Letras Galegas 2022: Florencio Manuel Delgado Gurriarán

 


O Barco da liberdade. De Galiza a México con Florencio Manuel Delgado Gurriarán

 

“Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Galicia só limita coa Saudade, elástica fronteira
que serve para o tempo e para o espacio
-onde un galego está, atópase ela-,
mais que ninguen atravesala pode
inda que leve nos papés: Poeta”.   

(Galiza infinda de Galiza infinda. Galaxia, 1963)

 



1 Do nacemento ó exilio

 

Florencio Manuel Delgado Gurriarán nace o 27 de agosto de 1903 en Córgomo (Valdeorras, Ourense). Con seis anos de idade o neno Florencio é levado pola súa familia fóra de Galicia. O traballo como perito agrícola do seu pai fará que residan en diferentes cidades españolas. Á Córgomo regresarán a pasar os veráns. “Nunca perdimos o contacto ca aldea”, di o poeta. En Valladolid, a cidade na que máis anos permanecerán, FDG realiza os seus estudos de Dereito. É precisamente durante a estancia fóra de Galicia cando esperta a súa arela galeguista. Un exemplar de A Nosa Terra do ano 1920, que alguén lle regalara, actúa como un fundamental elemento motivador. Por primeira vez pode ler poemas de Ramón Cabanillas, de Manuel Antonio, de Amado Carballo…

 

“me regalaron un número de A Nosa Terra que era un boletín de las hermandades de La Coruña, las Hermandades Gallegas. Y para mí fue una revelación, porque yo no sabía que había más gente que se preocupara del gallego –aparte de los viejos… aparte de los del siglo pasado… Curros Enríquez y Rosalía”

 

Así falaba o poeta nunha entrevista realizada no ano 1979 pola historiadora e investigadora, de orixe español, Dolores Pla Brugat (1954-2014) en Guadalajara (México). Nesta ocasión Florencio Manuel explica, que aínda que sabía e falaba en galego,  fora alfabetizado en castelán, de xeito que tivo que aprender a ler e escribir na lingua propia de forma autodidacta. Os  autores do Rexurdimento, Rosalía, Curros… foron os seus mestres, a través das lecturas dos libros que había na casa familiar de Córgomo.

 

En 1928 o noso autor torna a Galicia e traballa como avogado no Barco de Valdeorras. Son os tempos de inicio do galeguismo: intégrase no Partido Galeguista, fundado en 1931. Faise  socio protector do Seminario de Estudos Galegos, participa na Irmandade Galeguista representando a Córgomo, momento en que coñece a Castelao…Nestes anos comeza tamén a publicación dos seus versos en xornais da época, como A Nosa Terra. En 1934 ve a luz o seu primeiro libro Bebedeira, (A Nosa Terra),  un canto glorioso á súa terra de Valdeorras. O poemario contén tres partes: Bebedeira, Valdeorresas e Dionisias. Intuímos xa desde estes títulos que estamos ante un poeta da paisaxe, do agro, que celebra os froitos da terra:

 

In vino Veritas”

Está, no viño, a verdade.
«In vino veritas». Certo.
Fuxirá da falsedade,
vivirá na craridade
quen, de xeito solermiño,
de Valdeorras, beba o viño:
coñecerá, ao recuncar,
que anda a darlle, ao paladar
e á mente, lus e aloumiño.

 

Ricardo Carvalho Calero encadra estas composicións dentro da escola animista ou hilozoista, inaugurada nas nosas Letras polo poeta pontevedrés Luís Amado Carballo (1901-1927). En palabras do profesor, Florencio realiza

 

“unha descripción poética de forte alento xeórxico, dun ruralismo animista moi vigoroso e sanguíneo” das terras de Valdeorras (Historia da Literatura Galega Contemporánea,  páxs.: 726-727)

 

Ao comenzar a Guerra Civil, Florencio Manuel está en Ourense. Coa axuda de amigos e parentes consegue pasar a Portugal e en Porto embarca, de polisón, para Francia. A familia quería que seguise camiño cara América, pero el concienciado en traballar pola causa republicana, decide regresar a Barcelona.  O propio Castelao encoméndalle unha serie de cometidos para axudar  ós  refuxiados españois a fuxir ó extranxeiro.



En 1939 o Goberno da República española no exilio e o SERE (Servizo de Evacuación de Refuxiados), contando ademais coa colaboración do goberno mexicano de Lázaro Cárdenas, que lle abre as portas ós desterrados, promoven a evacuación organizando tres barcos, “os barcos da liberdade”:  o Sinaia, o Ipanema e o Mexique para trasladalos desde Francia a América. No segundo deles, un cargueiro, que se habilitara para trasladar persoas, partiría Florencio. Hai constancia de que Mexico acolleu uns 25.000 exiliados da Guerra Española entre os anos 1939 e 1942.

 

 


2 Vida mexicana

 

“Agros, mares e montes
Vilas, cibdades, cities, twons, aldeias,
os recantos do Mundo...
¡Todo é terra galega!

¡Galicia é infinda!”




 


Unha botella deitada ó mar fronte as costas galegas cunha mensaxe de despedida ó tempo que cantan o himno galego, anunciaba a partida do poeta xunto con case mil persoas máis a bordo. No barco van non só galegos, tamén vascos e cataláns; homes, mulleres, familias, que emprendían a dramática singladura cara o exilio en México. Durante a viaxe  publican  unha especie de diario, o “Ipanema”, do que se fixeron  26 exemplares. O 12 de xuño de 1939 saen desde o porto de Pauillac-Burdeos e o sete de xullo e tras unha accidentada viaxe, desembarcan por fin en Veracruz. E no boletín de a bordo aparecía publicado:

 

“Las primeras palabras que con acento mexicano he oído, fueron las siguientes: “Estais en vuestra casa” y luego: “Tendreis trabajo y libertad”

 


Florencio Manuel residirá en diferentes lugares do país mexicano realizando diferentes oficios. Inicialmente vive en México DF, onde grazas a Carlos Velo, traballa  como delegado do SERE en Toluca a 66 km da capital mexicana. Posteriormente realizará diversos traballos, como o de vendedor de calzado…ocupación que daría o seu beneficio no plano amoroso. Uns románticos zapatos van conducilo ata a que será a súa compañeira de vida, Celia Teijeiro, filla de emigrantes galegos. Ela  traballaba  nunha das tendas nas que  o poeta vendía o xénero e así foi como se coñeceron.  Casarían en 1944 e terían cinco fillos. En 1949 Florencio entra nos laboratorios Queralmí, e nesta empresa permanecerá  ata a súa xubilación en xullo de 1976. A familia Delgado Teijeiro vai residir primeiro en Ciudad de México e despois en Guadalajara.  O traballo facilita que o escritor viaxe por distintos lugares do país: Zamora, Uruapán, Michoacán, Morelia, Nayarit, Sinaloa, Sonora, Baja California…

 

O poeta obtén a nacionalidade mexicana en 1940 e a preocupación por Galicia segue a ser unha das súas maiores teimas. Florencio Delgado implícase en todo tipo de actividades a prol da terra. Xunto con outros exiliados, impulsa xogos florais, concursos literarios, concursos de tradución, nos que o propio poeta participa con versións ó galego de poetas franceses (“Barco bébedo”, interpretación do “Bateau Ivre”de Rimbaud). Intervén en revistas  como “Saudade, verba galega en las Américas” da que saen  7 números. En 1943 o Partido Galeguista realiza por vez primeira en México unha publicación de carácter colectivo, o Cancioneiro de loita galega.  Trátase dun libro de poesía de carácter social e reivindicativo. O escritor Florencio é o responsable da antoloxía, ademais de contribuír con poemas propios.

 No plano político destaca a sinatura do pacto Galeuzca que en 1944 redacta co profesor exiliado Xoán López Durá. En 1953 é membro fundador do Padroado da Cultura Galega, organismo que desenvolverá diversas actividades, conferencias,  programas de radio,  como o dominical “A Hora de Galicia”, en onda durante varias décadas na capital mexicana. No cume destas angueiras sinalamos a creación da revista Vieiros. Florencio Manuel Delgado Gurriarán é un dos fundadores. Esta publicación, da que sairán tan só catro números (1959-1968), revive o ideario da Xeración Nós e do Seminario de Estudos galegos:

 

“Por iso arelamos ser unha pubricación da Galiza única, co pensamento, co curazón, cos pés  e coa vida na Terra, para sinalar os VIEIROS da nosa cultura diferenzada, do noso xeito de ser e de vivir…”

 

Proclaman os impulsores no manifesto titulado Alicerce que abre a revista.

Florencio Manuel Delgado formará parte da dirección, xunto ó xornalista Luís Soto, quen fora secretario de Castelao no exilio, e o cineasta Carlos Velo:

 

“Niste gran e ben querido México, abrimos as nosas páxinas o pensamento dos portugueses e galegos, -con singular agarimo o dos que viven na Galiza- respeitando con lealdade todalas ideias que afirmen a cultura e a persoalidade da Nosa Terra: a Galiza infinda e universal”. (Alicerce, Vieiros)

 

A defensa e preocupación do poeta pola situación do noso idioma, están presentes dun modo relevante en poemas e ensaios de carácter sociolingüístico. Como exemplo sirva o pequeno texto en prosa titulado Revisión da voce “gallego” publicado en Vieiros:

 

“Pola iniciativa do prestixioso xurisconsulto e douto membro numerario da Real Academia Galega Don Sebastián Martínez Risco, a devandita Academia acordou dirixirse á Hespañola pra pedirlle a supresión de certas aceizóns peiorativas da verba “gallego”. Ista moción foi aceitada pola venerábele Corporazón  madrileña, con afagadeira engádega de trocala aceizón “dialecto” pola máis axeitada –a uníca axeitada diríamos nos-  de “lengua”

 

No ano 1975, o Centro Galego de Buenos Aires faille un encargo para a revista “Galicia”. Tratábase de conmemorar o 25 aniversario da morte do seu admirado Castelao, “o Guieiro”. Moitos dos seus poemas de carácter combativo serán incluídos no seu derradeiro libro O soño do guieiro, subtitulado Xeiras dun galeguista (Ediciós do Castro, 1986) un ano antes da súa morte.

 

“Levan a Cristo por fóra, /levan o demo por dentro

Pregan o Santo Rosario/ e andan a matar labregos”

 

 



3 Un achegamento ós poemas galego-mexicanos

 

É na súa obra Galiza infinda, publicada en 1963 por editorial Galaxia na Colección Salnés de poesía, onde se atopan os catorce poemas galego-mexicanos. A súa  produción poética anterior tamén é incorparada no libro, maiormente do seu poemario Bebedeira.  A fórmula “o novo e mais o vello” resume a súa característica principal. O poemario está organizada en cinco apartados: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas mexicanos. O exemplar abre con tres poesías soltas: “Galicia infinda”, “Nomes” e “Resposta a Rosalía”. Na obra o poeta mantense na liña estética animista ou hilozoista (Amado Carballo, Manuel Antonio)  e modernista (Ramón Cabanillas). En palabras do profesor Ricardo Carvalho os poemas galego-mexicanos

 

“houberan podido constituir por sí sos un libro que resultaría máis homoxéneo que o que agora os contén” (obra citada).

 

A novidade dos devanditos poemas consiste na exploración dun camiño estético de mestizaxe de ambas culturas,  galega e mexicana,  logrando uns resultados realmente orixinais e únicos. A súa capacidade lírica para describir a paisaxe,  a xeografía do país que o acolle,  as xentes, as tradicións, costumes, é sorprendente.  O uso da linguaxe crioula, con expresións propias do español americano, estructurado sobre unha sintaxe sinxela, de oracións curtas ou frases, moitas exclamativas, co galego como canle de transmisión,  resulta dunha mestría difícilmente superábel.

 

“Diante da fría cervexa

(loira dona enfeitizada,

no seu cabozo de vidro

para sempre engaiolada,

porque morre en bico enxoito

si é do feitizo ceibada)…

 

¿Qué arela eu teño do Sputnik,

do Xúpiter, nin de nada?

¿Ímola andando, nonsÍ?,

que a vida cedo romata!

 

Xa o faro o seu ollo chisca

a pantasmiña da Laika.

 

 

A través de innovadores versos percibimos unha Galicia moderna, que está o día dos progresos da ciencia, da exploración espacial (o Sputnik, a cadeliña Laika) libre, sen complexos manifestándose por medio de atrevidas e divertidas metáforas (a cervexa é unha dona enfeitizada e engaiolada nun cabozo de vidro e que morrerá se a liberan do feitizo) e personificacións (o faro chisca un ollo) combinadas audazmente con temas clásicos como o “Carpe Diem” horaciano (que a vida cedo romata).

A nosa épica, mitos, lendas, heroes como Breogán, a Santa Compaña, “milleiros de Melibeas- con feitizos de sereas”; agóchanse nuns versos que aturuxan. Así atopamos ó poeta convertido en “Odiseo” coa súa dona “Penélope crioula” no poema O viaxeiro. O poeta está a tecer deste xeito páxinas da súa propia biografía, que é tamén a biografía da Galicia dos exiliados.

 

“Novo Odiseo, a vida paso en xeira
por mal pra cinco bocas de papoula.
Miña dona, Penélope crioula,
fica a tecer, de cote, a súa angueira.

E vou sen inquedanza viaxeira,
pois xa teño nas sens lixos de foula,
co anceio de voltar, criancil troula
é, pra min, ataxenta ventureira.

Camiño con disfrace de estraverso,
coma calquera comercial axente,
a visitar galenos e farmacias.

E namentras en min xermola un verso
vou, por fora, a nadare coa corrente
¡e ata a rir chego do siareiro as gracias!

 

A fusión, a mestizaxe lograda polo autor é perfecta. No poema Morelia:

 

“Morelia silenzosa,

é loira Compostela

esquencida de choivas”   

 

Ou en “Conto sinxelo” atopamos:

 

“Laídos de huapango,
atruxos de alalá...”

Vemos como o noso idioma transmite como se fose seu o léxico  américano, as expresións na lingua prehispánica, (da lingua azteca náhuatl). A linguaxe transpórtanos maxicamente ó outro lado do océano, introducíndonos no país americano:

 

“Teño unha noiva “jarocha”:

coor, mel e arume de mangos,

rítmico van de boleros,

quente paixón de huapango

 

Neste fragmento de Nouturnio de noiva “jarocha”, comprobamos que “Jarocha”ou jarocho”, é como se chama ás persoas nacidas no porto de Veracruz, que bailan, o “huapango”, danza tradicional mexicana. O léxico autóctono flúe doadamente polos versos: as “chachalacas” (aves) que pousan nos” loureiros”; o tabachín ardente”, que frolece en primavera; o volcán Paricutín que “aínda bota fume este ano”; o baile, o “xarabe tapatío, -ledo coma un rechouchío, / é unha danza rebuldeira, -parenta da muiñeira”, son expresión maxistral das vivencias do poeta por veces ledas, festivas, por veces fortemente sensuais como en “Rumba”:

 

“Teu van é o centro do mundo;
teu embigo dictador
dos pauciños,
as maracas
e o bongó;
ollos a chiscar de bulra
os amerodos dos peitos;”

A vida con humor e a ironía que asoma desenfadada no relato de algunha situación talvez vivida polo autor:

 

“Súpeto, estoupa a pistola, pois seica se “armou a bola””.

desfeita pola liorta –esvaise, a festa, na porta

só fica un home tendido, novo herói para un “corrido”,

e istas son bariles lendas, -de “Ai, Xalisco, non te fendas!”

 

A vida  é música e baile: Nun “nouturnio” de novia jarocha“Ledo rolar de danzóns” “rítmico van de boleros”, “maracas do recendo que tanxen un son de herbaboa”. Tamén presentes, como non,  as nosas muiñeiras e alalás

En definitiva a vida nunha terra, que saudamos mediante os seus topónimos e antropónimos:

 

”Nomes de Michöacan,

son garruleiro e lisgairo:
Tsintsunsan, Paricutín,
Sirahuen, Uruapán, Ario…


Nomes que conviven en harmonía cos nosos propios topónimos, como se todos eles formasen parte dun mesmo lugar:

 

“de antergo e de nobre alamio:
Nomes da veira do Sil,
Val de Afreixo, Val de Godo,
a Pena da Moura, o Castro..,”

 

 Para o autor non existe máis que unha soa Galicia,  unha” Galicia infinda” que cada galego lévaba consigo alí onde vaia. Este pensamento pangaleguista queda expresado nos ideais da revista Vieiros:

 

 “unha Galia única, co pensamento e co corazón”,

 

Pero a evocación dos lugares patrios conduce inevitabelmente á nostalxia

 

“Nomes, nomes de Valdeorras,
¡dóce e sonoroso canto!”

 

Ou a un pesimismo tráxico pola ausencia irremediábel

 

“Sede en min nunca amatada,
sede en min xamáis dormida,
da verde Terra arelada,
a das choivas benquerida.”

 

Despediremos este apartado co esperanzado poema “Volta”:

 

“Nunha ridente alborada

vai o tren, cara o meu lar,

tanxendo unha pandeirada

coa lediza de voltar.”

 


4 Volta a Galiza

 

Trinta anos despois da súa chegada a Mexico, Florencio Manuel regresará tan só en tres ocasións á súa amada Galicia. A primeira no ano 1968 (a súa causa política por fin fora pechada) para reencontrarse ca súa familia tres décadas despois. Oito anos máis tarde volve por segunda vez e pensa en revitalizar o Partido Galeguista.

 

 En 1981 o poeta está de novo aquí. Ediciós do Castro publica a súa obra Cantarenas. Poemas (1934-1980).  Nese mesmo ano ten lugar a súa toma de posesión como membro correspondente da Real Academia Galega nun solemne acto celebrado no Barco de Valdeorras. Asemade é nomeado membro de mérito dos Estudos Valdeorreses e actúa como pregoeiro nas festas do Cristo no Barco. O poeta nesta ocasión proclama que leva Valdeorras “chantada no corazón”. Desgrazadamente esta é a derradeira vez que volve á Galicia.

 

En 1986 Ediciós do Castro publica O soño do guieiro, Xeiras dun galeguista. Ao ano senguinte falece Florencio Manuel á idade de 84 anos, un 14 de maio, en California, en casa dun dos seus fillos. No presente 2022, cando se cumple o 35 aniversario da súa morte, A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras.

 


5 Epílogo

 

“Ti  cantar, cantar, cantache,

cantache, que ben sabías;

cantache de grasia chea:

¡vos (voz) groriosa da Galicia!”

 

Permítasenos que estes versos pertencentes ó poema “Resposta a Rosalía” que o propio Florencio Manuel Delgado Gurriarán dedicou á “Ruliña do Sar” (como el a chamaba), sirvan tamén de sincera homenaxe ó autor dos mesmos. E que soe potente o noso Himno  aquén e alén dos mares, acompañado da “maraca da lúa” e do “runxe-runxe das estrelas” para honrar a memoria do poeta rumoroso!

 

 

As fontes:

-Barcos de la libertad. La evacuación de los refugiados españoles a México (1939-1942). Residencia de estudiantes 2020

-Entrevista a Florencio Delgado Gurriarán realizada por Dolores Pla Bruguet en Guadalajara (Mexico), en agosto de 1979. (Instituo Nacional de Antropología e Historia de México-INAH)

 -Galicia infinda. FDG. Editorial Galaxia 1963

-Historia da literatura galega contemporánea. Ricardo Carvalho Calero (Galaxia, 1981)

-O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán. Miro Villar (https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/1988640.pdf.)

-Real Academia Galega. Letras Galegas 2022

-Vieiros. A Nosa Terra 1989, (edición facsimilar)

 

 

 

 


 

Ningún comentario: