#conNomedeMuller: María Cardarelly

 


Cando se cumplen case dous séculos de que Luis Daguerre presentase o seu daguerrotipo na Academia das Ciencias de Francia, lembramos a María Cecilia Cardarelly Bousquet, nada en Zaragoza en 1845 e falecida nos primeiros anos do s.XX. Seguramente en máis dunha ocasión nos teñamos preguntado pola autoría das fotografías nas que aparece retratada Rosalía de Castro e que tantas veces temos visto publicadas en diferentes medios, nomeadamente nos libros de texto de Lingua e Literatura galegas para secundaria e bacharelato. A autoría corresponde a unha muller chamada María Cecilia Cardarelly, A familia Cardarelly-Bousquet chegou a Santiago de Compostela no ano 1864, e fixaron o seu domicilio na compostelá rúa do Hórreo. María, que contaba entón con tan só 19 anos, montou na casa familiar un estudio fotográfico, convertíndose así na primeira muller que se dedicaba á fotografía profesionalmente en Galicia. Sorprende o feito de que ninguén da súa familia tiña que ver con esta profesión. As mulleres que realizaban fotografías nesa época soían ser mulleres dun fotógrafo, ou ter o pai ou un irmán no gremio. Nada máis lonxe, os seus pais eran tintureiros de oficio e a fotografía era un mundo de homes. María foi unha pioneira neste eido. Tan só estivo activa tres anos e cunha produción tan escasa como valiosa, pois pasou á historia da fotografía galega como a autora dos retratos da nosa grande Rosalía na súa etapa de xuventude. “María retrata a Rosalía con asombrosa dignidade”  en palabras do fotohistoriador Carlos Castelao no seu traballo publicado pola Fundación Rosalía de Castro, “María Cardarelly, un lóstrego na fotografía galega” e no mesmo estudo, Castelao afirma que “as fotografías de Cardarelly son pedra fundacional da imaxe física do mito rosaliano”.

Nas imaxes, o retrato de María Cardarelly é da autoría de Eliseo Segond, realizado en Santiago cara 1867.

Actualmente o retrato no que ela mira de fronte está depositado na RAG e o de perfil, pertence ó arquivo da Fundación Rosalía de Castro.

 



#conNomedeMuller, Xulia Minguillón e as escolas de ferrado

 


E volveremos ás escolas de ferrado?

         Os días corren coma lóstregos, finaliza agosto e o panorama de inicio do curso escolar que contemplamos aparece cuberto cunha mesta néboa metálica e cinsenta que non deixa ver nin cousa a tres pés. Nestes intres de incertidume e inseguranza recuperamos a lembranza de “A escola de Doloriñas”, monumental obra pictórica que lle valeu hai xa 70 anos a unha artista galega para obter a primeira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, outorgada a unha muller por primeira vez na historia da pintura, nun mundo que tradicionalmente era dos homes. Xulia Carmen Minguillón Iglesias (Lugo, 17 de xullo de 1906- Madrid, 20 agosto de 1965) é a única pintora galega que obtén a medalla con esta obra que se fixo internacional, sendo exposta en cidades europeas como Berlín, Venecia, Lisboa e tamén en Bos Aires. A súa obra é de carácter figurativo con protagonismo feminino e nela está presente un anaco da historia da nosa pintura e do noso patrimonio etnográfico e antropolóxico. Retratos, bodegóns, escenas costumistas, a paisaxe urbana e rural. Xulia Minguillón ten recibido outros premios moi importantes ó longo da súa traxectoria, como o Primeiro do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1948 coa obra Xuventude, entre outros. Talvez A escola de Doloriñas sexa o máis coñecido. O enorme cadro  de case cinco metros cadrados,  representa unha escola de ferrado en Lourenzá (Lugo), lugar da residencia familiar da pintora e onde tiña o seu estudio. A escola era rexentada por unha muller, a mestra Dolores Chaves Vizoso, quen impartía aulas ós seus discípulos nunha estancia da súa propia casa. Grazas ós testemuños dun pequeno grupo de alumnas e alumnos que asistiron á escola e que serviron de modelos para  a pintora, temos información de como funcionaba. Eles mesmos contan que lles daban tres galletas por cada sesión na que posaban para Xulia.  A mestra vivía cunha filla costureira que a substituía cando esta enfermaba. A paga que recibía era dunha peseta ó mes,  ademais de leña e alimentos como patacas ou pan.  As escolas de ferrado chamábanse así porque na súa orixe pagábase un ferrado de trigo, centeo ou millo ó ano por cada neno que asistía á escola. O ensino impartido era moi elemental, as primeiras letras, os números, o catecismo, normas de conduta e pouco máis.  A mestra Dolores Chaves impartía as clases na cociña da casa na que o chan era de terra, os alumnos e alumnas de diferentes edades estaban nun espacio reducido non que tan só vemos unha ventá a través da que se poden ver a paisaxe que rodea á escola. Nos recreos practicaban xogos tradicionais, como a billarda os nenos  ou saltar á corda ás nenas, pero na escola estaban mesturados. A  obra de Xulia Minguillón está depositada en diferentes museos, principalmente no Museo Provincial de Lugo, tamén  no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid entre outros. Ademais foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega. Temos información académica sobre esta artista, grazas nomeadamente ós estudos da Catedrática de historia da arte galega Mª Victoria Carballo Calero, da que destacamos a súa tese de doutoramento : “Julia Minguillón”, alén de outros estudos sobre Minguillón e outras autoras da mesma xeración como Maruxa Mallo.

Na Coruña existe unha rúa dedicada á pintora, a “Rúa de Julia Minguillón” perto da Ronda de Outeiro.



 

#conNomedeMuller, as tres Maruxas

 


Lela, lela,

Leliña por quen eu morro

Quero mirarme

Nas meniñas dos teus ollos



Non me deixes

E ten compaixón de min.

Sen ti non podo,

Sen ti non podo vivir.

                         Lela, Micaela, Pimpinela son as tres personaxes femininas de Os vellos non deben de namorarse. Foron interpretadas polas actrices Maruxa Villanueva, Maruxa Iniesta e Maruxa Boga hai 71 anos, o 14 de agosto de 1941 na estrea mundial da obra dramática de Daniel Castelao en Bos Aires, no Teatro Mayo. Habería que esperar xustamente 20 anos para vela representada en Galicia, en xullo do ano 1961 en Santiago de Compostela. A obra dramática componse de tres actos ou lances, e que segundo di o propio autor, “é unha obra maxinada por un pintor e non por un literato” porque a escenografía, decorados e iluminación son os aspectos principais. Castelao válese de elementos do teatro clásico do s.XVII e XVIII, e mais da tradición e do popular cunha proposta estética vangardista. No que se refire á caracterización das personaxes, estas resultan esperpénticas e representan vicios e baixezas, especialmente as mulleres que aparecen caracterizadas dun xeito negativo, cunha moral moi cuestionábel con defectos como a avaricia, a falsidade, a falta de escrúpulos, a traición, as rexoubas. Previamente á confección da obra tal e como a coñecemos hoxe, Castelao tiña escrito Pimpinela (1934), como peza única. El mesmo leuna a un grupo de xóvenes intelectuais en Santiago. Entre eles atopábase Ramón Suárez Picallo, quen por aqueles tempos exercía a dirección artística da Agrupación Artística Compostelá coa intención de convertila nunha auténtica escola de declamación galega. Castelao tiña a intención de representala posteriormente na mesma cidade compostelá, mais o proxecto non se puido levar adiante. Cando o noso autor chega a Arxentina nos anos corenta, leva con el o manuscrito cos tres lances baixo o título de “Os vellos non deben de namorarse. Teatro de Caretas por Castelao”. Faltaba aínda o epílogo que parece engade no último momento e que segundo o catedrático Ricardo Carvalho Calero é o que realmente obedece ó titulo da peza. Segundo o profesor ós tres lances da obra acáelles mellor o título de “os vellos namóranse”. En Bos Aires existía a compañía de teatro fundada por Varela Buxán que contaba con actores e dramaturgos galegos. Esta compañía pasa a chamarse “Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva” a partir de 1939. Precisamente é Maruxa Villanueva, cantante e actriz galega quen vai interpretar o papel de Lela. Micaela será interpretada pola actriz Maruxa Iniesta e Maruxa Boga foi a protagonista do terceiro acto, interpretando a Pimpinela. As tres Maruxas. Desgrazadamente estas tres artistas veñen sendo pouco coñecidas ou esquecidas, como acontece normalmente con todas as mulleres importantes (ou non) ó longo da historia. As tres eran chamadas as tres Maruxas por un programa de radio que facían en Arxentina, de nome Galicia, emitido entre os anos 1945 e 1948. Alternaban tamén co teatro, representaban obras de Varela Buján en Arxentina e Montevideo. María Iniesta era actriz, locutora de radio, e sobre todo pianista e soprano. Ela foi quen fixo os arreglos musicais, para a canción de Lela e para o coro de estudiantes, entre outros. A actriz e cantante Maruxa Boga era filla de galegos, nacida en Bos Aires en 1915 e falecida no mesmo lugar en 2010. Ademais de actriz, foi periodista e locutora de radio en diferentes programas, nos que sempre introducía autores, poesías, cantigas e temas galegos, mostrándose sempre defensora dos dereitos dos galegos tanto na terra como na diáspora. Era coñecida como “a voz da emigración galega”. En 1998 recibe o premio “Grelo de Ouro” xunto con Maruxa Villanueva e o actor ourensán Tacholas (Fernando Iglesias), polo pulo dado por eles ó teatro galego en Arxentina. Para rematarmos, Maruxa Villanueva (Isaura Vázquez Blanco) naceu en Barrela, (Chantada, Lugo), en 1906. Xunto ó dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán forma a compañía teatral que leva o seu nome. No ano 1962 regresa a Galicia e instálase aquí definitivamente. Entra en contacto co Padroado Rosalía Castro e traballa activamente para conseguir fondos co obxectivo de restaurar a casa da Matanza, onde vivira Rosalía e convertila en Museo. Instálase en Padrón e dedícase ata os últimos momentos da súa vida a levar a Casa-Museo de Rosalía e a súa obra. En 1991 a Xunta de Galicia concédelle a Medalla Castelao. Falece un 24 de novembro de 1998 en Compostela.


#conNomedeMuller, María Vinyals

 

 María Vinyals e fillo (1906) do pintor José Garnelo y Alda. Museo de Garnelo-Montilla (Córdoba)


                        María da Asunción Vinyals e Ferrés, (Castelo de Soutomaior, Pontevedra, 14 de agosto de 1875) “a Marquesa Vermella”, así foi o alcume que recibiu a marquesa de Ayerbe, de Lierta e de Rubi, Condesa de San Clemente,  debido ás súas ideas progresistas. Pasa a súa infancia no Castelo onde nace e máis tarde reside en Madrid onde recibe a súa formación. Nos veráns regresa a Pontevedra, ó Castelo de Soutomaior. María Vinyals é unha muller dunha enorme cultura, afeizoada á lectura dos clásicos españois e extranxeiros,  toca o piano, pinta, escribe, é quen de expresarse en portugués, francés, inglés e alemán, e destaca nas tertulias da sociedade madrileña, nas que participa.  Parece ser que comeza a escreber sendo unha nena pero queima os seus primeiros textos antes de casar. A sociedade da época rexeitaba que as mulleres escribisen por ser considerada unha actividade “pouco feminina”e “contra natura”. Pese a este negativismo social, no ano 1904 publica o libro Castillo del Marqués de Mos en Soutomayor, dedicado á memoria da súa tía Zenobia Vinyals. Nesta época publica artigos en revistas españolas e americanas, artigos nos que analiza a situación das mulleres na sociedade da época, coincidindo coas teses de Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Casa dúas veces, primeiro co marqués de Ayerbe en 1896, con quen ten un fillo e do que enviúva en 1908. O seu segundo home, tamén viuvo e con tres fillos, é o médico cubano Enrique Lluria,  con quen comparte ideais políticos e sociais. Esta etapa da súa vida vai ser de intensa actividade intelectual e de claro posicionamento feminista, publicando artigos, impartindo conferencias e mesmo chegando a ser presidenta do Centro Ibero-Americano de Cultura Feminino de Madrid. A partir deste momento, vai estar centrada na defensa dos dereitos da muller, nomeadamente o dereito ó voto feminino. En 1906 publica o seu artigo “El voto de la mujer” na Revista Galicia de Madrid. Neste mesmo ano María Vinyals é nomeada académica correspondente pola recén fundada Real Academia Galega.  En 1910 María establece o seu fogar no Castelo de Soutomaior, no que vivirá en compañía do seu home Enrique e dos  fillos, e xuntos fundan alí mesmo o que será o primeiro sanatorio de Galicia, moderno e ben equipado. Posteriormente e debido á súa ideoloxía socialista terán que abandoar o Castelo. Perden clientes, ás débedas van en aumento e ó clima político orixinado pola primeira guerra mundial tampouco axuda. Inclusive houbo rumores de que foron detidos por acoller no castelo a líderes políticos, como o propio Pablo Iglesias, fundador do PSOE, ou a Giner de los Ríos. En 1917 o castelo é subastado e a parella vai primeiro para Madrid e finalmente para Cuba, en 1919. Da etapa cubana temos información grazas a escritora Anisia Miranda. Non se sabe con certeza o lugar e data do falecemento de María pero hai testemuños que apuntan que sería en París entre os anos 1940 e 1944.


Fontes empregadas:

As Precursoras. Aurora Marco (Biblioteca Gallega. Ed. La Voz de Galicia, 1993)
María Vinyals a muller do porvir. Diego Piay Augusto (ed. Alvarellos, 2019) 
María Vinyals, Álbum de mulleres, culturagalega.org
María Vinyals en www.traveler.es
Exposición sobre María Vinyals no castelo de Soutomaior: Un sueño llamado Soutomaior: María vinyal 1910-1917 (decembro de 2019)

#conNomedeMuller, María Luz Morales

                                     
No centro Mariluz Morales e á súa dereita Eduardo Blanco Amor, BCN El Español

               “Acostumbrados a ver a sus mujeres trabajando duramente en los campos como ellos, no puede a los hombres gallegos sorprenderles que también hagan versos... mejor que ellos. Los eruditos cantan, orgullosos desde las glorias de Loedegunda, hija de Ordoño II, en Samos; de Isabel Rodríguez, en Allariz; de Hermesinda, hermana de San Rosendo; de Isabel de Castro, condesa de Altamira; de Josefa de Zúñiga, condesa de Lemos; hasta las de María Teresa Caamaño, María Francisca Isla, Clara Corral, Emilia Quintero, Narcisa Pérez Reoyo, Fanny Garrido, Filomena Dato, Emma Molins, María Corredoira, Carolina Barbeito, Obdulia Prieto, Sofía Casanova y otras, y otras...  (“Kodak de vacaciones”, Morales, María Luz -El Sol [Madrid], 25 de agosto, 1929)

 

               A coruñesa María Luz Morales Godoy, “a gran dona da prensa”, nace o 23 de abril de 1890 nesta cidade. Sendo moi nova a súa familia trasládase a Barcelona, lugar onde vai residir desde entón; se ben nunca romperá a vinculación ca súa terra á que voltará en diversas ocasións. María Luz Morales foi unha auténtica pioneira do xornalismo feminino, realizando unha intensísima e brillante actividade xornalística durante toda a súa vida. A súa carreira profesional presenta múltiples facetas, como directora de revistas e xornais: La Vanguardia (1936), a revista Hogar y Moda, o xornal Diario de Barcelona, a revista Lecturas. No mundo editorial dirixiu en Salvat varias enciclopedias, como Salvat, Universita ou La Moda. El traje y las costumbres en la primera mitad del siglo XX (1947, en tres volúmenes). Como xornalista colaborou con diferentes medios: no diario madrileño El Sol, fundado por Ortega y Gasset, fíxose cargo da páxina feminina La mujer, el niño y el hogar. As súas publicacións sobre moda tiñan sempre un enfoque novedoso:

"Renovarse o morir es, claro está, el eterno dilema. Y para renovarse en este justo instante de la Moda, es preciso ante todo democratizar, simplificar las modas,  algunas de ellas  por lo menos.  Como jugar al tenis con traje de cola, o subir a un tranvía con sombrero desbordante de plumas lloronas?”  (da enciclopedia Salvat: La moda. El traje y las costumbres en la primera mitad del siglo XX)

          Como tradutora realizou as adaptacións ó castelán das películas da Paramount Pictures, chegando a ser asesora literaria da productora. No xornal La Vanguardia redactaba a crítica semanal da carteleira na sección “Vida cinematogáfica” que asinaba con nome masculino, usando o galdosiano seudónimo de Felipe Centeno.  Traduciu biografías como a de Mademe Curie e tamén os clásicos da literatura universal: Obras maestras al alcance de  los niños da editorial Araulce (Homero, Lope de Vega, Cervantes, Shakespeare…). Canto disfrutamos das súas traducións na etapa xuvenil! Lembramos na casa con especial agarimo a versión de  Peter and Wendy de James Matthew Barrie, traducido como Peter Pan y Wendy. Esta foi a primeira versión ó castelán  que se fixo desta obra. O libro, que aínda conservamos, pasou de man en man por diferentes xeracións na familia. En 1933 comeza a facer crítica teatral. O teatro era unha das súas grandes paixóns e escribiu teatro: Romance de media noche-1935, con Elisabeth Mulder, estreada en Bilbao no teatro Arriaga en 1936. En 1955 publica a súa novela “Balcón al Atlántico, (outra novela sin héroe)” na Editorial Surco, que fundara o seu sobriño Federico Ramírez Morales en 1941. A novela está inspirada na Coruña. Utilizaba entre outros o pseudónimo Jorge Marineda como tributo á cidade. A súa novela “El amor empieza en sábado” foi levada ó cine en 1958. E poderíamos seguir citando exemplos do extensísimo traballo realizado pola autora, “sempre na brecha”, como ela mesma dicía. Pero non todo foi camiño de rosas para Morales, pois a breve etapa de pouco máis de medio ano como directora de La Vanguardia en 1936, costoulle despois do golpe de estado ser acusada de colaborar coa República e de pertencer ó Partido Galeguista. Foi expedientada, encarcerada e apartada da profesión. A partir dese momento continuou escribindo para determinadas revistas, pero anónimamente ou baixo pseudónimo, como o de Jorge Marineda ou Ariel. En 1948 rehabilitada xa como periodista, pode voltar ó exercicio da profesión. En 1949 ingresou na redacción do Diario de Barcelona onde traballou ata que se xubilou.

 Pero se hai algo que como galegas debemos acentuar desta extraordinaria muller é o seu vencello con Galicia. Aurora Marco na súa obra Irmandiñas, informa do seu nexo coa terra;  vinculada ó Partido Galeguista, formou parte do Grupo Galego de Barcelona do que era Presidenta Honoraria, participando en numerosos actos como a homenaxe ós Martires de Carral en 1933, promovendo o Estatuto de Autonomía e posterior celebración pola aprobación do mesmo no 36. Segundo di A. Marco, ese mesmo ano constitúese en Santiago de Compostela a Asociación de Escritores Galegos e ela é elexida como representante da asociación. Galicia foi a protagonista de numerosos discursos, conferencias, ensaios e artigos. A defensa de Galicia, da lingua: “¿Por qué, mujer culta de Galicia, has abandonado tu  lengua, tan hecha para ti y por ti, tan expresiva en tus labios, tan dulce en tu sentir?”  (“Unha rosa de cen follas” en “Kodak de vacaciones”, Morales, María Luz -El Sol [Madrid], 25 de agosto, 1929), das mulleres ilustres como Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Concepción Arenal. As mulleres tiveron sempre un grande protagonismo na súa obra. No seu ensaio Las Románticas 1830-1930, escribe sobre mulleres relevantes como Rosalía de Castro, Cecilia Bölh de Faber, Gertrudis Gómez de Avellaneda ou Mariana Pineda, entre outras.

 Mary Luz Morales é das poucas autoras galegas do s. XX que recibiu en vida importantes recoñecimentos e premios, como o premio Nacional de Teatro en 1963 ou premio de periodismo Ciudad de Barcelona en 1972 entre moitos outros. En 2016 a Fundación La Caixa, La Vanguardia e o Observatorio cultural de Xénero crearon na súa memoria o Premio de Periodismo que leva o seu nome.  María Luz Morales Godoy, a dona do periodismo para quen escribir era o alento vital (“Yo nunca dejaré de escribir, porque me es tan necesario como el respirar”)  faleceu en Barcelona o 21 de setembro de 1980.

Desde o ano 2014 temos na Coruña unha rúa que leva o seu nome no barrio de Labañou.

Fontes:

- Aurora Marco, “ María Luz Morales e Galiza” en Irmandiñas, páxs.: 344-348 

-María luz Morales: Wikipedia/ Galipedia.org

Marcos Doespiritusanto Gallego y Helena González Fernández (EDS.): Frente a nosotras y junto a nosotras. Heroínas, mujeres, cine y moda (con textos e artigos de María Luz Morales)



Fontes:

#conNomedeMuller: A Nosa Terra

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                 O primeiro número do xornal a Nosa Terra ve a luz o 4 de agosto de 1907 na Coruña. Fundado por iniciativa de Manuel Murguía, Manuel Lugrís Freire e Florencio Vaamonde Lores, entre outros, e co editor e libreiro Eugenio Carré Aldao como director. Todos eles pertencentes á Cova Céltica e a Solidaridad Gallega. O obxectivo é potenciar os valores da terra e reivindicar a  lingua e cultura.  Nun principio é unha publicación bilingüe, con predominio do castelán, o galego queda para a creación literaria. O xornal vai ter unha longa vida, pero chea de mundanzas e altibaixos pasando por diferentes etapas durante a súa historia.  A do inicio culmina en 1912 e a partir de 1916 convírtese no órgano de expresión das Irmandades da Fala. Durante os anos 1933-36 pasa a ser o voceiro do Partido Galeguista, editado xa íntegramente en galego.  A partir de 1936 o semanario cerra as súas portas e sobrevive no exilio,  en Arxentina, entre os anos 1938 e 1972. En 1977 xorde un novo proxecto que recupera o xornal e que terá por vez primeira  a unha muller como directora, a escritora e profesora Margarita Ledo Andión. En 1980 Margarita Ledo foi substituída por Xosefina López Corral.  Ó ano seguinte a publicación foi clausurada durante uns meses acusada de atentar contra a Constitución.  Finalmente a redacción trasládase a Vigo ata que no ano 2011 a publicación deixa de existir.


As mulleres tamén participaron activamente en A Nosa Terra aínda que o seu papel non fose tan relevante, sobre todo nos primeiros tempos.  A partir da fundación das Irmandades da Fala, a mulleres van colaborar activamente coa publicación. Actividades como a iniciativa dun grupo de mulleres das Irmandades da Coruña, que promoveron a confección dunha bandeira galega para a asociación, son unha boa proba diso. Para levar a cabo este proxecto abriron unha colecta a través da revista a Nosa Terra en abril de 1917, facendo un chamamento  aberto a todas as señoras que quixesen participar. Entre as impulsoras da idea estaban Micaela Chao Maciñeira e as súas irmás, Tereixa e Carme; as fillas de Francisco Tettamancy, Amalia e Ramona; Clementina Ponte, tía dos Vilar Ponte e María Miramontes entre outras. Ademais recibiron a colaboración de traballadoras anónimas, obreiras que fixeron doazóns importantes como a das cigarreiras da coruñesa Fábrica de Tabacos ou a dun grupo de importante de mulleres de Sada, que na súa maioría estaban vinculadas co mundo mariñeiro, traballaban na lonxa ou vendendo peixe en Sada ou Betanzos.

Este poema de Eduardo Pondal aparece publicado no primeiro número do xornal:

 Qu´os bardos anunciaran;

D´as gandras largazias

As brétomas escuras s´alongaran.

Ven a maturidade;

Vosa miés verdecente;

Gallegos, despertade,

Baruda e forte xente;

Vosa fouce afiade

Como agudo crecente,

Vosa fouce faosa

Vosa fouce robusta e fulxente.

Diante de vos ondea

A barda d´ouro ardente…

Segade a vosa herdade,,

¡ay d´aquel que non sea Valente!

Segade, gallegos, con forza, segade.

 

 

#conNomedeMuller: Grândola vila morena




"Grândola, Vila Morena
Terra da fraternidade
O povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade

...
Em cada esquina, um amigo
Em cada rosto, igualdade
Grândola, Vila Morena

Terra da fraternidade"

               Grândola é unha vila do Alentejo portugués que está a media hora do Atlántico. En portugués podemos conxugar o verbo "grandolar" co significado de interromper intervencións de políticos para protestar sinalando que "o pobo é quem máis ordena"; mesmo existe o nome grandolada para indicar unha protesta. Zeca Afonso (José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos. Aveiro, 2 de agosto de 1929 - Setúbal, 23 febreiro 1987) e a Revoluçao dos Cravos tiveron que ver con isto. Xosé Afonso compuxo a canción Grândola en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operaria Grandolense, pero foi  denunciada como unha canción comunista e prohibida polo réxime salazarista. Interpretada en vivo por vez primeira no Burgo das Nacións en Santiago de Compostela, no ano 1972. Na actuación estaba acompañado do seu amigo o cantautor Benedicto García, fundador de Voces Ceibes. En Marzo de 1974, Zeca Afonso conseguiu burlar á censura e interpretou a canción nun concerto no Coliseo de Lisboa. Neste concerto había militares do Movimento das Forzas Armadas portuguesas e escolleron a canción como sinal para  a revolución. A consigna era que cando a canción soase na radio, a revolución comezaría; e así foi, sendo emitida pola emisora radio Renasença de Lisboa xa na madrugada do 25 de abril.

A diva do fado portugués Amalia Rodrígues (Lisboa, 23 de xullo de 1920 - 6 de outubro de 1999) grava un vinilo en formato single,  titulado Grândola, Vila Morena en 1974, despois da Revoluçao dos Cravos.


A actriz e directora de cinema, a lisboeta María de Medeiros  debuta no ano 2000 coa película  Capitáns de Abril (que poidemos ver o pasado venres 31 na canle 2 da TV),  baseada na Revolución portuguesa do 25 de abril.