#conNomedeMuller: Marilyn French



 “I need a lot of sleep, and so I like to be in bed by then

I must have read a while
The latest one by MARILYN FRENCH or something in that style”

The Day Before You Come cantaba ABBA, o grupo sueco de pop-rock (1972-1982) mencionando na canción a Marilyn French, a profesora e escritora feminista americana autora de “A habitación das mulleres” (A Women´s room). Unha amiga tivo a boa idea de regalarme un exemplar de peto polo meu aniversario. Eran os anos 1986 ou 88, ou por aí. Xa choveu! A novela andivo despois perdida por algún curruncho ata que este verán atopeina por fin entre os libros gardados en caixas durante unha reforma na casa. Agora, aquí estou, lendo nela máis de trinta anos despois. Marilyn Edwards nacía en Brooklin, New York o 21 de novembro de 1929. Realizou os estudos de filosofía e literatura inglesa na Universidade de Hofstra College, en Hempstead, (Long Island) graduándose en 1951 e obtivo o doctorado na universidade de Harvard en 1972, tras divorciarse de Rober French con quen casara en 1950. Foi profesora de inglés nas universidades de Hofstra (1964-1968) e no College of the Holy Cross de Worcester (Massachusetts, 1972-1976). A primeira obra de Marilyn foi unha tese sobre o escritor irlandés James Joyce, mais o libro que a fixo famosa internacionalmente foi a súa novela ó principio mencionada “A habitación das mulleres” publicada no ano 1977. Nesta obra a autora narra as vidas de Mira e un grupo de amigas na América dos anos 60 e 70 do s.XX. As personaxes femininas levan unhas vidas adaptadas ó sistema onde o matrimonio e a maternidade aparentan ser unha saída aínda que na realidade as mulleres son anuladas e sen posibilidades de alternativas frente as regras de xogo impostas polos homes.

“Que fixeches durante todo o día,
preguntou o homiño á criadiña,
non tes máis que facer salvo chorradiñas,
limpar o pó e levar o té nunha bandexiña
e cantar alto co teu corazón, contenta,
mentres eu saio a loitar para pagar a renda”
(A habitación das mulleres, 3ª parte, cap.7)

Con esta novela traducida a 20 idiomas e con máis de 20 millóns de copias vendidas French convertiuse nunha ideóloga fundamental do movimento de liberación das mulleres, nunha académica que líderaba a corrente de opinión feminista a nivel mundial. O libro supuxera daquela un escándalo e en moitas ocasións a crítica acusaba a autora de escribir unha novela que ía en contra dos homes. O certo é que Marilyn dedicou o seu esforzo e a súa vida en traballar para cambiar a sociedade machista instalada na época, para convertila nunha sociedade feminista:

"O meu obxectivo na vida é mudar toda a estructura económica e social da civilización occidental, para convertilo nun mundo feminista.” (En The New York Times, 4 de maio de 2009)
No ano 2002 publicaba unha extensa obra académica en tres volumes sobre a historia das mulleres: “Do mencer ó solpor: unha historia das mulleres “( From eve to dawn: a history of women)
Marilyn French tiña 79 anos cando faleceu hai once en Manhattan onde vivía, o 2 de maio de 2009.





Na foto Marilyn French en 1985. Por Ruby Washington en The New York Times

Ningún comentario: