#coNomedeMuller: Adela Velarde

 Adela Velarde Pérez (Chihuahua, 1900- EEUU, 1971)



“...En lo alto de la abrupta serranía,

acampado se encontraba un regimiento

y una novia que valiente los seguía

locamente enamorada del sargento.

 

Popular entre la tropa era Adelita,

la mujer que el sargento idolatraba

porque además de ser valiente era bonita

y hasta el mismo coronel  la respetaba.

 

Y se oía

que decía

aquel que tanto la quería…

 

 Si Adelita quisiera ser mi esposa,

y si Adelita ya fuera mi mujer,

le compraría un vestido de seda

para llevarla a bailar al cuartel.

Si Adelita se fuera con otro

la seguiría por tierra y por mar,

si por mar en un buque de guerra

si por tierra en un tren militar..."

 

          A “Adelita”da canción existiu realmente, chamábase Adela Velarde Pérez e naceu en Ciudad Juárez en Chihuahua en 1920. A protagonista do corrido fíxose moi popular durante a época da Revolución Mexicana, participando como enfermeira. Con apenas 13 anos incorporouse á Cruz Blanca Constitucionalista que fora fundada por outra muller, a activista Leonor Villegas de Magnón . Adelita, como axiña a chamaron, desenvolvía a súa tarefa atendendo ós soldados das tropas de Pancho Villa feridos en combate, que formaban a chamada División Norte. 

O doctor José Alberto Galindo,  cronista principal de Coahulia de Zaragoza (México) explica no seu libro "Un cielo lleno de metrallas: La verdadera historia de Adelita", que esta muller sería a protagonista do famoso corrido. Sucedeu que entre os feridos que atendía esta xoven, estaba o sargento Antonio Gil Del Río Armenta que acompañaba a Villa. Este namorouse de Adela Velarde e dise que el mesmo tería composto o tema. Adelita e Antonio fixeron plans de voda, mais o sarxento morreu nun combate en Torreón (Coahuila). Co tempo a canción convertiuse nunha arenga para chamar ós soldados á loita. Adela ou Adelita debido á súa eficiencia, entrega e xenerosidade convertiuse nun mito inspirando o nacemento da figura das Adelitas, xa que así se chamou a partir de entón ás  soldadeiras que participaban na contenda facilitando alimentos e armas e que non eran só  enfermeiras, senón tamén periodistas, espías, cociñeiras ou amantes.

A escritora e periodista Elena Poniatowska (París, 1932, tamén con nacionalidade mexicana) afirma no seu  libro "Las soldaderas" que sen elas a Revolución mexicana non tería sido posible. Con esta obra Elena quere render homenaxe a estas mulleres anónimas que permaneceron invisibles inxustamente,  xa que apenas foran obxecto de estudo dos historiadores durante o pasado século. 


Cada 20 de novembro Adela Valverde revive xunto as outras soldadeiras, personifícándose nas mociñas que se visten de Adelitas para celebrar o día da Revolución Mexicana.


  Na tradición mexicana existen unhas  bonecas chamadas “Adelitas”, que son unha representación artesanal da súa cultura. Son realizadas polos artesáns con trapos en diferentes tamaños, lucindo os típicos vestidos con listóns de cores e adornadas con alegres cintas e peitedas con fermosas trenzas.

 

 Fontes:

Na fotografía Adela Velarde. É unha imaxe do INAH, Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México (sede en Ciudad de México)

-Poniatowska, Elena. (1909) Las soldaderas. D.F., México: Era en coedición con Conaculta /INAH


 

 


Ningún comentario: