Dinche o corazón na man

           O profesor Ramón Torrado na revista Casa da Gramática que edita o IES Virxe do Mar de Noia, publicaba o pasado ano un poema descoñecido de Rosalía de Castro co título "Dinche o corazón na man". Actualmente a Real Academia Galega vén de publicar unha edición que contén manuscritos autógrafos da propia Rosalía. Entre eles atópase o manuscríto orixinal autógrafo do poema anteriormente citado xunto con outros manuscritos orixinais inéditos, descubertos pola profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lamas, Postrimerías, e que pertencerían a última obra poética da autora, En las orillas del Sar. O achádego é de grandísima importancia, xa que son moi poucos os textos autógrafos orixinais da autora, sendo copias unha grande parte deles.
        O poema "Dinche o corazón na man" presenta un diálogo entre dous mozos namorados e que está na liña dos poemas de Cantares Gallegos; é por tanto un texto de xuventude e probablemente iría pertencer a dita obra:

Dinche o corazón na man

Orixinal autógrafo
-Dinche o corazón na man
Dincho queridiño enteiro
Ca primeiriña esperanza
co pensamento primeiro.
Dincho cal neno que nase
De ilusións brancas cuberto
Caraveliño cerrado
ó teu calor dulce aberto.

-En solitarios herbales
Era rosiña escondida,
solo para ti prantada
Para ti solo nacida.
E coma frol sensitiva
Baixo outra man se pregaba,
E solo onda ti vivía
E de ti lonxe muchaba.

 Rosalía de Castro

Ningún comentario: