máis perto e de súpeto, sen tempo de reaccionar, sentiu que a suxeitaban por un brazo. Un berro de terror atrancoulle a voz… entón  unha insolente gargallada estourou no ar. Tornou a cabeza. Botando un fondo suspiro de alivio, comprobou que era unha vella amiga que lle dicía lagarteira, mentres escachaba coa risa que só quería desexarlle un feliz  Ano Novo! 

#conNomedeMuller: Dolores Medio

 

 


“OVIEDO es una ciudad dormida. Por las calles, estrechas y empinadas, del Oviedo antiguo, envueltas, de ordinario, en espesa niebla, corre un sueño de siglos. Las moradas humildes, de paredes desconchadas por la humedad, se aprietan en torno a los palacios y caserones con fachadas de piedra renegrecida.” (Edit. Destino, Barcelona 1053)

Así comeza a novela “Nosotros, los Rivero” da asturiana Dolores Medio , premio Eugenio Nadal en 1952. María Dolores Medio Estrada (Oviedo 1911-1966) denotou a súa afección pola literatura desde ben cativa, con 12 anos escribia a súa primeira novela que titulou Egoismo. Na súa formación nos primeiros tempos destacan os estudios música e debuxo na Escola de Belas Artes. Posteriormente estudiaría Maxisterio. Foi mestra exercendo como docente en diversas vilas e aldeas de Asturias. De formación republicana, recibiu influencia da Institución Libre de Enseñanza a través dun mestre amigo seu. Cando comezou a guerra estaba en Oviedo e viviu en primeira persoa o asedio e os bombardeos que sufriu a cidade, as desgrazas, as detencións de compañeiros e amigos …, foi denunciada e a Comisión depuradora do Maxisterio abriulle varios expedientes. Acusada de atacar á relixión e á patria, simpatizar cos marxistas e ter feito propaganda a favor das esquerdas e da Asociación de Traballadores da Ensinanza, valeulle para ser desprazada como castigo a unha escola rural perto de Avilés, quedando inhabilitada para exercer cargos directivos. En 1945 gañou o Premio Concha Espina promovido polo semanario nacional Domingo con Nina e trasládase entón a Madrid. Comeza a exercer como escritora sen abandoar de todo o ensino, gañando en 1952 o Premio Nadal coa novela “Nosotros los Rivero”, sendo unha auténtica descoñecida. A partir deste momento dedícase por enteiro a escribir, abandoando o ensino e convertíndose nunha escritora profesional. En 1963 comeza a súa triloxía “Los que vamos a pié con Bibiana”, no que se narran os feitos relativos á manifestación en apoio ós mineiros, que a levaron a prisión. Tiña que pagar unha multa de 25.000 pesetas  que non pagou e pasou 30 días no cárcere. Relata este episodio en Celda Común, non publicada ata 1996 debido á censura franquista. En 1963 gaña o Premio Sésamo co relato Andrés. En 1964 a Fundación March concédelle unha pensión literaria para escribir a biografía de Isabel II e outra en 1969 para redactar a guía de Asturias, publicada pola Editorial Destino de Barcelona. En 1972 continúa a triloxía con La otra circunstancia. Outras novelas de Dolores son Funcionario público (1956), Diario de una maestra (1961), Farsa de verano (1974) Atrapados en la ratonera: Memorias de una novelista (1980), La última Xana: narraciones asturianas (1986)…


 Pero volvamos a “Nosotros, los Ribero” e como a súa publicación convertírase nunha auténtica odisea para a escritora. A obra foi víctima da censura franquista, e os trámites para intentar salvala extendéronse durante un ano. Transcurrido ese tempo, atopouse con que a editorial que a ía publicar cerrara durante o proceso. Os motivos do censor para xustificar a negativa da publicación eran entre outros a súa “simpatía pola República do 14 de abril e a súa antipatía polas tropas españolas que pacificaron Asturias en 1934” ademáis o censor atopara no texto eloxios de obras comunistas e chegou a calificala de “completamente reprobábel”. Conseguindo por fin salvar os escollos, eliminando o que molestaba ó censor franquista, presentouse ó Premio Nadal co existoso resultado xa coñecido. A comunicación do premio á autora tamén ten o seu aquel. Segundo relata o diario El País nun artigo publicado en xaneiro de 2018, Dolores non se enterou do fallo do Premio Nadal porque tiña a radio estropeada, tampouco contaba con el. Eran as dúas da madrugada e alguén peto na súa porta comunicándolle que acaba de gañar o premio. Cando viaxou ó seu Oviedo natal foi recibida como unha celebridade. Un libreiro dunha coñecida tenda da cidade viaxaba entón a Barcelona regresando con medio centenar de exemplares para exhibilos no escaparate. O resultado foi que os libros se agotaron axiña. Hoxe temos unha nova edición da novela de Medio, a segunda. Desta volta trátase do texto íntegro descuberto pola escritora e editora de Xixón, Ángeles Caso. Ángeles intuiu que á obra algo lle faltaba e realizou un traballo de investigación sobre Nosotros, los Rivero, rescatando o orixinal do Archivo General de la Administración de Alcalá de Henares onde se conserva a documentación da censura durante o franquismo. En decembro de 2017, Caso publícou o texto completo que escribira Medio, na súa editorial La Letra Azul. A obra leva incorporados un prólogo de Caso cos documentos descubertos e as cartas que intercambiaron  autora e censor. A novela vai acompañada dos deseños da ilustradora  tamén asturiana Rebeca Méndez.


 Dolores Medio regresaba a Oviedo en 1988 e alí permaneceu ata a súa morte o 16 de decembro de 1996, o día do seu 85 aniversario. Na actualidade a Fundación Dolores Medio, que ela mesma creara, concede o Premio Asturias de Novela. Antes do seu falecemento foi nomeada “Filla predilecta” de Oviedo, outogáronlle a medalla de Plata de Asturias e recibiu homenaxes  polas Asociacións de mulleres de Asturias. En Oviedo,  unha praza co seu nome e unha escultura, fican en lembranza desta asturiana ilustre.


https://cadenaser.com/emisora/2017/12/04/radio_asturias/1512400227_839902.html
www.elcomercio.es › culturas › libros › dolores-medio
www.cervantesvirtual.com › obra-visor › html

 

 

#conNomedeMuller. Florbela Espanca

 


 

SER POETA

Ser Poeta é ser mais alto, é ser maior

do que os homens! Morder como quem beija!

É ser mendigo e dar como quem seja

Rei do Reino de Aquém e de Além Dor!

é ter de mil desejos o esplendor

e não saber sequer que se deseja!

É ter cá dentro um astro que flameja,

é ter garras e asas de condor!

É ter fome, é ter sede de Infinito!

Por elmo, as manhãs de oiro e de cetim...

é condensar o mundo num só grito!

E é amar-te, assim, perdidamente...

é seres alma e sangue e vida em mim

e dizê-lo cantando a toda gente!  (de Charneca em flor)

 

         Florbela Espanca  (Vila Viçosa, 1894 — Matosinhos,  1930), bautizada como Flor Bela Lobo, autonomeouse Florbela d’Alma da Conceição Espanca é unha das grandes escritoras portuguesas da época contemporánea. Filla natural de Antonia da Conceiçao Lobo, a muller que servía ós que se convertirían nos seus pais adoptivos. Florbela foi o froito dunha relación entre a súa nai e Joao María Espanca, o dono da casa. A muller de Joao María, Mariana do Carmo, era estéril e asumiu o cuidado da cativa, ó mesmo que faría tamén con Apeles, o irmán de Florbela que naceu tres anos despois, Ambos foron rexistrados como fillos de Antónia e de pai incógnito, sendo Mariana do Carmo a madriña de bautismo de ambos cativos. A súa nai, Antónia, faleceu moi nova, con apenas 29 anos. Os dous irmáns foron criados por Joao e Mariana, pero Florbela non foi recoñecida como filla lexítima ata 18 anos despois da súa morte.

Espanca comezou a escribir xa dende ben cativa. A súa obra abarca diversos xéneros,  en verso e prosa, como contos,   colaboracións en revistas e xornais e tradución de novelas; mais o seu xénero primordial foi a poesía, cultivándoa baixo a forma de soneto. Cunha biografía completamente inusual e novelesca, Florbela d´Alma foi unha escritora pioneira, que rompeu moldes e abriu un camiño na emancipación da muller tanto no plano literario como vital. Espanca foi das poucas donas que asistiron ó Liceu Nacional (Évora), matriculándose posteriormente na Faculdade de Direito en Lisboa cando só o facían pouco máis dunha ducia de mulleres entre centos de homes, outro feito difícil na súa biografía debido á época e que casou e divorciouse tres veces, pero nunca deixou de escribir.  A pesar diso na vida da autora só foron publicados dous libros de poesía: Livro de Mágoas (1919) e Livro de Sóror Saudade (1923). Na súa obra poética está sempre presente o eu da poeta, e neles atopamos amor, paixón, erotismo,dor, saudade,morte,  poesía que fala da propia poesía en suma e a propia alma da autora.

No poema dedicado á escritora, “Á memoria de Florbela Espanca” e atribuido a Fernando Pessoa (os versos foron atopados entre as pertenzas do poeta), o autor fala dela como a súa alma xemea:

“Dorme, dorme, alma sonhadora,
Irmã gémea da minha!”


Postumamente foi publicado o libro de contos titulado “As Máscaras do Destino”,  homenaxe literario que Espanca dedicou a seu irmán tristemente falecido nun accidente de aviación con apenas 30 anos.  “Charneca en flor”, título paradóxico que evocaba a terra onde naceu, foi o derradeiro libro de poemas que a autora non logrou ver publicado en vida. O 8 de dezembro de 1930 suicidouse con barbitúricos. Era o día do seu 36 aniversario e víspera da saída do prelo do súa obra poética. Esta enterrada en Vila Viçosa, na súa charneca natal.

“A sua obra lírica principiou a ser editada em 1919 (Livro das Mágoas); em 1976 tinham saído 16 ediçoes dos Sonetos Completos; precede, portanto, de longe e estimula um muito recente movimento de emancipaçao literaria da mulher, exprimindo nos seus acentos mais patéticos a imensa frustraçao, nao só feminina como masculina, das nossas opressivas tradiçoes patriarcais (…)”          (Historia da Literatura Portuguesa de Saraiva e Oscar Lopes)

A súa vida foi levada ó cine polo director portugués Vicente Alves co título de Florbela, a película foi estreada en 2012


https://www.revistaesfinge.com/arte/item/785-84florbela-espanca-la-poetisa-del-amor

https://www.brown.edu/Departments/Portuguese_Brazilian_Studies/ejph/pessoaplural/Issue7/PDF/I7A06.pdf

https://pt.wikipedia.org/wiki/Florbela_Espanca






O debuxo é de Apeles Espanca

#conNomedeMuller:Dorothy Catherin Fontana

         


Star Trek, Bonanza, O gran chaparral, Kung-Fu, Os Waltons, A fuga de Logan, Dallas… son algunhas series de televisión máis vistas pola mocidade europea e americana durante as décadas dos anos 60 e 70 do século XX. D.C. Fontana é o nome dunha das guionistas principais que se agochan tras destas series. As iniciais D.C. corresponden a Dorothy Catherin (Sussex, New Jersey, 1939- Los Ángeles, 2019) quen desde cativa sentía paixón pola literatura e polo cine, escribía contos e obras de teatro que despois representaba ca colaboración das súas amizades. Fontana licenciouse na universidade privada Fairleigh Dickinson, en New Jersey, especializándose en Secretaria Executiva. En New York e Los Ángeles traballou como secretaria. De día atendía á súa actividade profesional e polas noites escribía. Durante este tempo enviou guións para series de televisión pero cando descubrían que a autora era unha muller rexeitábanos. Dorothy decidiu entón evitar escribir o seu nome anotando só as iniciais, para que non a discriminasen por cuestión de xénero e valorasen o seu traballo sen prexuizos contra das mulleres

«Escribín un guion para 'Ben Casey' (en 1965), coa sinatura D.C. Fontana»… «No ían poder rexeitarme porque era unha muller, porque non o saberían. Fixen que o meu axente o entregase, e comprárono. A partir dese momento pensei: 'Sabes que, esta é o mellor xeito de facelo. Vou seguir con D.C. Fontana'».
Isto dicía Dorothy Catherin nunha entrevista en 2016
Era polos mediados da década dos 60 cando coñeceu a Gene Roddonberry. Gene estaba preparando o lanzamento da serie Star Trek para a cadea norteamericana NBC. Dorothy empezou a traballar con el como secretaria, pero Roddenberry axiña lle pediu que escribise un episodio, que sería Charlie X, o segundo que se emitiou en televisión. A nosa secretaria foi ascendida a editora de historias, algo totalmente insólito no Hollywood da época. Precisamente foi ela a nai de Mr. Spock, desenvolvendo o personaxe e a historia e cultura da raza vulcanas. Durante as décadas seguintes escribiu guións para outras series como Bonanza, Dalas… Neses tempos estaba cada vez máis comprometida co sindicato de escritores para televisión “American Writer´s Guild” e sentindo que apenas había presencia feminina na industria, participou activamente na formación dun comité de mulleres, no que chegaría a desempeñar un papel importante. Nos últimos anos do s. XX comeza a dar clase de escritura de guións no American Film Institute ós aspirantes a escritores. Dorothy deixa o seu traballo como guionista en 2009 e dez anos máis tarde, o 2 de decembro de 2019, falecía en Los Ángeles, á idade de 80 anos pero deixaba camiño aberto ás escritoras de ciencia ficción para series de televisión.


Dorothy Catherin Fontana, “a guionista que chegou a lugares onde ningunha muller ten chegado antes”







#conNomedeMuller: Rosa Parks

 



“Non tiña nin idea do que as miñas accións poderían provocar. Cando me arrestaron, non sabía como reaccionaría a comunidade. Gustoume que fixesen o que fixeron ó non subirse ós autobuses.”

Sesenta e cinco anos pasaron xa desde que Rosa Louise McCauley Parks (Alabama, 1913- Detroit,2005) rexeitase cederlle o seu asento no autobús a un branco cando regresaba do seu traballo como costureira nuns grandes almacéns en Montgomery (Alabama). Isto sucedía o un de novembro de 1955. Por ese motivo foi detida e considerada culpable por non cumplir a orde municipal que obrigaba ós negros a deixarlles os sentadoiros para eles ou inclusive ter que baixar do autobús se así llelo requerían.  Rosa Lee foi encarcerada e condenada a pagar 14 dólares de multa. 

Rosa Park, foto policial, condado de Montgomery

A reacción da poboación negra da cidade de Montgomery foi inmediata, durante un ano enteiro negáronse a subir a ningún autobús e buscaron outros medios de transporte. A protesta foi organizada por Martin Luther King e implicaba a o 70º/o dos usuarios do lugar. Con esta acción Rosa  provocou que se producise o movimento polos dereitos civís, e a partir dese momento foi considerada a nai dese movimento.  Xustamente ó ano seguinte, (novembro de 1956) o Tribunal supremo dos EEUU declaraba inconstitucional esta lei de segregación racial.

Rosa L Parks foi unha activista durante a súa vida na loita contra o racismo e en 1999 foille concedida a Medalla de Ouro do Congreso dos EEUU.

Rosa Parks falecía na súa casa de Detroit o 24 de outubro de 2005.

A biblioteca da cidade de Montgomery foi bautizada como Rosa Parks Library and Museum na súa honra no ano 2000.

En 2013 Barak Obama inaugurou unha estatua de Rosa Parks no Capitolio dos EEUU


O noso escritor Agustín Fernández Paz utilizou a foto de Rosa Park para a súa novela como un símbolo para retratar a sociedade galega da época franquista “Non hai noite tan longa” (Xerais, 2012)

Rosa Parks con Martin Luther King (Wikipedia)



 «Biografia de Rosa Parks»www.biografiasyvidas.com

https://www.unicef.es/educa/blog/rosa-parks-asiento-reservado-derechos-humanos

 


#conNomedeMuller: Isabel Zendal

 

“O dr. Jenner realizando a súa primeira vacinación, 1976” (óleo sobre lenzo) é do pintor Ernest Board (Wellcome Library, United Kingdom)

Érase unha vez unha muller que tiña moitos nomes: Isabel Cendalla y Gómez, Isabel Cendales, Isabel Gómez Sandalla, tamén o de Isabel López Gandalia como aparecía na rúa de A Coruña dedicada á súa memoria, e algúns máis ata que finalmente pevaleceu o de Isabel Zendal Gómez e así é como a coñecemos hoxe.


Sábese que en 1771 nacía Isabel Zendal en Órdes. Segundo informa o periodista coruñés Antonio López Mariño, quen gañou o Premio Carracedo de xornalismo en 2015 co traballo de investigación “ Isabel Zendal Gómez, en los archivos de Galicia”, esta naceu na aldea de Agrela de Arriba na parroquia de Santa Mariña de Parada no seo dunha familia moi moi pobre e que sendo unha mociña veu á Coruña para intentar gañarse a vida. Sábese que con 20 anos, comezou a traballar na Casa de Expósitos do Hospital da Caridade, na Inclusa (obra que por certo fora financiada cos bens da coruñesa Teresa Herrera e Pedrosa) e da que chegaría a ser a rectora algún tempo despois. Isabel cuidaba dos cativos que eran “expostos” no torno do Hospital. Cun salario de 30 reais e unha libra diaria de pan e mais un extra mensual de 16 reais por facer arreglos e remendos na roupa dos expósitos; tamén recibiría media libra de pan e de carne para o seu fillo e doces e froitas polo Nadal. A pesar de todo parece ser que a nosa enfermeira era das que menos cobraba entre as demais traballadoras do Hopital.
En 1803 o médico Francisco Javier Balmis organizaba a expedición para levar a vacina da variola (descuberta polo británico Edward Jenner en 1796) ó continente americano, China e Filipinas co apoio do rei Carlos IV, quen lle concedera a financiación con fondos públicos para o proxecto. Balmís veu a Coruña para escoller un fato de nenos que se incorporarían A Real Expedición Filantrópica da Vacina. Tamén a reitora da Inclusa iría na expedición contratada como enfermeira tal e como constaba no decreto publicado o 14 de outubro de 1803:
“Conformandose el Rey con la propuesta de Vm. y del Director de la expedicion destinada à propagar en Yndias la inoculacion de la vacuna, permite S.M. que la Rectora de la Casa de Expositos de esa ciudad sea comprehendida en la misma expedicion en clase de Enfermera, con el sueldo y aiuda de costa señalada a los Enfer-meros, para que cuide durante la navegacion de la asistencia y aseo de los Niños que haian de embarcarse”
Litografía da Real Expedición abandonando un porto, de Manini e Cia

Zendal tiña a misión de velar polos vinteún cativos que irían na misión, atendelos durante a travesía, ocupándose da súa alimentación, aseo, vestimenta… Os nenos tiñan entre tres en nove anos, once eran do Hospital desta cidade e entre eles ía ademais o propio fillo de Isabel. Os rapaces portarían a vacina a través da súa inaculación “brazo a brazo.”O 30 de novembro de 1803 partiu a expedición cos médicos Balmís, Salvani e mais Isabel, do porto da Coruña na corbeta chamada María Pita con dous cativos incoulados. A Expedición Balmís foi un éxito e fixo posible a vacinación de máis de medio millón de persoas. Isabel Zendal Gómez nunca regresou a España e ficou en México, en Puebla de los Ángeles, onde viviu o resto da súa vida ó igual que o seu fillo.
Isabel Zendal foi proclamada pola OMS primeira enfermeira da Historia que desenvolveu unha misión humanitaria a nivel internacional. Desde 1974 o goberno de México concede na súa honra o Premio Nacional de enfermería. En Puebla, México, hai unha Escola de Enfermería co seu nome. Foi nomeada filla predilecta de Ordes en 2016. Na Coruña unha rúa, unha escultura de Acisclo Manzano e un monumento dedicado a ela e mais ós cativos que formaron parte da expedición na Casa do Home e mais un busto realizado por F. Escudero da enfermeira, fronte ó instituto de Zalaeta (no lugar onde se atopaba o antigo Hospital) inaugurado onte, lembran a esta excepcional muller.
“El Barón Jean Louis Alibert practicando la vacunación contra la viruela en el Castillo de Liancourt ” de Constant-Joseph Desbordes. (1761-1827)
“La rectora Isabel, al descubierto” por Antonio Lópéz en La Opinión (20/11/2014)
O edificio é o antigo Hospital da Caridade da Coruña